"Non tomes o silencio como un si". "Que alguén che faga caso non quere dicir que teña a obriga de deitarse contigo". "O consentimento dunha noite non é para sempre". "Se a outra persoa está bébeda ou inconsciente non hai consentimento". "Se non hai un si, é non". Son algunhas das mensaxes que os asistentes aos festivais de verán das Rías Baixas recibirán a pé de campo da festa para lembraren a importancia de desbotaren as agresións sexuais, tamén nos espazos de lecer.
A Deputación de Pontevedra vén de presentar unha campaña que, baixo o lema Lembra, eu decido, ti respectas, pon o foco na "prevención das violacións en cita e as agresións por submisión química" e, ao contrario que outras accións deste tipo promovidas dende as Administracións, pon o foco en primeiro termo nas actitudes dos homes. Ao recibiren os materiais en espazos como os festivais atoparanse con mensaxes como o "dereito a parar" das mulleres en "calquera momento" da relación ou a necesidade de "non chantaxear". "Non te sintas con dereito a ter sexo, dá igual o que pasase antes; ninguén che debe nada".
A acción, que vén de ser presentada, ten tamén unha vertente dirixida á poboación feminina e igualmente diríxese a, en verbas da presidenta do ente provincial pontevedrés, Carmela Silva, "unha forma de violencia pouco atendida, como son as violacións en cita e as agresiósn por submisión química, dúas formas de agresión que obstaculizan o recoñecemento do delito e a súa posterior denuncia. Neste caso, os materiais informativos resaltan que unha relación sexual "sen consentimento ou con consentimento obtido mediante a violencia" sempre é "un delito" ou que "non todas as agresións sexuais son ataques de descoñecidos". Detense, ademais, no uso de drogas para "manipular a vontade" e eliminar a "resistencia" a manter unha relación sexual non consentida.
A campaña contra as agresións sexuais será distribuída nos festivais das Rías Baixas e no vindeiro curso estenderase aos centros de ensino
Aínda que existen "moitos máis casos dos que se denuncian", resalta Silva, as estatísticas oficiais falan dunha media de "tres violacións ao día", polo que "é preciso impulsar campañas informativas de sensibilización e prevención, dirixíndonos particularmente a mozos e mozas e contextos lúdicos e festivos". O "punto de partida" da campaña son os devanditos festivais -Portamérica, Cultura Quente, Revenidas, Atlantic Fest, Festa Cidade Europea do Viño, SonRíasBaixas, Sinsal, O Marisquiño e Vive Nigrán-, nos que se instalará un punto de información e se distribuirán os folletos e outros materiais da campaña.
Tras esta experiencia inicial a campaña contra as agresións sexuais continuará o vindeiro curso no ámbito dos centros de ensino. "Pretendemos que estes materiais poidan empregarse nas aulas para proporcionar información sobre relacións saudables, control e poder nas relacións, desigualdades e estereotipos de xénero, habilidades de comunicación ou resistencia á presión dos iguais", avanza Silva, quen indica qu o programa prevé tamén obradoiros para profesionais.