"Pedimos que se confíe máis nas crianzas e nas súas familias, mantivemos unha actitude moi responsable nas últimas semanas"

Parque infantil pechado na Coruña polo coronavirus CC-BY-SA Praza Pública

O primeiro anuncio fora recibido con grandes críticas por parte das familias con crianzas, que dende hai semanas veñen reclamando que engadan novas excepcións para que os nenos e nenas poidan ter un momento cada día para estar ao aire libre

Un anuncio e unha rectificación, en poucas horas. O Goberno central detallou este martes a anunciada medida sobre o permiso para que os e as menores de 14 anos puidesen saír da casa nunha nova fase do confinamento, a partir do vindeiro luns. Aínda que nun primeiro momento o Executivo limitounas á posibilidade de acompañar ás persoas adultas naquelas saídas breves que xa estaban autorizadas -ir á compra, á farmacia, ao banco ou a pasear o can-, finalmente a "presión social" -como recoñeceu o ministro de Sanidade- obrigou a unha rectificación. Nenos e nenas de menos de 14 anos poderán saír á rúa a partir do luns a pasear, xogar ou o que queiran, nunhas condicións (limitacións de tempo, precaucións ante posibles contaxios...) que serán comunicadas nos vindeiros días.

O primeiro anuncio fora recibido con grandes críticas por parte das familias con crianzas, que dende hai semanas veñen reclamando que engadan novas excepcións para que os nenos e nenas poidan ter un momento cada día para estar ao aire libre, coas medidas de prevención e seguridade que sexan necesarias. 

Materfem está a levar a cabo unha enquisa online na que recollen información sobre as circunstancias nas que as crianzas están a pasar o confinamento

Sobre isto, a Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e Adolescencia (ASEIA) difundiu na tarde do martes un comunicado no que pedía "superar unha perspectiva adultocéntrica onde se toma como referencia de actividades para os nenos as dos adultos, e urbanocéntrica (pensadas en saídas de contornas urbanas, non rurais)".  "É necesario que este proceso sexa entendido como unha prioridade social", concluía a entidade.

Sabela Losada Cortizas (Materfem) © Materfem

En termos semellantes expresábase o grupo compostelán de Maternidades Feministas (Materfem) , que leva tempo demandando a posibilidade de que as crianzas poidan saír das súas casas cando menos uns minutos ao día. Ademais, Materfem está a levar a cabo unha enquisa online sobre "Maternar en tempos do coronavirus" na que recollen información sobre as circunstancias nas que as crianzas están a pasar o confinamento, como está a afectar esta situación a nenos e nenas e ás súas familias. 

De momento, a enquisa conta con ao redor de 60 respostas, maioritariamente de nais de nenos e nenas de menos de 5 anos. Unha parte importante das persoas que participaron subliñan entre os elementos que fan "máis difícil o confinamento" a carencia dun espazo exterior nas vivendas (terrazas, patios, balcóns...), a falta de espazo verde ou "a imposibilidade de saír coas crianzas a airearse un pouco". Así mesmo, sinalan as dificultades económicas e "a falta de contacto con persoas queridas (amizades, familiares...)". 

Unha maioría de respostas salientan que "ser nai con crianzas é máis difícil manter o confinamento" e, sobre todo reivindican que os poderes públicos deberían ter adoptado "medidas especiais para facer máis doada ás nais e ás súas crianzas esta situación". Falamos con Sabela Losada Cortizas, unha das integrantes de Materfem.

Como valorades, primeiro, a rectificación anunciada polo Goberno? E como fora a vosa reacción ao primeiro anuncio, que limitaba as saídas a un 'acompañamento' ás actividade permitidas aos adultos?

"Valoramos positivamente esa rectificación, porque o que dixeran este martes pola mañá non tiña nin pés nin cabeza. Con todo, seguimos á espera, porque segue sen concretarse exactamente como vai ser todo"

Valoramos positivamente esa rectificación, porque o que dixeran este martes pola mañá non tiña nin pés nin cabeza. Con todo, seguimos á espera, porque segue sen concretarse exactamente como vai ser todo.

O certo é que cando escoitamos o primeiro anuncio ficamos moi sorprendidas, non conseguiamos comprender a lóxica deste plantexamento. Ás veces parece que as persoas que lexislan non viron nunca de preto unha crianza ou un grupo de crianzas. Non era unha medida que tivese en conta o que as crianzas necesitan, senón que parecía que só pensaba no acto de consumir. Esquecía que nenos e nenas necesitan moverse, necesitan que lles dea o sol e desconectar desa sensación de peche e de estrés que están vivindo.

"Parecía que eran medidas pensadas unicamente para espazos urbanos, que non teñen sentido nas realidades rurais"

Parecía, ademais, que eran medidas pensadas unicamente para espazos urbanos, que non teñen sentido nas realidades rurais: para que vas levar os teus fillos a unha farmacia cando os podes levar a dar unha volta polo monte, que o tes ao lado, onde non vai haber ninguén e onde hai menos risco de contaxio? En definitiva, estabamos ante un plantexamento completamente adultocéntrico que non mira polas crianzas. Non se ten en consideración que os nenos e nenas e tamén os e as adolescentes tamén son persoas e tamén teñen dereitos e deben ser tidos en conta.

