Crear un espazo libre, seguro, de sororidade, de intercambio de experiencias, para falar das agresións sexuais ás mulleres nas rúas. Desa idea partiu o documental Tódalas mulleres que coñezo, (Walkie Talkie Films), de Xiana do Teixeiro. Pero acabou sendo moito máis. Un lugar de reflexión sobre a normalización da violencia. Sobre unha sociedade que nos substrae as ferramentas para reaccionar ante ela. E, sobre todo, sobre a utilización do medo, do terror sexual, como arma de control patriarcal. Sen negar a realidade. Pero sendo conscientes da explotación mediática da violencia sobre os nosos corpos como relato aleccionador. Expropiándonos do noso propio discurso sobre esa violencia cotiá. O filme estivo no Festival de Málaga e no Documenta Madrid, e seguirá nos próximos meses o seu periplo por distintas mostras de cinema. Falamos coa súa directora.
Walkie Talkie Films xa tiña producido antes outros documentais que pasaron por diversos festivais, como Somos plaga ou Carretera de una sola dirección. Pero se cadra Tódalas mulleres que coñezo é un proxecto máis persoal teu. Pode ser? En que sentido? Como encaixa, en xeral, coa liña de traballo da produtora?
Emilio Fonseca e máis eu traballamos sempre en colaboración, ás veces en proxectos das dúas, como Somos Plaga (que por certo abrirá o festival Primavera do Cine este domingo 29 ás 20 horas na sala Ingrávida de Porriño). Nos nosos proxectos persoais proxectamos a mirada de cada unha, pero compartimos intereses e coido que iso se ve na nosa produción, preocupada especialmente polo pensamento ecoloxista.
Eu teño traballado tamén na construción do xénero dende unha perspectiva ecofeminista. Tódalas mulleres entronca con outros proxectos pasados, como Carretera de una sola dirección, sobre a hipocrisía da industria da prostitución das mulleres, e o Proxecto Diario, sobre diarios de adolescencia e cultura de dormitorio, no que veño traballando dende 2013 (aínda está en marcha).
Nunha entrevista en El Progreso falas de que a idea xa a tiñas na cabeza había tempo, pero que comezara a materializarse a partir ducha conversa no S8. Podes contarnos algo máis disto? É dicir, como xorde o film?
A idea inicial tíñaa a cabeza dende hai anos. Dende a enésima vez que unha amiga me relatou unha agresión por parte dun grupo de homes que sufriu de noite pola rúa. Eramos bastante pipiolas pero eu decateime díxenllo: "isto non che pasa só a ti, tódalas colegas, tódalas mulleres que coñezo me teñen contado algo similar".
"Tódalas mulleres que coñezo me teñen contado algo similar"
Pareceume unha idea radical, que contrastaba co susurro e o segredo da nosa conversa. Sufrimos unha violencia que sentimos que debemos gardar, aínda que esa violencia non é responsabilidade nosa. Anos despois retomei a idea e pensei en trasladala a unha película. Quería facelo como homenaxe ás conversas entre amigas nas que descobres que todas estamos unidas nun rol que nos describe como vítimas pero que podemos cuestionar e subverter.
"Quería facer o documental como homenaxe ás conversas entre amigas nas que descobres que todas estamos unidas nun rol que nos describe como vítimas pero que podemos cuestionar e subverter"
Sucedeu que xustamente nesa época, en 2016, atopeime con Nieves Neira e María Corral na festa de clausura do S8 (A Coruña), e pasamos a noite a falar destas agresións. A conversa desenvolveuse exactamente como eu a tiña imaxinado, eu alucinaba e comentáballo a Nieves: "isto é exactamente o que quero recoller nunha película; pero non sei se se pode facer". Nieves animoume e nos seguintes meses montamos o proxecto.
