"Se as propias autoridades españolas xa dixeron que antes do 1 de xullo non haberá liberdade de circulación, probablemente teremos que manter pechada a fronteira terrestre todo este mes de xuño". O ministro portugués de Administración Interna, Eduardo Cabrita, pechou as portas este martes á posibilidade de que a circulación entre os dous países poida recuperar a normalidade en breve.
O ministro portugués de Administración Interna, Eduardo Cabrita, pechou as portas este martes á posibilidade de que a circulación entre os dous países poida recuperar a normalidade en breve
Hai algunhas semanas Portugal decidiu que a fronteira con España permanecería pechada ata o 15 de xuño, pero a previsión expresada polo Goberno español adía a apertura ata o 1 de xullo. Cando menos de momento, pois o sector turístico está a presionar para adiantar esa decisión.
"Non ten sentido reanudar a fronteira terrestre mentres en España existe unha situación epidemiolóxica que esixe acompañamento e existe unha corentena interna", sinalou o ministro, que adiantou que o seu Goberno reavaliará a situación para decidir en cada momento a posibilidade de modificar as actuais restricións. Así mesmo, os dous Executivos manterán este venres unha nova xuntanza.
De momento, dos 27 pasos fronteirizos existentes entre Galicia e Portugal, permanecen pechados 24. Tan só está aberta a ponte da autoestrada que une Tui e Valença e a estrada entre Verín e Chaves e por estes puntos só se permite o tránsito de transportistas e de persoas que traballan no outro lado da fronteira. Ademais, dende esta semana, abriu tamén o paso que une Tourém e Calvos de Randín pero só nunhas quedas horarias moi determinadas: unicamente os luns e os xoves, entre as 6 e as 8 horas e das 17 ás 19 horas.
A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salvaterra, As Neves, Arbo, Crecente, Caminha, Cerveira, Valença, Monção e Melgaço anunciaron a realización da súa primeira protesta simbólica conxunta
Nas últimas semanas os concellos próximos á fronteira en Galicia e no norte de Portugal, nomeadamente na zona do río Miño, están demandando insistentemente a normalización da mobilidade na fronteira, sinalando os grandes desprazamentos que deben realizar traballadores e transportistas, as longas ringleiras de espera nos pasos abertos e, ademais, o importante prexuízo económico que están a sufrir todas estas localidades por mor do peche da fronteira, dada a intensa actividade comercial que comparten. A pasada semana os concellos de Tui e Valença levaron a cabo un acto conxunto no que subliñaron que "o Norte de Portugal non vive sen Galicia e Galicia non vive seb o Norte de Portugal".
Os alcaldes e alcaldesas das trece localidades mantiveron unha xuntanza na que alertaron de que “hai un gran dinamismo económico que a situación actual fai insostible"
Esta semana trece concellos do Miño da provincia de Pontevedra e no norte de Portugal (A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salvaterra, As Neves, Arbo, Crecente, Caminha, Cerveira, Valença, Monção e Melgaço) anunciaron a realización da súa primeira protesta simbólica conxunta para reclamar a “imprescindible” e “urxente” apertura dos pasos na fronteira.
Os alcaldes e alcaldesas das trece localidades mantiveron unha xuntanza na que alertaron de que “hai un gran dinamismo económico que a situación actual fai insostible” e subliñaron "o agravio comparativo" existente con respecto a outros territorios doutras rexións e provincias como Extremadura ou Ourense, que xa teñen abertos máis pasos, sinala a Deputación de Pontevedra.
"A Xunta non está nin se lle espera”, sinalou Uxío Benítez, director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) do Rio Miño
O deputado provincial Uxío Benítez, director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) do Rio Miño, criticou pola súa parte a falta de actuacións por parte da Xunta. “Vese que o goberno autonómico de Extremadura se moveu convenientemente e argumentou a necesidade de permeabilizar a fronteira. Aquí, a pesares de ter argumentos sólidos de relación económica, de que pasaron 200.000 coches polo paso de Tui durante o confinamento... a Xunta non está nin se lle espera”, sinalou Uxío Benítez.
As accións concretas de protesta comezarán de maneira simbólica coa presenza de alcaldes e alcaldesas e presidentes das câmaras portuguesas. Non se descartan novas mobilizacións coa implicación da cidadanía, xa que as e os mandatarios apostan por radicalizar as accións de manterse a situación.