O Ministerio de Sanidade pide ás autonomías información de seguimento de posibles contactos ou persoal sanitario afectado nun novo protocolo de datos que pasa o foco do control da pandemia dos hospitais á atención primaria
O control do coronavirus pasa de ter o foco nos hospitais aos centros de saúde. Superado o pico desta primeira vaga da pandemia, o Ministerio de Sanidade publica este martes no Boletín Oficial del Estado a orde coa que establece as medidas de vixilancia epidemiolóxica da enfermidade “durante a fase de transición cara a unha nova normalidade”, que entre outras cuestións fixa que se lle deberá realizar unha proba de PCR ou similar a calquera caso sospeitoso de coronavirus en canto o sistema sanitario teña coñecemento dos síntomas. O ministerio tamén pide ás autonomías información de seguimento de posibles contactos ou persoal sanitario afectado.
A orde ditada polo Goberno central entra en vigor este mesmo martes, é de obrigado cumprimento tanto para o sistema público de saúde como para os centros privados, e nela arguméntase que “unha vez que se conseguiu superar o momento máis complicado da crise e agora que os diferentes territorios comezan xa a avanzar nas diferentes fases previstas no Plan para a Transición a unha nova normalidade [...] faise preciso adaptar e reforzar os sistemas de información para o seguimento e a vixilancia epidemiolóxica, de maneira que poida realizarse a detección precoz de calquera caso que poida ter infección activa e que, polo tanto, poida transmitir a enfermidade”.
O ministerio considera caso sospeitoso a “calquera persoa cun cadro clínico de infección respiratoria aguda de aparición súbita de calquera gravidade que cursa, entre outros, con febre, tos ou sensación de falta de aire”
A respecto dos posibles casos sospeitosos, considérase como tal a “calquera persoa cun cadro clínico de infección respiratoria aguda de aparición súbita de calquera gravidade que cursa, entre outros, con febre, tos ou sensación de falta de aire”, entre outros posibles síntomas que se deixan a criterio clínico. Para todos eses casos sospeitosos establécese que “os servizos de saúde das comunidades e cidades autónomas garantirán que en todos os niveis de asistencia, e de xeito especial na atención primaria de saúde, a todo caso sospeitoso de COVID-19 se lle realizará unha proba diagnóstica por PCR ou outra técnica de diagnóstico molecular que se considere adecuada, nas primeiras 24 horas desde o coñecemento dos síntomas”.
Os datos recompilaranse diariamente de 0 a 24 horas e transmitiranse ao ministerio antes das 12 do día seguinte, fronte á información que ata agora se obtiña ata as 21 horas de cada día e se divulgaba durante a mañá seguinte
A orde publicada este mércores tamén establece unha serie de obrigas aos sistemas autonómicos de saúde -e aos laboratorios, para así poder cruzar datos- sobre o tipo de información a facilitar ao ministerio para o seguimento da pandemia. Os datos sobre cada caso e a súa evolución deberán diferenciar agora se proceden da atención primaria ou da hospitalaria, engadindo tamén outras posibles fontes de información como as liñas telefónicas de atención sanitaria, como xa ocorre co seguimento da gripe durante as campañas anuais desa enfermidade.
As autonomías deberán transmitir a información diariamente pero cun horario distinto ao que viña rexendo ata agora. Ata este momento a Xunta e o resto de autonomías transmitía ao ministerio os casos recompilados ata as 21 horas de cada día, que eran divulgados por ambas administracións durante a mañá do día seguinte. Agora o período de computo dos caso será das 0 ás 24 horas de cada día e deberán ser notificados ao ministerio antes das 12 horas do día seguinte.
O ministerio tamén pon o foco no seguimento da enfermidade e quere datos sobre os profesionais dedicados a esa tarefa en relación ao número de casos
Ademais dos datos sobre novos casos, ingresos hospitalarios, altas ou falecementos que xa se viñan comunicando, e para os que ministerio e autonomías están a coordinar un sistema informático que permita unha actualización inmediata con datos individualizados para cada caso, o ministerio pon agora o foco no seguimento da enfermidade. Semanalmente as autonomías deberán informar dos “profesionais dos servizos de vixilancia epidemiolóxica (técnicos de saúde pública, epidemiólogos, enfermaría de saúde pública, outro persoal técnico) dedicados á resposta de COVID-19 en relación ao número de casos diarios detectados e á poboación de referencia”, con indicación do persoal inicial e o de reforzo incorporado.
Igualmente, para avaliar o seguimento da pandemia, os sistemas de saúde deberán comunicar ao ministerio datos sobre o seu seguimento semanal de persoas que puideron estar en contacto con persoas infectadas establecendo relacións entre o número de individuos que presentan síntomas ou se confirman como infectados e o total de persoas en seguimento polo sistema de vixilancia. O ministerio tamén quere información semanal sobre o total de persoal sanitario de baixa por coronavirus e o que vai recibindo a alta.