O Nadal, tempo de xogar: unha app recolle 112 xogos tradicionais galegos para toda a familia

A ferramenta foi desenvolvida polo Consello da Cultura Galega e o Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego © CCG

A ferramenta Xogos tradicionais  do Consello da Cultura Galega e o Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, de acceso libre, ten versión web e aplicación para dispositivos móbiles

Dende hai anos o Consello da Cultura Galega e o Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego veñen desenvolvendo o proxecto Xogos tradicionais, unha iniciativa dedicada á compilación e difusión de xogos populares do país que acaba de rematar a súa segunda fase e que chega xa a 112 xogos recollidos na súa web e aplicación para dispositivos móbiles. A ferramenta, de acceso libre, está pensada para familias, educadores e aducadoras, cidadanía en xeral… e mesmo para que os nenos e nenas poidan consultala libremente.

O proxecto fora presentado na súa primeira fase o día 11 de novembro de 2021 ("Polo San Martiño, peóns ao camiño"). Contaba daquela cos primeiros 50 xogos postos en Rede. Agora, pensando tamén nas datas nas que andamos, moi apropiadas para o xogo en familia, acaban de ser subidos outros 62 xogos. 

Seis dos 112 xogos presentes no catálogo ©

Arrinca-cebolas, o xogo do burro, a palmada, o puño puñete, o vixiguento, a mariola, o Xan do Outeiro, tecelán, as filloas de couselo, o triángulo, o sete e medio, a zorregada, a pita cega ou o xogo do motón son algúns dos que aparecen no catálogo

Dentro dun tempo, espérase completar unha terceira fase que faga que o proxecto chegue cando menos aos 150 xogos dos que partira o deseño inicial. A ferramenta manterase sempre "aberta", de xeito que se poderán incorporar máis xogos en todo momento, e tamén ampliar a información existente (por exemplo a través de vídeos) para cada un.

A ferramenta web, que conta tamén cunha versión en formato de aplicación para dispositivos móbiles, permite acoutar a busca por idades (menores de 3 anos, de 3 a 7, de 7 a 14, de 14 a 18, para persoas adultas e para a vellez), por tipo de xogo (trabalinguas, cantados, de pelota, de corda, de natureza, de danza, de carreira...) e por obxectivos (é dicir, de mesa, de exercicio físico, de habilidade, lingüísticos...).

O obxectivo do proxecto é "poñer o rico catálogo de xogos tradicionais de Galicia a disposición de calquera persoa que queira coñecelos pero, sobre todo, practicalos", destacan os responsables da iniciativa

Isto permite atopar rapidamente o tipo de xogo que se prefire en cada momento para conseguir que "con 
só un minuto de consulta, sexa posible practicar un xogo dado". Para cada unha das 112 entradas achégase unha explicación mínima do xogo, unha preciosa imaxe da autoría de Nuria Díaz e, se isto é posible, un vídeo explicativo.

Arrinca-cebolas, o xogo do burro, a palmada, o puño puñete, o vixiguento, a mariola, o Xan do Outeiro, tecelán, as filloas de couselo, o triángulo, o sete e medio, a zorregada, a pita cega ou o xogo do motón son algúns dos que aparecen no catálogo.

Detalle dunha das entradas, que nalgúns casos inclúen vídeos ©

O obxectivo do proxecto é "poñer o rico catálogo de xogos tradicionais de Galicia a disposición de calquera persoa que queira coñecelos pero, sobre todo, practicalos", destacan os responsables da iniciativa. Subliñan, así mesmo, que Galicia "posúe cun catálogo de miles de xogos, sendo un dos máis ricos da Península Ibérica", engadindo que este rico patrimonio lúdico galego "segue plenamente vixente cando menos na memoria colectiva" e que do que se trata é, fundamentalmente, de "estimular" esta memoria.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.