É un documental no que vemos, basicamente, tres conversas. A primeira, entre un grupo de amigas que falan do medo ao acoso e, en xeral, á violencia sexual na rúa. Despois, o debate entre estas mulleres e un grupo de mulleres máis amplo, de distintas idades. Despois, o debate entre estas mesmas mulleres e un grupo de rapazas e rapaces de instituto. Optas por ese formato, a conversa, por algunha razón especial? Como pensaches esa estrutura en tres partes? -Da gravación dunha conversa entre amigas aos dous debates posteriores, que xorden do visionado desa gravación-.
O diálogo é unha poderosa ferramenta de aprendizaxe, sobre as demais e sobre ti mesma. Quixen entretecer tres conversas coa idea clara de apelar á audiencia. Ves unha conversa que remata, pero é retomada polo seguinte grupo, cuxa conversa volve rematar e de novo é retomada por outras persoas. Para cando remata a película tense establecido a idea da transversalidade da violencia sexual contra as mulleres na rúa e tamén a posibilidade/necesidade de retomar o debate por parte da persoa espectadora.
"Cando remata a película tense establecido a idea da transversalidade da violencia sexual contra as mulleres na rúa e tamén a posibilidade/necesidade de retomar o debate por parte da persoa espectadora"
É unha imaxe, e unha "posta en escena", moi sobria. Imaxe en branco e negro. A cámara -e supoño que sobre todo a montaxe- está moi atenta á palabra pero tamén á xestualidade das persoas que falan: as mans, os ollos... Iso axuda a que o espectador empatice coas persoas que falan e se sinta, dalgunha maneira, partícipe, ou polo menos interpelado. Era o obxectivo, en concreto, dese tipo de tratamento da imaxe?
A maior virtude do deseño da produción foi centrar o noso esforzo en facilitar lugares onde fose cómodo falar para as participantes e en segundo termo tratar de gravar o mellor posible eses encontros. Non priorizar o técnico, que é moi secundario, especialmente nun discurso documental.
A fotografía en branco e negro transmite unha certa atemporalidade, que entronca co fío que nos une a todas, construídas como seres dun xénero sometido ó longo da historia. A realización e a montaxe céntranse na cousa en si, é unha película feita dente o despoxamento. Palabras, xestos e miradas, elocuentes ó máximo.
"Noemí Chantada e Belén Mendaña, encargadas das cámaras, fixeron un traballo delicado, que permite ver a película dende moi preto, emocional e visualmente"
Ningún elemento formal accesorio á cousa en si, coa excepción da música e os créditos, e quizais tamén ese prólogo coa cita de Nina Simone sobre a liberdade. Noemí Chantada e Belén Mendaña, encargadas das cámaras, fixeron un traballo delicado, que permite ver a película dende moi preto, emocional e visualmente. Tiveron que estar implicadas cunha historia que se desenvolvía en directo ante elas e acadaron un resultado excelente.
Na primeira das conversas, a impresión que dá é que é unha charla espontánea entre un grupo de amigas que comezan a falar das súas experiencias de acoso na rúa (e medo ao acoso e á agresión). O documental transmite, de distintas maneiras, a idea de que podería ser unha conversa entre calquera grupo de amigas. Porque a todas nos pasou algo así. Mais, de que maneira xorde esa conversa a partir do guión que tiñas escrito? (Supoño que terías unhas ideas e que despois a historia iría desenvolvéndose soa...)
A primeira conversa foi formulada como encontro aberto no que queriamos falar de como nos sentimos na rúa con respecto a violencias sufridas e medos inoculados, non había guión como tal. Convoquei a Olalla, Nieves, María e Bea e tamén estaba eu. Non todas nos coñeciamos en profundidade pero tiñamos nexos en común. Quedamos unha tarde, colocáronnos un micro, tomamos algo e comezamos a falar e esquecémonos de que nos estaban a gravar, ou case. Foi tan espontáneo como se ve no resultado.
"A primeira conversa foi formulada como encontro aberto no que queriamos falar de como nos sentimos na rúa con respecto a violencias sufridas e medos inoculados"
Estou feliz de ter retratado tal cal a estas cinco personalidades, cada unha falando ó seu xeito, con tanta naturalidade e viveza, e con esa conexión potentísima que van tecendo as protagonistas a medida que se escoitan e fan achegas. É algo moi raro de ver en cine e me parece unha contribución salientable. Non o digo por min senón por elas, fágolles reverencias.
