A mobilidade interprovincial en Galicia poderá ser aprobada coa entrada da comunidade autónoma na fase 3 do desconfinamento. De cumprirse as previsións, o vindeiro luns o país daría este novo paso da desescalada, momento no que a Xunta asumirá as competencias e poderá acordar co Ministerio de Sanidade os desprazamentos da poboación entre as diferentes provincias.
De confirmarse o paso á fase 3 o vindeiro luns, a Xunta asumirá as competencias e poderá acordar co Estado a mobilidade entre provincias
Así o contempla o decreto remitido polo Consello de Ministros e aprobado polo Congreso que aproba a prórroga o estado de alarma pola crise do coronavirus. Nel aclárase que os presidentes autonómicos daqueles territorios que estean en fase 3, á que a Xunta solicitou pasar a partir do luns, poderán decidir cales son as restricións ou como flexibilizar as medidas aplicadas no seu ámbito.
Será, daquela, o Goberno autonómico quen terá competencia sobre o groso do desconfinamento grazas aos pactos do Executivo central co PNV e con ERC para sacar adiante esta sexta prórroga. Os acordos coas dúas forzas nacionalistas repercuten así directamente en Galicia e a pesar do non a prorrogar o estado de alarma por parte do PP no Congreso.
Así, o decreto aprobado aclara que "a autoridade competente delegada para a adopción, supresión, modulación e execución das medidas correspondentes á fase 3 do plan de desescalada será, en exercicio das súas competencias, exclusivamente quen ostente a Presidencia da comunidade autónoma".
Segundo o decreto, o Goberno central "poderá acordar conxuntamente con cada comunidade autónoma a modificación, ampliación ou restrición das unidades de actuación e as limitacións respecto á liberdade de circulación das persoas, das medidas de contención e das de aseguramento de bens, servizos, transportes e abastecemetnos, co fin de adaptalas mellor á evolución da emerxencia sanitaria". Xa que logo, o presidente da Xunta, tal e como advertiu que faría así que Galicia entrase na fase 3, poderá pedir que a unidade territorial de referencia sexa a comunidade, o que deriva na mobilidade da cidadanía entre as provincias galegas.
O Estado abre a porta a acabar coa limitación provincial se así o decide a Xunta, aínda que mantén as restricións de movemento entre comunidades
"En caso de acordo", como detalla o decreto, as novas medidas "serán aplicadas por quen ostente a Presidencia da comunidade autónoma, como representante ordinario do Estado no territorio".
Así, o Executivo central abre a posibilidade de acordar a fin da limitación de mobilidade provincial, unha opción que non existía até agora, no caso de acordalo coa Xunta, que leva xa semanas reclamando esa posibilidade. A opción de saír da comunidade quedaría aínda en mans do Goberno do Estado, que abriu tamén a porta a permitir os desprazamentos entre territorios na mesma fase pero que aínda non concretou a medida.
En todo caso, o remate da fase 3 logo de dúas semanas, e xa que logo "de todas as fases previstas no plan para a desescalada", determinará "que queden sen efecto as medidas derivadas da declaración do estado de alarma" nas unidades territoriais correspondentes.
Xa o pasado martes, a Xunta demandou ao Ministerio que "todo o territorio de Galicia" avance o luns 8 de xuño á fase 3 por presentar "condicións adecuadas epidemiolóxicas". Na proposta enviada, a Consellería de Sanidade reclama a mobilidade interprovincial pola "boa evolución" da pandemia en toda Galicia, "cunha tendencia descendente en todas as provincias".
Por outra banda, no debate no Congreso no que se aprobou a sexta prórroga do estado de alarma, Pedro Sánchez, en resposta a unha pregunta do deputado do BNG, Néstor Rego, asegurou que consultaría ao Ministerio de Interior se hai desprazamentos non permitidos a Galicia de poboación de comunidades en distinta fase de desconfinamento.
Ademais, o pleno non admitiui ningunha das propostas presentadas polos grupos parlamentarios para mudar as condicións da solicitude de autorización da prórroga do estado de alarma. Durante a súa intervención, o presidente do Goberno central lanzou unha petición de "responsabilidade individual" á cidadanía. "O virus non desapareceu, contivémolo, pero continúa entre nós, non atopamos a vacina", dixo Sánchez, que advertiu da importancia de que cando se levante o estado de alarma a poboación "sexa consciente de que as normas son fundamentais para evitar recaídas e recuperarnos economicamente".