"Non se ten en consideración que os nenos e nenas e tamén os e as adolescentes tamén son persoas e tamén teñen dereitos", di Sabela Losada © Agamme

Estades satisfeitas coa solución que en principio se apunta, aínda que de momento non coñezamos todos os detalles? Que medidas serían as axeitadas, na vosa opinión?

"Percibimos que hai unha falta de confianza nas crianzas e nas familias, como se se pensase que van causar un desastre en canto baixen á rúa ou que non somos capaces de controlar as nosas fillas e fillos"

Nós pensamos que non debería haber limitacións de tempo. Pero sempre é mellor que saian un tempo, aínda que sexa curto, a que non saian nada. O que pedimos, sobre todo, é que se confíe máis nas crianzas e nas súas familias, porque a realidade é que mantivemos unha actitude moi responsable durante todo este mes e pico que levamos de confinamento. Percibimos que hai unha falta de confianza nas crianzas e nas súas familias, como se se pensase que van causar un desastre en canto baixen á rúa ou que non somos capaces de controlar as nosas fillas e fillos. Esa falta de confianza levou a moitas nais e as súas crianzas a sufrir insultos nas últimas semanas.

A realidade é que non hai perigo de que as crianzas van propiciar un contaxio masivo en canto saian á rúa e que o confinamento infantil non ten xustificación científica, non hai nada que indique que as crianzas son vectores de contaxio. Fronte a esa falta de confianza e ás limitacións, o que si agradeceriamos son indicacións que nos axuden a evitar os contaxios, porque probablemente as crianzas non quererán levar máscaras ou non haberá luvas do seu tamaño. 

Este "alivio do confinamento" é urxente? Vai contribuír a mellorar a forma en que nenas e nenos (e tamén as súas familias) están a levar o confinamento?

"É urxente que as crianzas que están nunha situación peor (de máis tensión, de menos espazo nas súas casas...) teñan a posibilidade de saír un pouco ao aire libre"

É urxente que as crianzas que están nunha situación peor (de máis tensión, de menos espazo nas súas casas...) teñan a posibilidade de saír un pouco ao aire libre. Hai que saber adaptarse ás distintas situacións, con medidas que permitan que as persoas poidan aproveitar as cousas boas das súas circunstancias e minimizar os riscos onde os haxa. Pedimos que se teña en conta a realidade de todas as persoas, independentemente da súa idade, e que teñamos en conta que as necesidades de unhas e outras son distintas.

E cómpre lembrarnos tamén dos e das adolescentes, que viven outra realidade distinta á das persoas adultas ou á dos nenos e nenas. As e os adolescentes tamén están a sufrir o confinamento, pechadas e pechados na casa coas súas familias, que é algo que pode non gustarlles en determinados momentos e afastadas e afastados dos seus grupos, que é un elemento moi importante para elas e eles nesas idades.

Que efectos está a ter o confinamento sobre as crianzas e tamén sobre as súas familias? Como o están a levar, á vista da vosa experiencia e das respostas que estades tendo na enquisa?

"Hai moitas nais e pais que seguen a traballar na casa, ás veces con horarios excesivos e nunha situación de grande estrés. Nesas condicións é imposible atender ás crianzas, traballar, coidar..."

A clave é que as realidades son moi diversas. Por exemplo, nas contornas rurais as medidas non poden ser as mesmas que nunha cidade. Hai crianzas que teñen horta ou xardín e outras que non. Hai crianzas que están acompañadas polos seus irmáns e irmás e poden xogar con elas, e outras que non.

Depende moito da situación da súa familia. Mesmo hai crianzas que estes días son moi felices, porque poden estar na casa coa súa familia, porque por fin teñen tempo. Porén, en xeral, hai moitas nais e pais que seguen a traballar na casa, ás veces con horarios excesivos e nunha situación de grande estrés; nesas condicións é imposible atender ás crianzas, traballar, coidar... E non chegamos a nada: nin traballamos, nin coidamos. As propias crianzas están abrumadas pola gran cantidade de deberes que están recibindo, pola gran carga de traballo que están obrigadas a realizar.

"É o momento de baixar o ritmo e saír do aceleramento no que estaba instalado o mundo e que foi o que nos levou a isto"

A realidade é que estes días as nais estamos completamente saturadas, porque ademais de traballar, de coidar ou de encargarnos da casa, hai unha especie de presión social nestes momentos, no sentido de que tes que ser unha gran animadora da túa familia e de que tes que estar todo o tempo facendo actividades, manualidades... Quizais non é o tempo para iso, senón que é precisamente o momento de baixar o ritmo e saír do aceleramento no que estaba instalado o mundo e que foi o que nos levou a isto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.