Que ocorre cando o maltratador é un militante de esquerdas? E cando a agredida é unha "muller forte", segundo o estereotipo socialmente dominante? Das moitas expresións da violencia sexista, a que se produce en espazos nos que, en teoría, a loita pola igualdade é algo asumido, pode ser unha das máis invisibilizadas. A investigadora vasca Tania Martínez Portugal realizou un estudo no que recolle as narrativas de mulleres de distintos movementos sociais que sufriron violencia por parte das súas parellas, ex-parellas ou compañeiros de militancia. Concluíu que o sexismo persiste neles coas mesmas lóxicas que perpetúan a violencia contra as mulleres en calquera outro contexto social. Con algunhas especificidades como os mecanismos de negación da mesma -que levan demasiadas veces a cuestionar e deslexitimar a agredida- ou a subxectividade feminista das militantes, que favorece a reesiliencia das mulleres, que non son vítimas pasivas incapaces de atopar saída.
Contaches co apoio de Emakunde, o instituto vasco da muller, para facer a túa investigación. De que maneira?
Emakunde convoca cada ano tres bolsas de investigación para proxectos asociados ao xénero. Eu presentei o meu proxecto e gañei unha desas tres bolsas. Era un proxecto que xa tiña en mente para a miña tese, que estou acabando agora. O traballo que ti puideches ler, Transformando imaginarios sobre violencia sexista en el País Vasco. Narrativas de mujeres activistas, é un primeiro traballo dentro dese proxecto de investigación máis amplo. Agora estou afinando máis e a verdade é que a tese gústame máis ca ese traballo, pero sen dúbida a bolsa supuxo un avance moi grande, porque eu estaba investigando sen ter unha bolsa.
Por que escolliches o tema do sexismo e a violencia sexista nos movementos sociais? Non é un tema moi investigado, se cadra.
En realidade non é un tema tan novo. O que pasa é que foi tratado, sobre todo, dentro do movemento feminista. Hai bastante material creado dentro dos propios movementos sociais, sobre todo de Catalunya e de Euskadi, que eu incorporei, ademais, ao meu marco teórico. Porque parte do meu obxectivo era poñer en valor todo este material ao que, a nivel académico, non se lle presta atención. Ademais, estiven un tempo de estancia na Universide de Glasgow, onde puiden tamén consultar a literatura anglosaxona sobre o tema.
E por que xorde? Pois a partir dunha experiencia propia. Se falamos de epistemoloxía feminista, é importante dicir desde onde se produce o coñecemento, neste caso desde a experiencia encarnada, e ademais porque sabía que a outras mulleres pasáralles algo similar ao que me pasou a min. Por iso quixen facer a miña achega ao tema.
"A investigación reúne as narrativas de varias mulleres que diferentes movementos sociais de Euskadi que sufriron violencia sexista por parte das súas parellas, ex-parellas ou compañeiros de colectivo"
A investigación reúne as narrativas de varias mulleres que diferentes movementos sociais de Euskadi que sufriron violencia sexista por parte das súas parellas, ex-parellas ou compañeiros de colectivo. Recolle a reflexividade de mulleres que levaban tempo en colectivos mixtos, a aprendizaxe que se produciu a partir do que viviron, e o que fago eu é sistematizar a información. Tamén fixen grupos de discusión e unha sesión de contraste para facer unha posta en común.
Imaxino que se se fixese un traballo así en Galicia, falando de organizacións políticas e movementos sociais da esquerda, podería incomodar moito. Que reaccións tiveches en Euskadi?
A verdade é que me daba igual. Levaba xa cinco anos desde que xurdira a idea, era o meu proxecto de tese e non me preocupaban as posibles reaccións. En paralelo fomos facendo actividades para devolverlle á comunidade, e ás participantes, a información sistematizada, o coñecemento que estabamos a construír. Fixemos charlas e, na primeira delas, o primeiro en falar foi un home ao que se lle ocorreu recomendarnos un libro. Pero eu non penso que sexa valente nin nada así por estudar este tema. Eu tiña proxecto e tiven a sorte de atopar mulleres que confiaron en min e coas cales construín as súas narrativas da experiencia do maltrato. Iso era o importante. Mais, si, á xente cústalle mirar para dentro. Nos movementos sociais faise unha distinción entre o nós e o outros que atribúe cuestións como o sexismo e a violencia sexista aos outros. Iso é cousa dos outros, non nosa.
