Este sábado Kalandraka presenta A Cidade dos Nenos, de Francesco Tonucci no marco da Feira das Industrias Culturais. Francesco Tonucci é un educador e psicopedagogo italiano, autor de numerosos libros sobre a infancia na sociedade actual. Desde 1991 realiza na súa cidade natal de Fano o proxecto A Cidade dos Nenos. No acto estarán presentes as tradutoras da obra: Mónica Baleirón, Sonia Santos e Ruth Vázquez; os autores do Limiar e do prólogo respectivamente, o recoñecido pedagogo galego Antón Costas Rico, un dos fundadores da Nova Escola Galega e Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, cidade esta que acaba de ser recoñecida co Premio de habitabilidade pola ONU seguindo este modelo. Tamén estará presentes o concelleiro de Ordenación do Territorio, Cesario Mosquera e por parte da editorial Paz Castro.
Até o de agora, a única forma de artellar cidade era baleirar os núcleos antigos das cidades, construíndo ao mesmo tempo zonas residenciais illadas, ghetos, zonas privilexiadas e invadindo o espazo público de cemento e de coches, de polución malsá
A Cidade dos Nenos é un proxecto internacional, no que teñen un protagonismo amplo os cativos, que se está a desenvolver en Italia, España e varios países de América do Sur. A idea desta iniciativa nace arredor da habitabilidade das nosas urbes, cuestiona a forma de deseñar a cidade actual, pensada desde unha prespectiva adulta, desde unha visión obreira. Até o de agora, a única forma de artellar cidade era baleirar os núcleos antigos das cidades, construíndo ao mesmo tempo zonas residenciais illadas, ghetos, zonas privilexiadas e invadindo o espazo público de cemento e de coches, de polución malsá. O que se pretende con esta revolución que supón A Cidade dos Nenos é que este espazo volva á concepción orixinaria de lugar de encontro e intercambio entre as persoas, de convivencia. Os nenos son a inspiración porque son eles os que máis gozan da vida, divertidos, os que deben vivir unha infancia plena nas nosas rúas.
A primeira parte do proxecto recollía o malestar dos nenos, as carencias que teñen á hora de compartir os espazos públicos: os patios, as beirarrúas, as rúas, as prazas, a polución xerada polos coches e o espazo que estes ocupan. A segunda parte intenta cambiar ese modelo de deserto coa súa propia participación, construíndo un lugar habitable para que os cativos poidan saír sós fóra da casa sen perigo. Para concluír inclúese a propia experiencia de levar o deseño dos pícaros a cabo sendo eles os arquitectos que promoven os cambios. É esta unha interesantísima oportunidade de cambiar as nosas vidas afastándonos dun pernicioso modelo ancorado no Capitalismo feroz.