Achégase un novo 8M e o feminismo galego, unido baixo a plataforma Asemblea Galegas 8M, leva semanas afinando a súa organización. Ao igual que suceden no 2018 en Vigo e no 2019 en Lugo, a manifestación nacional móvese de cidade, e nesta ocasión terá Verín como escenario.
"Estaremos vixiantes, porque o que aconteceu en Verín pode repetirse en calquera outra zona do país"
Será o domingo 1 de marzo, nunha convocatoria que busca reunir na vila ourensá milleiros de mulleres de toda Galicia. Destácase a "loita exemplar que desempeñaron as compañeiras de Verín fronte á privatización e precarización dos servizos públicos de saúde, denunciando a violencia institucional que exerceron durante meses contra as mulleres da comarca".
Neste senso, faise un chamamento a "desbordar" Verín para celebrar o anuncio de reapertura do paritorio e do servizo de Urxencias Pediátricas "grazas á loita de colectivos feministas, do persoal sanitario, das asociacións de mulleres, das organizacións sindicais, e da morea de veciñas que participaron en mobilizacións denunciando a violencia obstétrica". Galegas 8M advirte de que "estaremos vixiantes, porque o que aconteceu en Verín pode repetirse en calquera outra zona do país".
Pola coincidencia do 8 de marzo en domingo, a asmblea decidiu non convocar folga laboral e facer unha aposta "polo debate e mobilización social"
Este ano o 8M coincide en domingo, o que fai mudar un chisco os obxectivos da folga laboral e estudantil convocada nos últimos anos. Por ese motivo Galegas 8M decidiu non convocar folga laboral e facer unha aposta "polo debate e mobilización social". En calquera caso, o pasado venres a CUT e o SLG si rexistraron ante a Xunta a convocatoria de folga, incidindo nas mulleres que teñen traballan en domingo, que en moitos casos se inscriben nos colectivos máis precarizados.
A coincidencia do 8M en festivo leva a que este ano o centro das protestas e da reivindicación estea situado no traballo de coidados, realizado maioritariamente por mulleres e que ademais fica invisibilizado as máis das veces. "A meirande parte do traballo dos coidados realízase sen remuneración ningunha, pese a que a gratuidade do seu labor aforra custes de saúde, coidado de crianzas, do fogar, das persoas con dependencia, da labranza das terras", destaca a Asemblea, que engade que "cando estes traballos son remunerados, realízanse en condicións de precariedade e son infravalorados tanto social como economicamente".
O centro das protestas e da reivindicación estará situado no traballo de coidados, realizado maioritariamente por mulleres e que ademais fica invisibilizado as máis das veces
Galegas 8M alerta de que "a crise económica está a ser utilizada para reprivatizar a reprodución social, así, reducindo gasto público en servizos de coidado, sanitarios e educativos, logran que unha parte dos coidados regresen ao fogar".
"Imos loitar polo que é invisíbel", destaca finalmente Asemblea Galegas 8M, que fai fincapé en tres eixos de mobilización: coidados, coidado do territorio e consumo, para "sacar á rúa o que fica oculto nas nosas casas, esixindo responsabilidade social e colectiva no coidado do territorio e do medio ambiente, esixindo tamén que se recoñezan os coidados como un ben social non valorado".