"Nos movementos sociais faise unha distinción entre o nós e o outros que atribúe cuestións como o sexismo e a violencia sexista aos outros"
O obxectivo da miña investigación, precisamente, era romper o imaxinario social sobre a violencia sexista que impide identificar a súa experiencia co maltrato porque nin as vítimas encaixan co estereotipo de vítima nin os agresores encaixan co estereotipo de home reaccionario e agresivo que amosa a cara máis visible da agresión. Nos movementos sociais considérase que a violencia sexual é algo que lles ocorre a outros, pero non a eles. En realidade, a violencia sexista é a mesma: hai unha continuidade, pero o escenario cambia. E para ver isto hai que ir máis alá dos estereotipos: o mito do amor romántico, a dicotomía público-privado…
Unha idea na que insistes é a necesidade de non presentar as mulleres agredidas como vítimas pasivas, senón colocalas nun escenario de resistencia fronte ao poder, ao que son capaces de facer fronte, resistir e sobrevivir e, segundo o cuarto paso que engades ti mesma, politizando a experiencia.
Iso ten que ver co imaxinario social sobre a violencia. Hai unha forma moi concreta de producir coñecemento sobre a violencia. É o que chamo “epistemoloxía patriarcal da violencia”. O imaxinario tradicional sobre a violencia está construído sobre o pensamento patriarcal. Por iso a importancia de investigar dándolles voz ás mulleres que viven situacións de maltrato. Pero nunha clave de resistencia, da consciencia da necesidade de romper con ese imaxinario dominante. E un dos primeiros actos de resistencia é nomear a violencia nas propias palabras das mulleres. Chamarlle violencia ao que elas consideran que é violencia.
"O imaxinario tradicional sobre a violencia está construído sobre o pensamento patriarcal. Por iso a importancia de investigar dándolles voz ás mulleres que viven situacións de maltrato"
Trátase, ademais, de onde poñer o foco, que ademais de ser nas expresións da violencia en si, debe ser en todo o que fan as mulleres para evitar ser violentadas. Hai discursos sobre que ás mulleres lles gusta, que se afán á violencia, que o permiten… E todo iso reforza ademais o mito da pasividade das mulleres. Hai mulleres que, para evitar as situacións de ansiedade e angustia que viven, adoptan estratexias para evitar a escalade de violencia. Parte da literatura interpreta que iso é non facer nada, pero non é así: tentar evitar o sufrimento non é permanecer pasiva. Hai moitos exemplos de mulleres que comezan a desobedecer as parellas, aínda que sexa en pequenas cousas. Buscan maneiras de poñerlle límite ao poder e control sobre elas.
"Falo de politizar a experiencia porque elas conseguen actuar dunha forma reesiliente, tirando unha aprendizaxe do que viviron, logrando saíren reforzadas"
Despois é evidente que hai un imaxinario que fala de vítimas, e non de superviventes, aínda que o de superviventes escóitase máis agora. As mulleres conseguen facer fronte, resistir e sobrevivir, e iso non o digo eu. A cuestión, e por iso falo de politizar a experiencia, é que elas conseguen actuar dunha forma reesiliente, tirando unha aprendizaxe do que viviron, logrando saíren reforzadas. E aí entra a subxectividade feminista, que lles permite facer unha relectura máis completa, e revolucionaria, do que lles pasou. Eu traballo con casos reais, con mulleres que accederon a participar, o cal tamén é un acto político. Non entrevisto aos maltratadores e iso tamén é unha escolla consciente. Eu quería producir teoría a partir das voces das mulleres, poñéndoas a elas non centro. Ademais, unha narrativa non é unha entrevista, é un compromiso de varios meses que supón varios encontros para construír unha narrativa da experiencia delas, que implica unha reflexión sobre o que pasou.