O documental salienta a contradición, as tensións, entre o medo que todas sentimos ante unha realidade obxectiva (a violencia na rúa contra as mulleres, a violación...), e a xestión dese medo para que non limite a nosa liberdade. Nese sentido, destácase tamén o fomento dese medo a través do sensacionalismo mediático e a súa utilización como arma de control patriarcal. Como xestionaches, na película e, sobre todo, na montaxe, esa tensión, é dicir, esa consciencia de que non querías nin negar a realidade nin producir o efecto perverso de provocar máis medo, senón fomentar a reflexión sobre como xestionalo? (É interesante, ao respecto, cando falan de transformar o medo en rabia...)
A miña principal preocupación durante a produción foi non fomentar o medo nin resultar negacionista. Esta aparente contradición funa resolvendo segundo avanzabamos. É dicir, as discusións que se ven na película axudáronme moito a comprender algúns mecanismos da violencia retorcida que nos propón ás mulleres pensarnos como persoas non autónomas e non libres, estranxeiras da rúa.
"As discusións que se ven na película axudáronme moito a comprender algúns mecanismos da violencia retorcida que nos propón ás mulleres pensarnos como persoas non autónomas e non libres, estranxeiras da rúa"
Decateime de que a violencia cotiá que todas sufrimos, e que percibimos como normal, é continuada na narrativa do terror sexual, o espectáculo das violencias extremas sobre os corpos das mulleres que aparecen nos medios e resoan na escola, na familia, no grupo de amigos. Unha violencia invisibiliza a outra pero son parte do mesmo mecanismo de control das mulleres, a través dun castigo disciplinar, que pode ser corporal ou simbólico.
"Unha violencia invisibiliza a outra pero son parte do mesmo mecanismo de control das mulleres, a través dun castigo disciplinar, que pode ser corporal ou simbólico"
Falei das miñas dúbidas durante toda a rodaxe coa nosa equipa, como se ve na película. A dúbida é un lugar interesante dende o que cuestionar e subverter. Neste caso queremos camiñar cara un discurso propio sobre as nosas experiencias e corpos, do que nos teñen expropiado. Despois de rematar a película atopeime co recén publicado Microfísica del poder, de Nerea Barjola (Virus, 2018). Unha análise do aparato narrativo que mantén o relato do terror sexual e con el o status quo machista, imprescindible.
"Queremos camiñar cara un discurso propio sobre as nosas experiencias e corpos, do que nos teñen expropiado"
Outro dos temas que máis saen é o papel da familia na transmisión dese medo, e máis na educación das mulleres no rol de vítima -esa frase terrible de "prefírote morta que violada" ou de culpable de ser vítima (se che pasa algo é porque non te protexiches abondo-. Esta dimensión trátase, ademais, desde a perspectiva das fillas, e desde a perspectiva de mulleres que son nais. Nese sentido, o filme non agocha as contradicións, pero si pon o debate enriba da mesa, e desde a perspectiva da sororidade. Era o obxectivo? Como xorde esa presenza do rol da familia?
En xeral a película traslada moitas preguntas e evidencia contradicións. Cuestións urxentes que deben ser debatidas na sociedade. A familia é unha das células fundamentais do modelo social no que nos inscribimos. Nela vehicúlanse o amor e os coidados pero tamén o control e potencialmente a represión. É fundamental repensar os roles que desempeñamos e perpetuamos como parte das unidades da familia. A película recolle algunhas achegas valiosísimas, como a dunha nai que redirixe o debate de como educar as fillas para que se protexan: o que da vertixe de verdade é asomarte á posibilidade de converterse na nai dun acosador. Polo tanto é necesario redobrar, triplicar esforzos na educación dos fillos.
