Chachas, criadas, asistentas, fregonas… Hai uns anos a Asociación de Empregadas de Fogar Xiara, utilizaba nunha das súas campañas o slogan “Hai traballos que só se ven cando non se fan” e este slogan define perfectamente a consideración histórica do traballo doméstico e de coidados.
O traballo doméstico e os coidados, o que definimos como traballo reprodutivo, foron e son “cousa de mulleres”. Así, cando estes traballos transcenden o ámbito privado e pasan a ser remunerados, o que sería o emprego do fogar ou traballo no fogar remunerado, segue a ser realizado maioritariamente, nun 90-95%, por mulleres.
Segundo datos da OIT, no mundo hai 67 millóns de mulleres e homes que traballan no sector doméstico, unha de cada 25 mulleres dedícase a este labor. No estado español son 700.000 as persoas que ocupan estes traballos, a maioría mulleres e migrantes, producíndose unha feminización do emprego do fogar.
Na teoría, houbo algúns avances grazas ao Real Decreto 1620/2011 que substitúe á normativa de 1985. A lei garante o cobro do salario mínimo interprofesional, o aumento a 12 as horas de descanso entre xornadas e o cobro de baixa por enfermidade común ao cuarto día. Pero na práctica esta normativa non sempre se cumpre. Ademais, aínda quedan por recoñecer outros dereitos como a prestación por desemprego, dereito ao Fondo de Garantía Salarial, contar con inspeccións de traballo máis eficaces para controlar as condicións de traballo, así como a protección fronte a formas de acoso, abuso e violencia no traballo.
Falar de emprego no fogar é falar de mulleres, migración, coidados, invisibilidade, desvalorización, desigualdade... É urxente abrir un debate profundo sobre como resolver as necesidades de coidados actuais se apostamos firmemente por unha sociedade sustentada nunha igualdade real baseada na corresponsabilidade.
A incorporación das mulleres ao “mundo produtivo” non supuxo unha “revolución” nas formas de seguir atendendo ao reprodutivo e a cuestión séguese resolvendo entre mulleres: ben asumindo unha dobre e tripla xornada; ben contando coa solidariedade doutras mulleres (fundamentalmente avoas, pero tamén irmás, amigas, veciñas,...); ben contratando servizo doméstico, “casualmente”, mulleres de novo.
E este panorama reprodúcese e complica cando entran en xogo traballadoras migradas. Mulleres que migran para coidar aquí pero deixando a outras coidando alá e, unhas e outras, todas elas, postergando o seu propio autocoidado. En definitiva, non fixemos senón cambiar unhas mulleres por outras.
Atender equitativamente as necesidades de coidados devén imprescindible para alcanzar sociedades máis xustas, igualitarias e humanas. A cuestión é que, para logralo, debemos camiñar cara a unha corresponsabilidade de todas as partes implicadas. Todo isto lembráronnolo as organizacións feministas na convocatoria da Folga feminista do pasado 8 de marzo.
Desde a Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo púxose en marcha a campaña Traballo digno, no fogar e nos coidados para visibilizar e investigar sobre a realidade de discriminación e vulneración na que se atopan as mulleres que traballan en emprego do fogar e en coidados.
Quen coordenamos esta campaña – Carmen Castro e eu mesma- entendemos que este espazo de encontro posibilitará o establecemento de vínculos, o afortalamento de redes e sobre todo favorecerá a incorporación da perspectiva de xénero, pondo en valor a centralidade dos coidados para o desenvolvemento da vida.
Os días 30 de novembro e 1 de decembro no CSC das Fontiñas, estaremos a debater e planificar futuros pasos. Nas xornadas Traballo digno no fogar e nos coidados: situación, perspectivas e retos para a xustiza social socializaranse experiencias de aprendizaxe para o sector, como investigacións, procesos de organización colectiva e historias de vida e loita dalgunhas compañeiras que nos permitirán seguir compartindo e mergullando na temática.
As traballadoras do fogar, limpeza e coidado de persoas achegarán o seu coñecemento e reflexións xunto a persoas expertas, profesionais e activistas que traballan, desde diferentes ámbitos e perspectivas, en torno ao traballo do fogar e as tarefas de coidado.
Mas as xornadas Traballo digno no fogar e nos coidados: situación, perspectivas e retos para a xustiza social tamén servirán para o coñecemento mutuo e a construción de alianzas estratéxicas e así xuntar forzas para o apoderamento colectivo.