Outra das cuestións nas que incides é a necesidade de mudar a masculinidade hexemónica e de visibilizar as novas formas nas que se expresa o sentido de pertenza, a afirmación da suposta superioridade masculina, a misoxinia…
Claro, non podemos deixarnos enganar polos vellos modelos da masculinidade hexemónica. Temos que ver a reprodución das relacións de poder máis alá dos estereotipos. Porque falamos de espazos nos que, en teoría, a violencia sexista non se produce. Nun dos casos que saen no meu estudo, a muller conta, na súa narrativa, que lle custou dicir e entender que era unha muller maltratada. Porque o seu agresor, un profesor universitario, é un referente, un home que fixo do discurso da igualdade un xeito de vida. E teño exemplos de todo: homes antimilitaristas, antirracistas… de todo.
Un estereotipo que pesa moito aí, segundo subliñas, é o da “muller forte”. Da mesma maneira que se supón que un home cun discurso progresista e pro-feminista non pode ser un maltratador, -porque se patoloxiza o maltrato como unha desviación social-, enténdese que unha muller feminista, activista, non pode ser unha maltratada.
Segundo o estereotipo, a muller forte é o contrario da muller débil, pasiva, non politizada. E o que pasa con estas “mulleres fortes” é que, primeiro, cústalles recoñecerse como mulleres en situación de maltrato porque non encaixan no estereotipo. E, en segundo lugar, algunhas senten vergoña de estar a vivir esa situación…
"Identificar o maltrato co maltrato físico, cos golpes, é unha visión moi restritiva"
Na miña investigación hai unha narrativa que reflicte ben iso. A xente preguntáballe se el lle pegaba, e non podían crer que unha muller coma ela, grande, feminista, forte… puidese estar a ser maltratada. Entón o que ela explica é que el nunca precisara pegarlle. Identificar o maltrato co maltrato físico, cos golpes, é unha visión moi restritiva. Violencia sexista non é só a expresión máis extrema da violencia: a física, a sexual… Conta ela que un día vai a unha conferencia de Miguel Lorente, na que este explica que o maltratador que pega é porque non o fixo ben e precisa, ademais, pegar, e que iso lle axuda a ela a ver a realidade.
Outro aspecto importante na túa investigación é como, tantas veces, reacciona o activismo ao saber dun caso de violencia sexista: cuestionando a muller que a denuncia. Con estratexias como a negación, a minimización, a culpabilización da agredida e o ataque: devaluala, tratala de mentirosa, enganar e manipular o colectivo para que se poña en contra dela, ameazala, illala, deslexitimala…
En primeiro lugar, cando se produce unha denuncia pública do agresor, vén unha reacción virulenta dentro do colectivo afectado. Porque o que agredida está a pedir é que o colectivo reformule o que o seu compañeiro representa para eles. Que se movan, que se cuestionen, e iso crea moita incomodidade. Porque ademais o activismo produce experiencias compartidas, afectos… E o que pide o agresor é que non se mova nada, que non a escoiten, que non a crean. E o máis fácil e o máis cómodo é crer ao agresor.
"O máis fácil e o máis cómodo é crer ao agresor"
Ademais, está moito máis o alcance que produce o patriarcado para interpretar a situación, que implica unha despolitización da violencia sexista: enténdese que se pasou algo é algo privado, que non ten nada que ver co colectivo. E a partir de aí comezan a actuar o resto de mecanismos. A negación é un deles e pode adoptar distintas formas: o silencio, non poñer vontade para emprender accións para xestionar o acontecido… Ou minimizar o sucedido ou culpala a ela e todo o que dicías.
Dentro dos mecanismos de culpabilización que citas, un clásico é acusar a muller de tentar causar problemas, de tentar romper a unidade do movemento, de andar a marear con reivindicacións burguesas, de querer chamar a atención… Todas esas estratexias que contan moitas mulleres galegas que estaban no feminismo xa nos comezos do movemento, nos 70: dicíanlles que querían dividir a clase obreira e que eran unhas burguesas. Tan pouco se avanzou?
