O 60% das mulleres afirmou recibir algunha vez algún tipo de acoso, destacando o acoso "verbal" e a invasión do espazo persoal, pero tamén o acoso físico directo e as "persecucións"
A asociación feminista de artistas 85C está a poñer en marcha un protocolo de actuación contra as violencias e acosos machistas que se producen nos locais nocturnos. Para iso, nas últimas semanas levou a cabo encontros con medio cento de persoas para tentar poñer en común as situación que sofren habitualmente as mulleres nestes espazos, tanto as usuarias dos locais como as persoas que traballan neles. E, ademais, para pensar posibles melloras e solucións que sirvan para evitalos ou para reaccionar de forma axeitada cando se producen.
A entidade reuniuse, así mesmo, con responsables de numerosos locais nocturnos vigueses das rúas Churruca e Irmandiños, para presentarlles o proxecto e sondear a posibilidade de que apliquen o protocolo (denominado "Ollos abertos") aínda en preparación. De momento 85C segue a recoller información e testemuñas de situacións sufridas por mulleres a través de de dous formularios online, un para o público dos locais e outro para os traballadores e traballadoras dos locais.
O colectivo destaca que a práctica totalidade das respostas negou ter recibido axuda rápida e directa por parte do persoal
Nos cuestionarios, a asociación pregunta se se consideran "seguros" os lugares, se hai locais "que definitivamente necesitan unha intervención urxente" ou se os propios bares "actúan en consecuencia ante a alerta dun acoso". Ademais, ao persoal que traballa neles pregúntaselle se teñen xa un protocolo de actuación considerado ou sobre a predisposición a introducir cambios.
Entre as persoas que xa responderon ás enquisas, o 60% das mulleres afirmou recibir algunha vez algún tipo de acoso, destacando o acoso "verbal" e a invasión do espazo persoal, pero tamén o acoso físico directo e as "persecucións". Con menos respostas, tamén apareceron a violencia sexual e o consumo de drogas de forma involuntaria. O colectivo destaca que a práctica totalidade das respostas negou ter recibido axuda rápida e directa por parte do persoal.
85C salienta que no proxecto xa están involucrados locais como son a Sala Kominsky, o Tinta Negra, A Casa de Arriba, a Brewing Records, o Apiramoira, o Candelas ou o Vitter Bar. Entre os cambios propostos está a aplicación dun protocolo de actuación interno "que indique como actuar eficazmente en cada situación, tanto se o acoso é para o público, para o persoal que traballa detrás da barra, ou para as artistas". Así mesmo, prevese a colocación de carteis con normas para os consumidores "prohibindo directamente os distintos tipos de violencias". Ademais, proponse aumentar a comunicación entre a persoa acosada e o persoal.
"A iniciativa xorde de falar entre nós, como usuarias de locais ou tamén como traballadoras -grupos de música, camareiras, djs...-, decatándonos de que estas situacións nos pasan a todas, unha e outra vez"
Por último, tamén expoñen algunhas melloras físicas, como son a creación de barreiras espaciais entre Djs e público e a iluminación das zonas máis escuras das discotecas, "onde xorden a maioría dos acosos
físicos". Falamos con Eva Comesaña, unha das responsables de 85C.
Levades varios meses traballando neste proxecto, primeiro de maneira interna, e despois buscando a participación doutras persoas e tamén dos propios locais. Como foi ata agora a preparación deste protocolo?
Fixemos varios encontros, mixtos e non mixtos, para analizar a problemática e deseñar os obxectivos que queremos acadar con este protocolo. A partir dese primeiro esquema reunímonos con diversos locais da zona de Churruca e Irmandiños para saber que pensan sobre este tema e se estarían dispostos a facer certos cambios e aplicar este protocolo. A resposta foi bastante positiva e moitos deles amosáronse a favor de aplicalo.
Nos cuestionarios que xa recollestes constátase a existencia de agresións e acosos considerados graves, pero tamén outros -acoso verbal, invasión do espazo físico...- que moitas veces pasan case inadvertidos, seguramente pola súa extensión, porque xa se asumen como normais na noite?
Si, totalmente. Nos locais nocturnos acábanse normalizando certos comportamentos que non se poden aceptar como normais, porque ao final son acosos. O que pasa é que non se denuncian, non se visibilizan. A nosa iniciativa xorde de falar entre nós, como usuarias destes locais ou tamén como traballadoras -integrantes de grupos de música, camareiras, djs...-, decatándonos de que estas situacións nos pasan a todas, unha e outra vez.
"A iluminación é un aspecto moi importante para reducir este tipo de acosos, sobre todo en certas zonas dalgúns locais"
Detectades tamén que os locais non teñen protocolos para actuar cando isto sucede...
O que nos din dende os locais é que na actualidade non teñen nada previsto ante este tipo de situacións ou comportamentos, non hai protocolos. Nalgúns si que teñen algún tipo de norma de actuación, pero moitas veces non se decatan do que sucede, porque o persoal está a traballar e as persoas agredidas ou acosadas non denuncian a situación. Este protocolo busca ofrecer ferramentas ao público e ao persoal, para que saiban como responder ante isto.
Propoñedes tamén algunhas medidas para tentar reducir as situacións de acoso e as agresións, algunhas máis informativas e outras que implican cambios físicos nos locais. Cales, por exemplo?
Identificamos varias problemáticas que suceden con moita frecuencia e chegamos á conclusión de que a iluminación é un aspecto moi importante para reducir este tipo de acosos, sobre todo en certas zonas dalgúns locais. Tamén a existencia de barreiras físicas para algunhas traballadoras: no caso das DJs ou das músicas adóitase traspasar unha barreira que as deixa indefensas ante o acoso. Ou tamén no caso das camareiras, que si contan cunha barreira física -a propia barra- pero que moitas veces é insuficiente e teñen que aturar todo tipo de comportamentos rexeitables.
Veremos carteis de 'prohibido acosar sexualmente' nos locais? Dá a impresión de que non deberían ser necesarios, que é algo que os homes deberían saber...
Nos locais hai carteis de 'non fumar' e a xente non fuma. De igual xeito, se se lembra que nese local está prohibido o acoso, os clientes deberán saber que nese lugar non se pode acosar ás mulleres, e que non importan as escusas de estar baixo os efectos do alcohol ou de calquera outra substancia.
"Redactaremos o protocolo en conxunto cos locais que estean dispostos a incorporalo e achegaremos ferramentas e formación para que os locais e o persoal poidan aplicalo correctamente"
Cales son os próximos pasos para poñer en marcha o protocolo?
O primeiro obxectivo é ter o maior número posible de respostas. En segundo lugar, redactaremos o protocolo en conxunto cos locais que estean dispostos a incorporalo e achegaremos ferramentas e formación para que os locais e o persoal poidan aplicalo correctamente. Ademais, queremos que contar con algún foro para facer un seguimento público do protocolo, para que non quede simplemente nun papel, de xeito que se un local non cumpre co protocolo poida ser denunciado.
Máis aló do protocolo, estades preparando dende a asociación 85C algunha das actividades artísticas nas que habitualmente traballades (por exemplo o Festival 85C ou o festival Nas Verzas)?
A verdade é que nestes momentos nos estamos centrando máis no activismo e nestas accións, que consideramos que son bastante urxentes. Por iso na actualidade aínda non temos ningunha data pechada para facer estes eventos, pero seguro que organizaremos algo. De momento, estamos traballando nisto e na organización do 8M.