Feijóo gábase do control da enfermidade pero admite que Galicia seguirá en “situación de máximo risco durante meses, semestres e probablemente dous anos”
Apenas unha semana despois de entrar na Fase 3 do desconfinamento, e obviando os prazos de 14 días de posible incubación do coronavirus que veñen empregando os epidemiólogos como referencia para controlar a súa diseminación, Galicia deixará o próximo luns, 15 de xuño, tanto esa fase como o estado de alarma. Así o solicitou formalmente a Xunta este venres recibindo xa a aceptación verbal por parte do Goberno central. Porén, agora o Goberno galego ditará novas normas de desconfinamento que segundo avanzou Feijóo están pensadas para un novo período de 15 días.
A última prórroga do estado de alarma e as normas previstas para a Fase 3 do desconfinamento establecían que os presidentes das comunidades autónomas serían as novas autoridades delegadas en coordinación co ministro de Sanidade, e que poderían propoñer cando considerasen o paso á denominada “nova normalidade”. Así o fixo este venres Feijóo, gabándose de que os bos datos do control da pandemia en Galicia lle permitan ser a primeira en facelo. Faino malia advertir de que “superar a Fase 3 non significa que teñamos superada a pandemia” xa que Galicia seguirá en “situación de máximo risco durante meses, semestres e probablemente dous anos”.
Galicia pasará a estar rexida tanto polo decreto estatal que fixa normas sanitarias para a nova normalidade, como a obrigatoriedade das máscaras, como polas normas que a Xunta comezará a publicar este sábado no DOG
Neste novo período que comeza o luns Galicia pasará a estar rexida tanto polo decreto estatal que fixa normas sanitarias para a nova normalidade, como a obrigatoriedade das máscaras cando non se poida manter a distancia social, como polas normas que dite a Xunta. Destas últimas, avanzou Feijóo, as primeiras sairán publicadas este mesmo sábado no Diario Oficial de Galicia, e suporán lixeiras flexibilizacións adicionais a medidas como as restricións de capacidade para diversos espazos que foron ampliándose progresivamente a medida que se avanzaron fases do desconfinamento.
Esas novas normas autonómicas, sinalou Feijóo, ditaranse cun horizonte de vixencia de 15 días para comprobar o seu funcionamento, o que na práctica supón unha nova fase do desconfinamento a nivel galego que irá máis alá da data fixada para o remate do estado de alarma no conxunto do Estado, o próximo 21 de xuño.