"É fundamental repensar os roles que desempeñamos e perpetuamos como parte das unidades da familia"
Está tamén moi presente a falta de ferramentas para reaccionar ante as agresións, a normalización social da violencia, a desprotección das persoas que denuncian (porque o acosador recibe os teus datos se denuncias), e os mecanismos de defensa aprendidos (a chave na man, a conversa telefónica simulada...) pero se cadra non moi eficaces, cando non totalmente absurdos. Pode sorprender, porén, que non saia máis, xa que se fala de empoderamento, por exemplo o reforzo da asertividade...
É interesantísimo propoñer e discutir ferramentas para que as mulleres e as persoas percibidas como femininas nos sintamos e sexamos máis libres. Nos encontros que recollemos na película non deu tempo a entrar nese traballo de proposición, ensaio e erro, aínda que si se apuntan algunhas direccións. O que si facemos é cuestionar mecanismos que se teñen vendido como ferramentas para as mulleres e en realidade nos sitúan nun escenario de perpetuo terror no que temos que entrar cada vez que saímos á rúa, como é o caso das alarmas persoais.
"O que si facemos é cuestionar mecanismos que se teñen vendido como ferramentas para as mulleres e en realidade nos sitúan nun escenario de perpetuo terror"
Na parte na que interveñen adolescentes (homes e mulleres), sae moito a idea da necesidade de falar do tema, de levalo ao espazo público. Os rapaces comentan que a eles non lles ensinan a sentirse permanentemente ameazados, que falta información... Pero percíbese, malia todo, cerca incomodidade. E aparece tamén o tema dos homes que replican "non somos todos iguais", á defensiva. Antes, as mulleres maiores comentaran que elas tiñan menos medo aos 20 que ao facerse maiores. Cal é a túa propia percepción sobre o cambio xeracional neste sentido?
Preocúpame especialmente o efecto dos discursos politicamente correctos sobre as problemáticas sociais máis arraigadas, como o machismo, que é transversal a todo. No instituto apréndese a falar dende o post-machismo, pero este discurso boísta non significa que se resolvese o problema. Ó contrario, faino aínda máis invisible. Falando con colegas profesoras de secundaria en Galicia e fóra coincidimos nesta preocupación.
"Preocúpame especialmente o efecto dos discursos politicamente correctos sobre as problemáticas sociais máis arraigadas"
O documental conta con equipo formado por mulleres. Podes falar das persoas que o forman e de como o formaches?
Unha das mellores decisións que tomamos para esta película foi contar cunha equipa feminina. Era necesario porque en dúas das tres secuencias propuxemos un espazo seguro non mixto. É unha metodoloxía de traballo feminista clásica, moi útil para que un sector minorizado se resitúe, funciona a modo de refuxio (non de hábitat). Eu ademais quería traballar en plan "Km0", minimizar a pegada de carbono.
"Unha das mellores decisións que tomamos para esta película foi contar cunha equipa feminina"
Non foi doado atopar á equipa completa, pero coa axuda da miña compañeira Uxía Buciños, na produción, conseguimos recrutar a Belén Mendaña, que tamén é fotógrafa, Noemí Chantada, directora celebradísima como saberedes -La mujer invisible, 2017-, a Leticia Fernández no son, que nos deu moita seguridade, e como xefa de son directo puidemos rescatar a Iria Otero das súas ocupacións artísticas e artesanais.
Iria é unha de tantas mulleres talentosas e competentes tecnicamente que se aburriu dos mecanismos do audiovisual e a bendita precariedade do sector. Perseguímola e cando nos dixo que si foi como se os astros se alineasen. Unha equipa marabillosa, técnica e humanamente. Incluíndo claro ás compañeiras que se sumaron ós encontros, incluído o equipo do IES As Lagoas (Ourense) que entendeu o proxecto e nos facilitou moito o traballo.
"Penso que esta película é unha oportunidade especialmente para os homes"
Algo máis que queiras comentar?. (Por exemplo, do paso por festivais).
Penso que esta película é unha oportunidade especialmente para os homes. Poden asomarse e escoitar un discurso que para eles quizais será excepcional, pero para as mulleres é cotián, tanto se o temos explicitado como se o mantemos bloqueado nalgunha parte da cabeza e do corpo.