A mobilidade entre provincias dunha mesma comunidade autónoma depende agora da súa autorización por parte de cada presidente autonómico
Galicia entrará o luns na Fase 3 do proceso de desconfinamento, ao igual que todos os territorios que así o solicitaron. A partir deste luns a maior parte do territorio do Estado e o 52% da súa poboación estará neste nivel de desescalada, o penúltimo antes de chegar á chamada 'nova normalidade', a Fase 4 na que desaparecerán a maior parte das restricións existentes ata agora, aínda que se manterán en pé medidas de prevención ante posibles contaxios e rebrotes.
En virtude da prórroga do Estado de alarma, a partir desta fase 3 os presidentes autonómicos convértense na "autoridade competente delegada para a adopción, supresión, modulación e execución das medidas correspondentes" e, entre outras cousas, decidirán o seu remate para o ingreso de cada territorio nesa 'nova normalidade', que en principio podería chegar en 14 días, o vindeiro luns 22 de xuño, atendendo ás recomendacións das autoridades sanitarias.
Cada comunidade autónoma decidirá cando o seu territorio accede á "nova normalidade", momento en que se permitirán os desprazamentos entre comunidades
O pase de Galicia á Fase 3 era algo que se daba case por seguro. Porén, ficaba no aire a posibilidade de que na Fase 3 se permitise a mobilidade entre provincias. Na rolda de prensa que tivo lugar este mediodía, o Ministro de Sanidade, Salvador Illa, confirmou que a mobilidade entre provincias dunha mesma comunidade autónoma depende agora da súa autorización por parte de cada presidente autonómico en Fase 3. En cambio, a mobilidade entre distintas comunidades autónomas non se poderá producir antes da Fase 4.
A Xunta de Galicia manifestou en numerosas ocasións o seu desexo de que se permitise a mobilidade entre as distintas provincias galegas, e así llo demandou ao Goberno central. Agora poderá autorizalo.
A gran novidade desta nova fase será a capacidade de decisión que pasan a ter as comunidades autónomas
A gran novidade desta nova fase será a capacidade de decisión que pasan a ter as comunidades autónomas. En virtude do decreto que regula a nova (e derradeira) prórroga do estado de alarma, "a autoridade competente delegada para a adopción, supresión, modulación e execución das medidas correspondentes á fase 3 do plan de desescalada será, en exercicio das súas competencias, exclusivamente quen ostente a Presidencia da comunidade autónoma".
Así, cada presidente ou presidenta das comunidades en Fase 3 pode decidir o remate da Fase 3 e a chegada á Fase 4. E, igualmente, deles depende "a modificación, ampliación ou restrición das unidades de actuación e as limitacións respecto á liberdade de circulación das persoas, das medidas de contención e das de aseguramento de bens, servizos, transportes e abastecementos, co fin de adaptalas mellor á evolución da emerxencia sanitaria".
A situación epidemiolóxica de Galicia mellorou notablemente nas últimas semanas
A situación epidemiolóxica de Galicia mellorou notablemente nas últimas semanas. Á espera dos datos deste xoves, que o Ministerio de Sanidade dará a coñecer a partir das cinco da tarde, nos últimos 14 días só se detectaron 55 novos positivos, e apenas 11 na última semana. Ademais, deles tan só 11 comezaran os seus síntomas nos últimos 14 días e unicamente 2 na última semana.
Estes datos amosan que despois de case catro semanas na Fase 1 de desconfinamento e case dúas na Fase 2, non se produciron rebrotes nin incrementos no número de casos. Isto levou a que a situación dos hospitais fose tamén moi favorable, con só 1 paciente con coronavirus ingresado nas UCI e outros 26 ingresados en planta. Segundo o Ministerio de Sanidade, nos últimos sete días non se produciu ningún ingreso nas UCI dos hospitais galegos e só sete pacientes foron ingresados en unidades hospitalarias convencionais.
Que cambia na Fase3?
Os principais cambios entre as fases 2 e 3 afectan á capacidade permitida en comercios, locais de hostalaría e espazos e eventos culturais
O BOE do pasado sábado 30 de maio recollía as actividades permitidas en fase 3, que comezaron a aplicarse nalgunhas illas dos arquipélagos canario e balear e na que Galicia e boa parte do Estado Español entrarán a partir deste luns. Pode que haxa que agardar ao BOE deste sábado para coñecer algún detalle máis, pero os principais cambios entre as fases 2 e 3 afectan á capacidade permitida en comercios, locais de hostalaría e espazos e eventos culturais.
- Franxas horarias para o paseo: Elimínanse na súa totalidade (na fase 2 mantíñanse as das persoas maiores de 70 anos).
- Reunións sociais: O límite máximo para o encontro de grupos de persoas elévase de 15 a 20 persoas.
- Teletraballo: Non hai grandes cambios. Séguese recomendando "a continuidade do teletraballo para aqueles traballadores que poidan realizar a súa actividade laboral a distancia". Porén, as empresas poderán elaborar "protocolos de reincorporación presencial á actividade laboral, sempre de acordo coa normativa laboral e de prevención de riscos laborais".
- Locais de apostas: Permítese a apertura de casinos e locais de apostas, cun límite de 50 persoas no seu interior.
- Deporte: Elimínanse restricións, pois poderán practicar deporte xuntos en calquera lugar grupos de ata 20 persoas, sen contacto e respectando un límite máximo do 50% na capacidade dos locais pechados. Non se esixirá cita previa nestas instalacións e permítese o uso dos vestiarios e duchas.
- Bibliotecas e museos: Permítense as actividades culturais en bibliotecas e museos, cun límite do 50% na súa capacidade.
- Locais de hostalaría: A capacidade permitida será do 50%, pero aumenta ao 75% nas terrazas. Ademais, poderán usarse as barras dos bares, garantindo unha separación de 2 metros entre persoas. As discotecas e locais de ocio nocturno poderán abrir cun máximo do 30% da súa capacidade.
- Comercios: A capacidade permitida aumenta ao 50%, pero deberá respectarse en todo momento a distancia social e as quendas reservadas a persoas maiores.
- Espectáculos culturais: A capacidade permitida é do 50%, cun máximo de 80 persoas en espazos pechados e 200 ao aire libre
- Velorios: Poden ser de 50 persoas ao aire libre e 25 persoas en locais pechados. As misas poden ocupar o 75% da capacidade das igrexas.