Galicia encara a fase final do desconfinamento con apenas 13 novos diagnósticos de coronavirus na última semana. É o que reflicten os datos actualizados polo Ministerio de Sanidade este 12 de xuño -o Sergas non indica directamente o número de casos novos, aínda que informa deles ao Estado-, que reflicten só dous novos diagnósticos nas últimas vinte e catro horas nunha xornada sen novos falecementos, polo que a cifra total se mantén en 619 mortes mentres a Xunta volve introducir un alto número de altas sen referencia temporal.
A información do departamento estatal, que continúa a revisarse tras a publicación da nova serie histórica íntegra -a Xunta non contempla divulgar unha de seu- indica que deses 13 novos casos da última semana, apenas 3 teñen data de inicio de síntomas nos últimos sete días. Nas últimas dúas semanas os novos casos diagnosticados en Galicia foron 26, o que deixa a incidencia -novos casos por cada 100.000 habitantes- en 0,96, a máis baixa do Estado.
Galicia encara a fase final do desconfinamento con apenas 13 novos diagnósticos de coronavirus na última semana, segundo o Ministerio. Mentres, os "positivos activos" da Xunta baixan en 108 casos; 105 deles son altas domiciliarias sumadas dun golpe
A Xunta, pola súa banda, continúa a expresarse en termos de "positivos activos", indicador cada vez máis limitado para coñecer a evolución da pandemia. Isto sucede polo baixo número de novos positivos diarios pero, sobre todo, pola ausencia de referencia temporal na diminución de casos dos que dá conta a Consellería de Sanidade.
Así, por exemplo, este 12 de xuño as persoas con infección por covid-19 considerada activa diminúen en 108 e quedan en 357. A razón é a introdución, dun golpe e sen referencia temporal, de 105 altas de persoas que estaban illadas nos seus domicilios tras dar positivo por coronavirus. A estas 105 altas domiciliarias engádense outras tres hospitalarias, dando lugar á baixada de 108 casos activos.
O número de persoas que o Sergas reporta como "curados", non obstante, aumenta por riba desas 108 persoas. Faino en 114. Eses seis casos de diferenza son de persoas que deron test positivo en test de anticorpos pero foran asintomáticos ou xa pasaran a doenza. Tampouco é posible coñecer a referencia temporal destes casos, pola ausencia de datos abertos do Sergas.
Estas fortes oscilacións nas cifras rexístranse tras unha xornada na que o número de probas PCR realizadas en Galicia chegou ás 156.036. Son 988 máis que as procesadas un día antes.
Nos hospitais hai xa só 8 persoas ingresadas con test positivo de coronavirus
No que atinxe ás hospitalizacións, o número de persoas ingresadas que aínda seguen dando positivo por covid-19 en Galicia é cada vez máis escasa. Nas UCI non hai ninguén con test positivo por terceiro día consecutivo -a última persoa en coidados intensivos por mor do coronavirus continuou na unidade de críticos do CHUS de Santiago, pero xa dando negativo- e nas unidades ordinarias de hospitalización -en planta- quedan xa só 8 persoas nesta situación. O número de persoas ingresadas en Galicia a causa do coronavirus non era menor a dez dende o 11 de marzo.
Mentres, as persoas illadas a domicilio con test positivo experimentan desta volta un forte descenso a causa da devandita introdución de máis dun centenar de altas sen referencia temporal. Quedan agora en 349 e o día previo eran 105 máis.
O gran número de altas introducidas nun só día distribúense de xeito dispar entre as áreas sanitarias. Así, mentres a área da Coruña mantén o mesmo número de "positivos activos" que un día antes (105), a de Ferrol ten un menos, as de Ourense e Pontevedra tres menos e a de Lugo, sete menos, as de Santiago e Vigo diminúen ostensiblemente. Así, na área Santiago-Barbanza introdúcense 58 altas e na de Vigo, 36.