Infancia "modélica" e excepcións de "nais e pais que non cumprían coa distancia" nas primeiras saídas en Galicia

Unha nena a xogar nunha zona verde de Santiago, na primeira saída tras o confinamento CC-BY-SA Praza Pública
Publicidade
Publicidade

Infancia "modélica" e algunhas excepcións de familias que incumprían a distancia social. É o resumo que a Delegación do Goberno de España en Galicia fai da primeira xornada, a do pasado domingo, na que nenas e nenos puideron saír ao exterior das súas casas tras seis semanas de confinamento para frear os contaxios do coronavirus. Fronte á circulación de fotografías sobre supostos incumprimentos masivos -especialmente de grandes cidades como Madrid ou Barcelona- nas redes sociais e nalgúns medios de comunicación -algunhas delas, cuestionadas polo uso de teleobxectivos, coa consecuente distorsión na percepción da distancia-, a delegación gobernamental falaron este luns en termos de normalidade, agás excepcións.

"O cumprimento das normas e do civismo foi xeneralizado", asegura Losada, quen tamén advirte de que "calquera erro suporía un gran custo" na loita contra a pandemia

A xuízo do delegado do Executivo central, Javier Losada, tras examinar as actuacións policiais do pasado domingo é posible afirmar que "o comportamento do 99% das galegas e galegos foi modélico". "O cumprimento das normas e do civismo é xeneralizado" e así debe continuar porque, advirte, "calquera erro suporía un gran custo" na loita contra a pandemia e mesmo ter que recuperar restricións, no canto de relaxalas.

Admite Losada, así e todo, que Policía e Garda Civil non sancionaron, de entrada, ao observaren eventuais incumprimentos de medidas como a distancia social durante o pasado domingo nas primeiras saídas da infancia. "O labor das forzas e corpos de seguridade do Estado foi eminentemente informativo e, na inmensa maioría da situacións, estivo acompañada pola vontade de colaboración", asegura, nun contexto no que "o comportamento das nenas e nenos foi axeitado en case todo sos casos".

Parque infantil pechado na Coruña durante a crise do coronavirus CC-BY-SA Praza.gal

Así, no capítulo das excepcións, Losada cita "advertencias informativas vinculadas a grupos de pais e nais que non cumprían coas recomendacións de distancia social de seguridade para evitar contaxios". Neste sentido, o delegado reitera que é "crucial non desandar o andado" e para iso, advirte, é clave que as saídas da infancia respecten a regra de que sexa "un só paseo ao día durante unha hora e a un quilómetro de distancia do domicilio", cunha única persoa adulta ao coidado de nenas e nenos, que non poden saír en grupos de máis de tres.

Publicidade
Publicidade

Percepción dos concellos

Algúns dos principais concellos galegos admiten que cumpriron "advertencias" da Policía Local a pais e nais que saíron en parella ou non respectaron a distancia con outras familias, pero sen chegaren a ser precisas as denuncias

Tamén nalgúns dos principais concellos do país este luns os seus responsables deixaban en excepcións os incumprimentos e reiteraban, non obstante, as chamadas ao cumprimento das normas. Así, por exemplo, na cidade máis poboada de Galicia, Vigo, o seu alcalde aseguraba este luns que valora como "moi bo o comportamento dos pais e nais" o pasado domingo, cando a presenza da Policía Local foi "moi especial e intensa" para vixiar posibles incumprimentos.

Segundo Abel Caballero, "predominou o comportamento correcto e os axentes non tiveron que presentar denuncia ningunha" nas súas patrullas por parques infantís e forestais e outras zonas de paseo. Non obstante, o rexedor vigués advirte de que nesta nova fase cómpre aínda "máis atención, precaución e cautela", porque "a desescalada será a etapa máis complexa" e incumprir suporá "dar marcha atrás".

Reparto de máscaras á veciñanza en Vigo © Concello de Vigo

En concellos como A Coruña ou Lugo os partes diarios da Policía Local tampouco recollen denuncia ningunha vinculada ás saídas infantís e o mesmo sucede en Santiago. Na capital galega, non obstante, o seu alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, si advertía este luns en rolda de prensa de "aglomeracións" puntuais durante o pasado domingo por parte de pais e nais que atenderon ás advertencias da Policía Local. Así e todo, subliña, eses chamamentos "non substitúen á responsabilidade" individual para evitar contaxios.

Xunta e Goberno central apuntaron este luns á posibilidade de establecer franxas horarias para as saídas de menores e, a partir da vindeira semana, da poboación adulta en xeral

Tamén en Pontevedra o Concello tivo noticia dalgunha "advertencia" puntual a "algún pai ou nai que saíron en parella acompañando os seus fillos, cando a norma indica que só pode saír un", informou a concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde. Así todo, resaltou, a veciñanza en xeral foi "moi responsable e actuou con prudencia", tendo en conta ademais que "a configuración da cidade", cos seus amplos espazos peonís, "favoreceu que se puidese facer dunha maneira máis distendida".

A Xunta, pola súa banda, asegurou este luns a través do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, ser partidaria de establecer franxas horarias para as saídas das nenas e nenos, así como para as posibles saídas da poboación adulta a partir da vindeira semana. O Goberno galego non sinalara esta proposta nas últimas semanas. Fontes do Ministerio de Sanidade citadas pola Cadena SER apuntan a que o Goberno central compartiu esta posibilidade coas comunidades autónomas este mesmo luns, no marco do Consello Interterritorial de Saúde, no que participou Almuíña. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.