O Concello de Lugo, a través da súa área de Mobilidade e Infraestruturas, vai habilitar nos vindeiros días 60 puntos de xogo repartidos en 6 zonas distintas da cidade co obxectivo de fornecer a nenas e nenos de espazos e estímulos para que xoguen mentres realizan os seus paseos diarios permitidos.
A iniciativa 'Tecendo Brincadeiras' busca promover "o xogo en movemento, para xogar co avance do paseo, e non para deterse nelas”
A iniciativa 'Tecendo Brincadeiras', deseñada e dirixida polo gabinete de psicoloxía e terapia familiar de Natalia García, busca promover "o xogo en movemento, para xogar co avance do paseo, e non para deterse nelas”, salientou Rubén Arroxo, tenente de Alcalde. Estes espazos interactivos permitirá ás nenas e nenos "desfrutar das saídas á rúa, creando espazos lúdicos que permitan xogar en igualdade e sacar o máximo rendemento dos paseos no exterior".
“Desde a área de Mobilidade queremos que as nenas e nenos de Lugo poidan desfrutar das saídas á rúa con xogos que poidan fluír cos paseos e eviten as masificacións”, afirmou Arroxo, que engadiu “queremos que sintan o concello como propio, por iso botamos a andar esta iniciativa malia estar pechados os espazos de lecer”.
Con esta iniciativa, que debuxará mariolas e outros xogos nas prazas e beirarrúas, búscase suplir en parte a falta doutros espazos lúdicos
As áreas de xogo instalaranse en todos os barrios, exceptuando a zona Pepri e as zonas onde o pavimento sexa de pedra por respecto ao patrimonio. Utilizaranse pinturas de duración limitada para que, unha vez se retorne á normalidade, o aspecto das rúas volva ser o habitual.
Con esta iniciativa, que debuxará mariolas e outros xogos nas prazas e beirarrúas, búscase suplir en parte a falta doutros espazos lúdicos que tiveron que ser pechados por mor do coronavirus, como pasou cos parques infantís.
Tecendo Brincadeiras
Estes espazos interactivos permitirá ás nenas e nenos "desfrutar das saídas á rúa, creando espazos lúdicos que permitan xogar en igualdade e sacar o máximo rendemento dos paseos no exterior"
Tecendo Brincadeiras propón xogos pensados para cubrir toda a poboación infantil, un primeiro grupo para idades entre dous e tres anos, e outro grupo de maior complexidade para motivar a nenas e nenos dende os cinco seis anos.
Dende o proxecto, sinálase que "a poboación intantil atópase nunha situación moi limitante, pois os espazos adaptados para o xogo no exterior estarán prohibidos para eles desencadeando, en moitos casos, frustracións e outras emocións negativas ao resultar de difícil comprensión o panorama actual". Así mesmo, o clima existente no exterior "non é o máis idóneo" para nenas e nenos, que se deben enfrontar "a unha realidade moi distinta dende que o confinamento comezou: rúas desertas, tendas pechadas, persoas provistas de medios de prevención como máscaras, etc., fan que poida xerar un impacto emocional difícil de xestionar".