As persoas hospitalizadas por coronavirus en Galicia son menos de 800 por primeira vez en vinte días

CC-BY-NC-SA Praza Pública

Galicia transita dende hai máis dunha semana polo que semella a cima da montaña da expansión do coronavirus, unha meseta na que o ritmo de novos positivos activos detectados se modera dende finais de marzo e que dende hai dez días só se incrementou nunha xornada por riba do 2%. Isto deriva, segundo os datos fornecidos polo Servizo Galego de Saúde, nun alivio para a presión nos hospitais que, por primeira vez en vinte días, teñen menos de 800 persoas ingresadas a causa da pandemia.

Os positivos activos volven medrar por baixo do 1% e chegan a 6.142; son 57 positivos novos dos que case a metade volven proceder de residencias de maiores e dependentes

Os datos actualizados para este 17 de abril polo Sergas indican que Galicia rexistra 6.142 positivos activos pola covid-19, un incremento do 0,94% a respecto do día anterior. Son 57 casos máis que vinte e catro horas antes e, unha xornada máis, case a metade dos novos positivos activos proceden de residencias de maiores e dependentes, un total de 27, todos eles de persoas residentes. Os positivos activos nestes centros superan xa os 1.400, 983 son de residentes e 422, do persoal.

O Sergas rexistra dez falecementos máis, dous deles de persoas que vivían en residencias; o total chega aos 415

O incremento de persoas falecidas tamén tende a moderarse. Os falecementos rexistrados ata este 17 de abril son 415, dez máis que no día anterior. Delas, dúas persoas cuxa morte por coronavirus foi certificada viviran en centros de maiores ou dependentes e faleceron no hospital ou nunha das residencias integradas habilitadas pola Xunta para maiores contaxiados -nestes casos, Sanidade e Política Social non aclaran a residencia de procedencia-. [A diferenza entre os datos do Sergas e do Ministerio sobre o virus está nos casos acumulados e nas mortes en residencias]

Nas últimas vinte e catro horas, aclaran, non se rexistraron falecementos nas propias residencias, que así e todo seguen acumulando arredor de catro de cada dez mortes pola covid-19 rexistradas no país. Son xa 183 falecementos de persoas que vivían nestes centros, 95 nas propias residencias. [O 60% das mortes por coronavirus en Galicia na última semana foron de usuarios de residencias]

A hospitalización segue baixando, aumentan as altas

As altas seguen medrando a maior ritmo que os novos casos e xa se achegan ás 1.500 mentres as persoas na UCI pola covid-19 acumulan trece días á baixa

Neste contexto, os datos máis alentadores volven proceder das cifras de hospitalización. As altas seguen incrementándose a maior ritmo que os novos positivos activos e que os falecementos. Chegan xa ás 1.456, un 5,28% máis que o día anterior, e na mesma xornada as persoas hospitalizadas quedan en 759. Non eran menos de 800 dende o 28 de marzo.

Nesta xornada a maior redución de persoas hospitalizadas sitúase entre os doentes que estaban ingresados en planta, nas unidades de hospitalización ordinaria. Tras esta mingua son 642, un 5,31% menos. Tamén diminúe a atención en UCI a persoas co coronavirus por décimo terceiro día consecutivo. Quedan agora en 117, unha diminución diaria do 4,88%.

Con estas sucesivas baixadas na hospitalización, a proporción das persoas que deron positivo por coronavirus e permanecen illadas nos seus lugares de residencia vaise aproximado ao 90%. Xa chegan ás 5.383, un incremento do 1,87% nas últimas vinte e catro horas. Estas cifras danse nun contexto no que o número de probas PCR realizadas en Galicia chegan ás 57.400 -o día anterior eran 53.829, informara Sanidade, nun significativo incremento-. [O Ministerio de Sanidade concreta e amplía os datos sobre o coronavirus que lle deben remitir as autonomías]

A área de Ourense comeza a moderar o incremento

Os datos deste 17 de abril serven tamén para observar que, aparentemente, a área sanitaria que vén destacando por ter, con diferenza, a maior incidencia da pandemia -casos por 100.000 habitantes- no conxunto do país, a de Ourense, comeza a moderar o seu crecemento. O incremento de positivos activos nas últimas vinte e catro horas foi de apenas catro e a súa tendencia comeza a ser semellante á das áreas sanitarias que, dende hai días, trazan liñas practicamente planas.

O maior aumento segue rexistrándose, como en días previos, na área sanitaria da Coruña, que con 39 casos máis chega aos 1.371. O resto de áreas móvense entre a media decena de casos novos ou cifras practicamente idénticas ás da xornada anterior.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.