O 8M fixo que a gran maioría das mensaxes políticas lanzadas polas distintas candidaturas ás eleccións do 5 de abril xirasen este domingo arredor da igualdade e o feminismo, con candidatos e candidatas facéndose ver en manifestacións e concentracións por todo o país. Previamente varias das principais formacións xa celebraran nos últimos días os seus propios actos sobre igualdade.
Caballero promete unha Consellería de Igualdade e unha rede “potente” de CIM
O candidato socialista, Gonzalo Caballero, que participou pola mañá na manifestación da Coruña e pola tarde na de Vigo, prometeu unha Consellería de Igualdade, unha rede “potente” de centros de información á muller, máis vivendas para vítimas da violencia machista e iniciativas de loita “clara” contra a fenda salarial tras “once anos de desprezos de Feijóo ao feminismo”.
Pontón anuncia unha Valedoría de Igualdade con capacidade de sancionar ás empresas e tres novas leis
A candidata do BNG, Anta Pontón, participou en Santiago nun encontro con mulleres no que explicou as propostas da súa formación en materia de igualdade. A nacionalista anunciou novas leis de igualdade “adaptada á realidade do século XXI co fomento da corresponsabilidade”, de identidade de xénero participada co colectivo trans e de recoñecemento e apoio ás familias monoparentais.
Pontón tamén prometeu unha Valedoría de Igualdade con capacidade de sancionar ás empresas, un plan de dignificación e visibilización dos coidados, ou reformar e impulsar os centros de información ás mulleres.
Por Galicia en Común Luca Chao reclamou “recoñecer o traballo de coidados sen o cal o sistema non pode funcionar”
Desde Galicia en Común-Anova-Mareas foi a número 2 da lista pola Coruña, Luca Chao, a encargada de transmitir a mensaxe da necesidade de “recoñecer o traballo de coidados que fan as mulleres sen o cal o sistema non pode funcionar”. “Queremos iguais salarios, queremos ter tempo para desfrutar das nosas vidas, queremos estar en pé de igualdade cos nosos compañeiros”, dixo.
O número 2 do PPdeG, Miguel Tellado, evitou as críticas ás folgas de anos anteriores pero pediu “que ninguén trate de apropiarse” da loita pola igualdade
Pola súa banda, o PP, fronte a críticas de anteriores anos ás mobilizacións do 8M, desta volta optou por adoptar un perfil baixo sen significarse sobre a cuestión. O secretario xeral do partido en Galicia, Miguel Tellado, que hai dous anos chegou a dicir que a folga feminista era “o máis machista que se pode facer”, dixo desta volta nunha entrevista emitida este mesmo domingo na Radio Galega que a súa formación “comparte” a reivindicación da igualdade pero pediu “que ninguén trate de apropiarse” esa loita que “non nos debe separar, senón unir”.