Dous estudos da USC recollen datos con enquisas online sobre os efectos e hábitos das crianzas no confinamento

Mensaxes de ánimo deixadas por nenos e nenas nunha fiestra na Coruña CC-BY-SA Praza.gal

Son moitas as voces que cada vez con maior insistencia veñen demandando que unha das primeiras medidas para relaxar as normas do confinamento debería ser o permiso para que nenos e nenas poidan saír á rúa

Os nenos e nenas levan máis dun mes sen saír das súas casas. Eles non traballan fóra dos seus fogares e tampouco van habitualmente facer a compra, tampouco poden baixar aos parques, ás rúas ou ás praias. Os xogos teñen que facerse dentro da casa e unicamente coas súa familia directa, lonxe das súas amizades, veciños ou curmáns.

Son moitas as voces que cada vez con maior insistencia veñen demandando que unha das primeiras medidas para relaxar as normas do confinamento debería ser o permiso para que nenos e nenas poidan saír á rúa, cando menos uns minutos ao día e acompañados por un dos seus proxenitores. 

Así o fixo esta fin de semana o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que subliñou "a necesidade de buscar unha fórmula pactada cos expertos para que poidan saír de forma controlada, limitada, ocasional e segura, da man do seu pai ou da súa nai”. 

O Ministerio de Sanidade está "seguindo día a día a evolución da epidemia para que en canto sexa posible, e de forma ordenada, os nenos e nenas poidan saír á rúa"

Preguntado por esta cuestión, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, afirmou que o seu Ministerio está "seguindo día a día a evolución da epidemia para que en canto sexa posible, e de forma ordenada, os nenos e nenas poidan saír á rúa". "Sabemos que o confinamento está a ser un reto para todos eles e para as súas familias e somos conscientes de que afecta tamén á súa saúde", dixo Illa, que engadiu que "nada lle gustaría máis" que deixar que saísen á rúa de inmediato, pero que "é necesario actuar con cautela pola saúde do conxunto da cidadanía".

Nestes momentos dúas investigacións dirixidas por docentes da Universidade de Santiago están a estudar a través da recollida de enquisas online o efecto do confinamento sobre nenos e nenas e, ademais, o tipo de xogos que os rapaces e rapazas están a levar a cabo nos seus fogares, coas súas familias ou en solitario. Estudos coma estes permitirán coñecer algo mellor a forma en que nenos e nenas (e os seus pais e nais) están sobrelevando esta situación excepcional.

Imaxe informativa para animar a nenos e nenas a lavar as mans CC-BY-SA hatice97erol

Os efectos do confinamento

A Unidade de investigación das condutas de risco e os trastornos do desenvolvemento (Underisk) da Facultade de Psicoloxía da USC promove a enquisa Confía-20 para coñecer os efectos sobre o confinamento na familia e na infancia. O obxectivo é "coñecer e contribuír así a resolver os problemas que está a deparar nas contornas familiares" a situación excepcional derivada da epidemia de coronavirus. En opinión do grupo, "analizar a forma na que nenos/as e familias están a vivir esta situación de crise e confinamento, axudará a definir e entender mellor o seu impacto".

A enquisa está aberta á participación de familias con nenos e nenas con idades comprendidas entre os 4 e os 11 anos que estean interesadas en achegar as súas experiencias e/ou impresións

A enquisa está aberta á participación de familias con nenos e nenas con idades comprendidas entre os 4 e os 11 anos que estean interesadas en achegar as súas experiencias e/ou impresións. O cuestionario, cunha duración estimada de 15 minutos, pode cubrirse a través dunha plataforma en liña; ademais, o cuestionario tamén se pode recibir previa solicitude a través do correo electrónico.

A enquisa pregunta polas condicións en que se está a pasar o confinamento (tipo de vivenda e características, actividades realizadas polos pais e nais...) e, sobre todo, polo efecto que estas semanas están a ter nos nenos e e nenas. Tamén se interesa pola forma en que os rapaces e rapazas están a seguir as actividades escolares a través das aulas virtuais.

A que están a xogar nenos e nenas?

Os investigadores galegos Apolinar Varela (profesor da Facultade de Educación e Psicoloxía da Universidade de Navarra) e Silvia López-Gómez (profesora da Facultade de Formación do Profesorado da Universidade de Santiago e da UNIR) están a levar a cabo o estudo Hábitos Lúdicos de las familias con hijas/os en tiempos de confinamiento

A investigación suporá "unha boa oportunidade para incrementar o coñecemento sobre o xogo na infancia, un dereito esquecido e maltratado pola sociedade adulta en xeral", destacan

A investigación busca coñecer como xogaban as familias antes do confinamento a causa do coronavirus (COVID-19) e durante o mesmo. O obxectivo é coñecer "cales son os cambios producidos durante a corentena respecto aos costumes lúdicos nos fogares con menores de idade". Ademais, os dous investigadores queren explorar "a percepción das nais/pais sobre o xogo no fogar antes e durante o confinamento e mellorar as perspectivas sobre o dereito ao xogo na infancia para futuras investigacións". 

Para iso, deseñaron unha enquisa online que xa recibiu centos de respostas. A investigación suporá "unha boa oportunidade para incrementar o coñecemento sobre o xogo na infancia, un dereito esquecido e maltratado pola sociedade adulta en xeral", destacan.

Son moitos os nenos e nenas que nestas semanas debuxaron arcos da vella para dar ánimos aos seus veciños e veciñas © habitosjuegocovid

Queixa ante do Defensor del Pueblo

Hai unhas semanas Mónica Rodríguez Vázquez publicou en Praza.gal unha Proposta de organización de saídas de crianzas a espazos ao ar libre durante o confinamento por pandemia. Rodríguez Vázquez remitiulle á Valedora do Pobo unha queixa sobre a situación que están a vivir nenos e nenas, unha comunicación que posteriormente a Oficina da Valedora lle reenviou ao Defensor del Pueblo, institución que respondeu á queixa. 

Francisco Fernández Marugán, Defensor do Pobo en funcións, recoñeceu que nestas semanas está a recibir moitas "expresións de desacordo con algunhas medidas adoptadas ou con comportamentos puntuais das autoridades e administracións competentes". Con todo, a institución remitiu á declaración publicada uns días antes que subliña que nestes momentos "a prioridade absoluta é deter a propagación da enfermidade e salvar o maior número de vidas posible. Nada pode entorpecer ese obxectivo, que nos vai a impor sacrificios e dor". 

Así mesmo, sinalou que "non corresponde a esta institución substituír a función que a norma atribúe aos órganos competentes para valorar ou apreciar a necesidade da declaración dun estado como é a alarma en función da concorrencia dunha serie de factores (sanitarios, ambientais, sociais ou políticos) que tan só os devanditos órganos, coa suficiente información, son capaces de adoptar".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.