Podo asegurarche que en Euskadi, 2017, atopei iso, e de xente que nos 70 nin nacera. Os movementos sociais sempre están en crise e é fácil poñer iso como escusa. E ese é precisamente outro dos mecanismos: xerarquizar as loitas, deixar sempre sen en segundo plano o tema do sexismo. E iso tamén hai moitas maneiras de facelo: poñelo como último punto da asemblea…
"A tendencia é facer unha defensa descarnada do status quo e reaccionar de xeito virulento á incomodidade que supón ter que cuestionar a nosa responsabilidade individual e colectiva ante o que está a pasar"
A tendencia é facer unha defensa descarnada do status quo e reaccionar de xeito virulento á incomodidade que supón ter que cuestionar a nosa responsabilidade individual e colectiva ante o que está a pasar. Por iso o máis fácil é culpabilizar, deslexitimar, poñer o colectivo en contra, facerlle a vida imposible á muller para que cale. O cal implica unha dobre vitimización: primeiro polo que viviu e despois polo propio colectivo.
A naturalización das prácticas sexistas dentro das comunidades activistas é outro dos fenómenos que analizas. E unha base máis, supoño, da negación do sexismo no seu contexto. Un exemplo é o xeito de falar e escoitar nas asembleas.
A primeira dificultade é recoñecer que neses espazos se están a producir relacións de poder nese sentido. Porque, como diciamos antes, considérase que iso só acontece fóra. A segunda é identificar certas prácticas como representativas desas relacións de poder, porque iso sería admitir que “este é o noso heteropatriarcado”.
"Os valores asociados á militancia son moi masculinos: priviléxianse os resultados e non o proceso, o que e non o como. E é no proceso onde se producen as prácticas sexistas"
E, si, un exemplo son as asembleas: cando se celebran, como se interactúa, como se fala, en quen se delega, como se reparte o traballo… Unha das participantes na miña investigación fixera ela mesma unha investigación sobre iso. E despois tamén pasa que os valores asociados á militancia son moi masculinos: priviléxianse os resultados e non o proceso, o que e non o como. E é no proceso onde se producen as prácticas sexistas que impiden a participación plena das mulleres no colectivo. Así, considérase normal e xustificable o que é unha práctica sexista.
Tamén analizas estratexias fronte á reprodución do sexismo, como a denuncia das actitudes e comportamentos sexistas e apoiar á denunciante, buscar aliadas e crear espazos de afinidade, a confrontación directa, a pedagoxía… Ou crear grupos ou áreas de mulleres, o cal pode traer o efecto perverso de que eles pensen que iso é algo que só lles incumbe a elas, ou de que descarguen nelas toda a responsabilidade ao respecto.
O primeiro sería denunciar ese tipo de relacións de poder nos órganos de xestión do colectivo: que pode ser unha asemblea se é un movemento, un consello se é un partido… En segundo lugar, buscar aliadas, aínda que estes dous pasos non teñen que ir un detrás do outro: poden ser simultáneos. O terceiro é facer uso da pedagoxía, que supón un gasto enerxético importante, cando ademais é algo que deberían asumir os responsables da xestión da organización. Unha cuarta estratexia é a confrontación directa e unha quinta é o abandono da participación no colectivo. E non é verdade iso que se di de que as mulleres abandonan a actividade política.
