Homenaxes a mulleres significativas en diversos eidos e despregamento de pancartas en edificios oficiais prepararon as mobilizacións centrais do 8M
Tras iniciarse as mobilizacións hai unha semana, cunha gran manifestación en Verín, e á espera de que este domingo sexan as marchas e as concentracións nas rúas de toda Galicia as protagonistas das reivindicacións do Día da Muller (aquí podes consultar a axenda de actos), a maioría de institucións, partidos e sindicatos do país adiantaron a este sábado e mesmo ao venres os seus actos oficiais.
A Xunta, que emitiu unha declaración institucional, celebrou este sábado na Cidade da Cultura o seu acto institucional do Día da Muller, presidido por Feijóo e conducido pola presentadora de televisión Silvia Jato, que contou coa participación da atleta Ana Peleteiro, a actriz Benedicta Sánchez, a artista Abi Castillo ou a música Isabel Pérez Dobarro. Nese acto o presidente salientou que a loita pola igualdade e contra o machismo “é unha causa de todos e de todas” que tamén “corresponde aos homes” xa que “sería un erro imperdoable excluír á metade da poboación dunha loita na que temos que estar todos”.
A Deputación de Pontevedra celebrou xa o venres o seu acto central, co lema ‘Por nós, por todas’ acompañado por unha instalación baixo o título ‘A fortaleza da razón’ que estará aberta ata final de mes. A institución provincial tamén acolleu este sábado o XIII Encontro da Muller Xorda de Galicia, no que se denunciou a tripla discriminación que sofren por ser mulleres, con diversidade funcional e cunha lingua propia. A Deputación da Coruña iluminou de violeta os seus edificios e organizou diversas actividades, como a representación este sábado no Teatro Colón da obra 'Invisibles' con entrada libre. Tamén en Lugo a Deputación despregou pancartas reivindicativas na fachada da súa sede, e a Deputación de Ourense centrou a súa homenaxe na ourensá Olimpia Valencia, primeira galega licenciada en Medicina.
Tamén o venres diversas agrupacións do sindicato UGT homenaxearon por toda Galicia a mulleres destacadas nas loitas sindicais, como Luci Dantas na área de Vigo, Nuria Abal na de Pontevedra-Arousa, Manuela Castro na de Compostela-Barbanza, Pilar Díaz na de Ferrol ou Beatriz Meilán na da Coruña.
Sen ser un acto específico do Día da Muller, tamén este sábado o sindicato CCOO entregou os seus premios 10 de Marzo á solidariedade e as liberdades democráticas co gallo do Día da Clase Obreira Galega á pioneira feminista Palmyre Ros, así como aos sindicalistas Berta Trigo e Plácido Cal.
Nos partidos, o venres o PPdeG celebrou en Santiago un acto de igualdade coas cabezas de lista pola Coruña, Lugo e Ourense e a número 2 por Pontevedra; o candidato do PSdeG, Gonzalo Caballero, sumouse á iniciativa #SoyFeministaPorque do PSOE prometendo unha Consellería de Igualdade; e o BNG celebrou diversos actos como a substitución simbólica en Vilagarcía este sábado do franquista nome da rúa Yagüe polo da vítima da ditadura Carmen Meaños ‘A Carrilla’ ou un encontro o venres con mulleres en Muros.
Noutros eidos, en Ferrol, a área de Cultura do Campus de Ferrol da UDC organizou o roteiro “Ferrol 8M: Unha cidade de mulleres”. E ata Madrid desprazáronse tamén mulleres do sector pesqueiro galego, ás que acompañou a conselleira, Rosa Quintana, para participar nunha concentración na Praza de Colón na que, xunto con mulleres de todo o Estado, asaron as particularidades das profesións das mulleres do mar.