Vigo acolle esta fin de semana a segunda edición do festival punk e feminista Nas Verzas. Máis duras cós cañotos das verduras, organizado polo colectivo de mulleres artistas 85C e que se desenvolverá na zona de Irmandiños. Ademais dos concertos e pinchadas (en sala e na rúa) haberá un mercadiño, obradoiros e un faladoiro, que afondarán na relación entre o rural galego e a escena máis underground do garaxe e do punk.
"O noso lema fai lembranza ás nosas avoas. Elas que sufriron a opresión máis crúa e que, aínda así, convertéronse nas nosas referentes de empoderamento"
Dende o colectivo explican que “o noso lema fai lembranza ás nosas avoas, esas bravas que loitan cada día na súa casa, no campo, coa súa familia… Elas que sufriron a opresión máis crúa e que, aínda así, convertéronse nas nosas referentes de empoderamento. Son o ‘underground’ da esfera familiar, coas que a maioría medramos e aprendemos a loitar”.
Cheap Lipstick e Serpiente actuarán o venres na Sala Doppler a partir das 22.30 horas e Decibélicas o sábado na Sala Kominsky, tamén a partir das 22.30 horas. Unha vez rematados os concertos cada sala acollerá cadansúa sesión Dj para rematar a noite. O venres pola tarde actuarán na rúa Seilaesencia, e o sábado será a quenda de Lakenobaila.
"O obxectivo fundamental é crear conciencia da falta de presenza de mulleres nos festivais, concertos, exposicións, teatros e, en definitiva, na escena pública"
Ademais, o sábado pola tarde celebrarase unha mesa redonda coas bandas do festival máis unha banda invitada, Heroínas, referentes da cultura punk rock de Galicia, na que se debaterá sobre a figura da muller dentro do punk
A asociación feminista 85C salienta que non ten ánimo de lucro e que todo o diñeiro conseguido no festival se reinvestirá "no seu labor de promoción e visibilización de mulleres artistas". "O obxectivo fundamental é crear conciencia da falta de presenza de mulleres nos festivais, concertos, exposicións, teatros e, en definitiva, na escena pública", destacan.