Se estás nun ambiente tóxico, onde non te respectan, é lícito abandonar o colectivo. As mulleres en situación de violencia sexista precisan un tempo de curación e reflexión. Pero despois volven participar politicamente, só que se volven máis selectivas cos espazos de militancia mixtos, buscan espazos máis seguros: moitas delas comezan a militar no feminismo. Ou buscan outras maneiras de participación: activismo na rede…
"Se estás nun ambiente tóxico, onde non te respectan, é lícito abandonar o colectivo"
Na miña investigación distingo estratexias de ferramentas e de factores. Imos agora coas ferramentas. Poden ser crear un grupo de coidados, que pode ter o efecto perverso de relegar os temas de xénero a unha parte do colectivo, de facer que a responsabilidade recaia só nese grupo, o cal provoca que as mulleres membro dese grupo acaben moi queimadas. Outra ferramenta é facer diagnósticos internos de xénero. Aquí, a tendencia a encargarlle un diagnóstico a unha empresa pode ser un lavado de cara ou unha constatación de que o colectivo nun asume a súa responsabilidade co tema da igualdade.
Outra ferramenta é crear protocolos de prevención e actuación cando sucedan casos de violencia sexista dentro do movemento. Que implican escoitar á agredida, atendela, expulsión do agresor dos espazos de militancia e ocio e traballo co agresor. Eu non vou facer afirmacións rotundas sobre como facer un protocolo, pero polo menos hai que escoitar activamente a agredida. Logo un problema común son os protocolos moi institucionalizados. Quero dicir, que non é o mesmo unha empresa, pública ou privada, que un movemento social, polo que os protocolos tampouco son os mesmos.
"Non é o mesmo unha empresa, pública ou privada, que un movemento social, polo que os protocolos tampouco son os mesmos"
En calquera caso, é moi importante escoitar a agredida e respectar os seus tempos: non facelo é un erro común tamén. E non cargala a ela con toda a responsabilidade, porque iso tamén é unha fonte de culpa, se é ela soa quen debe decidir que facer co agresor. Despois tamén hai un debate sobre se traballar co agresor ou non e como facelo. En primeiro lugar, el ten que querer e ten que asumir que é un agresor. Pero eu penso que si hai que traballar cos agresores, porque se simplemente o expulsamos do colectivo o que conseguiremos e trasladarlle o problema a outro colectivo, porque vai seguir a facer o mesmo. Entendo, aquí, que iso é moi difícil e que cada caso é distinto.
Tamén é moi difícil outro aspecto que comentas, que é, ademais de meter a violencia sexista na axenda do movemento, considerala prioridade, facer diagnóstico, crear alianzas… o máis importante é facer cambios estruturais: politizar as relacións interpersonais, xerar novas formas de activismo.... Como sería iso?
É necesario, si, un cambio organizacional, que require un compromiso por parte de todo o colectivo e que implica facer un traballo profundo de deconstrución: revisar as relacións interpersonais, politizalas, entender que o privado é público, meter o tema da violencia sexista na axenda política dun colectivo que naceu para afrontar outro tipo de violencias… Porque a loita contra a violencia sexista non é un punto de chegada, é algo que debe estar formulado desde o principio. O colectivo debe darlle prioridade á revisión das relacións de xénero na súa praxe diaria, para evitar as relacións xerárquicas coas compañeiras...
"A loita contra a violencia sexista non é un punto de chegada, é algo que debe estar formulado desde o principio"
Que é algo moi difícil tamén, porque non vai ser unha prioridade para todo o mundo. Mais todo o que eu digo non é ningún misterio. É algo no que levan traballando desde hai moitos anos as mulleres dentro dos colectivos de militancia… Outro aspecto que estudei, como dicía antes, son os factores que inflúen. Un deles é o tamaño do colectivo, outro a heteroxeneidade interna... -como acabo de comentar, haberá persoas que máis e menos sensibilidade, que o consideren unha prioridade e que non-... Outro factor é o traballo previo feito sobre o feminismo. E isto tampouco é unha sorpresa.
Un fenómeno que comentas é o “adultismo”. Señores con anos de militancia que non están dispostos a que os cuestionen.
É unha forma de desempoderamento. O adultismo e o capacitismo son formas de desempoderamento das mulleres agredidas. Consiste en apelar á súa capacidade, os seus anos de experiencia e de militancia para impoñer a súa definición da realidade, para desautorizalas a elas, para quitarlles poder. Dicirlles que non teñen nin idea, que non saben do que falan…