Unha ducia de xogos tradicionais para todas as idades
Calquera idade é boa para xogar. E en Galicia hai moitas opcións que fican fóra das pantallas para desfrutar do tempo de lecer. O Consello da Cultura Galega e o Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego uníronse no proxecto Xogos tradicionais, onde recompilan medio centenar de xogos que poñen a disposición da cidadanía nunha páxina web e a través dunha app. A iniciativa, coordinada por Manuel Gago, non é un catálogo, senón que está pensada para que os xogos poidan ser recuperados e usados no día a día. Así, aparecen as descricións de como xogar e unha demostración grazas ás ilustracións de Nuria Díaz.
-
01
Os Tres pés
Unha carreira con tres pés. Precísanse dous xogadores e haberá que coordinarse ben, xa que o movemento dun depende dos movementos do outro. Un traballo en equipo que consiste en atar unha das pernas coa do compañeiro e ver que parella chega antes.
-
02
A Peseta
Un xogo de lanzamento para todas as idades. Nalgún momento pasou xogarse con pesetas poñendo cada xogador ou xogadora a súa peseta en xogo, pois, unha vez xogada, pasa a ser susceptible de ser embolsada por quen gañe da partida.
-
03
A Zoadeira
Trátase dun xoguete autoconstruído, precísanse unicamente unha baraza e unha peciña de madeira pequena, un botón ou calquera outro obxecto similar. O enredo constrúese pasando a baraza polos dous buratos realizados no taco de madeira, e unindo as puntas. A baraza cóllese cun dedo en cada extremo e dánselle unha cantas voltas ao taquiño de madeira ou ao botón para que, ao soltalo, comece a dar voltas e a zoar.
-
04
As Apandas
Unha modalidade de apandas con movemento da que existen múltiples variantes. Márcase unha liña no chan. Unha persoa elixida a sortes sitúa os seus pés aproximadamente a medio metro da liña e anícase apoiando as mans nos xeonllos para que o resto poida saltar por riba dela. Os demais participantes póñense en ringleira e van saltando por orde, cada un seguindo a serie que comeza con A la una, anda la mula: vai correndo ata a liña facendo que salta como unha mula, antes de dar o brinco definitivo.
-
05
As catro esquinas
-Hai fume na túa casa?
-Non, na miña casa só hai lume! Pregunta naquela [sinalando].
Catro esquinas para cinco xogadoras. Unha apanda e sitúase no medio e vaise dirixindo ás das esquinas, mentres se van intercambiando entre si. O xogo consiste en que quen apande logre entrar nunha das casas no preciso momento en que esta estea baleira.
-
06
O Tanque
Xogo de puntería que consiste en colocar dúas lousas de pedra, unha un pouco máis grande ca a outra, fronte por fronte e separadas uns 18 pasos. Cunha pedra de máis ou menos o tamaño dunha laranxa grande vaise lanzando primeiro contra unha lousa e despois á outra. Atinarlle á lousa máis pequena vale 15 puntos, mentres que darlle á grande son 10 puntos. Tradicionalmente, xogábase un paseo arredor das lousas, e o gañador ía montado nas costas do que perdera.
-
07
O Tacatá
Unha boa opción para favorecer o desenvolvemento motor dos máis pequenos. Precísase un pau cunha roda de madeira no extremo e un neno ou nena que o agarre polo extremo libre para que, ao correr, faga que a roda circule (e incluso poida emitir algún son).
-
08
A Carraca
De novo un enredo autoconstruído [para as persoas ben apañadas] que, feito xirar sobre o veo, emite un son característico e certamente estrondoso, que se prestaba tradicionalmente para envolver os oficios relixiosos da Semana Santa.
-
09
O Muíño de mesa ou Alquerque
Un xogo de taboleiro para dous, cada un con nove fichas. As fichas, unha vez colocadas, só poden avanzar polos vieiros marcados e cada vez que un xogador consegue colocar tres fichas nunha mesma liña, come unha ficha do contrario. Así que perde aquel ao que só lle queden dúas fichas.
-
10
O Tirapedras
Para xogar en espazos abertos e controlados. O tirapedras constrúese cunha póla pequena en forma de 'Y' dunha madeira suficientemente flexible. Nas puntas do 'Y' lábranse coa navalla cadanseu suco, arredor dos cales se atará unha goma polos seus dous extremos. Esta goma estará reforzada, no seu punto medio, cunha sola ou un material máis resistente no que se apoiará a pedra. Cando se solte, a pedra sairá con toda a forza.
-
11
O Puño puñete
-Qué é este?
-Puño puñete
Os participantes colocan os puños pechados, alternativamente, uns enriba dos outros. Un xogador deixa unha man libre, coa que vai sinalando, mentres o diálogo ten lugar, cada un dos puños apiñados, empezando polo de máis abaixo. Cando o diálogo remata, teñen que intentar provocar a risa do resto, pois o primeiro en rir recibe un castigo.
-
12
A Petanca
Este xogo importando de Francia arredor do século XVIII adáptase a todas as idades e permite xogar en equipo. Precísanse varias bólas, duns 7 cm de diámetro, e un boliche (similar a unha canica). Escóllese un lugar e lánzase o boliche , a partir de aí gaña quen logre deixar a súa bola o máis arrimada posible ao boliche. E así sucesivamente vanse anotando os puntos ata chegar ao número acordado para gañar a partida.