A raia reclama a Madrid e Lisboa que abran máis pasos fronteirizos para o persoal que debe cruzar cada día

Ponte internacional entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira © Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira

Responsables municipais das dúas beiras do Miño piden coordinación no desconfinamento aos dous estados e asumen que a libre circulación tardará en volver

Todos os pasos fronteirizos entre Galicia e Portugal agás os de Tui-Valença e Verín-Chaves están pechados desde mediados de marzo, pero traballadores e traballadoras transfronteirizos de toda a raia seguen a desprazarse a diario aos seus postos ao outro lado, o que lles implica ter que recorrer moitos máis quilómetros do habitual para empregar os dous únicos puntos habilitados. O inicio do desconfinamento aos dous lados da raia fai que os concellos galegos e as cámaras municipais portuguesas integrantes do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT) do Río Miño, creado en 2018 co 26 municipios das dúas beiras do río, reclamen aos gobernos de Madrid e Lisboa a “apertura de novos pasos fronteirizos como medida de alivio” para esas persoas.

Uxío Benítez, deputado de Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra que dirixe a AECT, salienta a unanimidade dos responsables municipais das dúas beiras da raia que, reunidos por videoconferencia, coincidiron na petición. Permitiría evitar “distancias de máis de 60 quilómetros entre a ida e volta para poder chegar ata polígonos ou empresas que de outro xeito quedaban a escasa distancia dos seus domicilios”, segundo salienta a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, que ve como a ponte que une esa vila coa portuguesa de Vila Nova de Cerveira está pechada.

Responsables municipais das dúas beiras do Miño © AECT Río Miño

 “Debemos asumir que, infelizmente esta crise pódese prolongar no tempo polo que a seguridade sanitaria é imprescidible", di o rexedor de Monçao

Esta situación, que ademais afecta a unha poboación “cun nivel económico medio baixo, está provocando que algunhas persoas incluso se viran obrigadas a abandonar os seus postos de traballo polo incremento nuns custes de desprazamento que se fan inasumibles fronte a uns soldos baixos que ás veces non superan os 600 euros”, di González, un argumento no que redunda a alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, quen ademais propón como solución inmediata “unha apertura parcial, por exemplo, en varias franxas horarias”. Unha apertura que debera ser, segundo coinciden os rexedores, cos mesmos medios de control e seguridade que xa hai en Tui-Valença “que eviten unha volta atrás ou novos confinamentos”, segundo apuntou o presidente da Câmara de Melgaço, Manoel Batista. “Debemos asumir que, infelizmente esta crise pódese prolongar no tempo polo que a seguridade sanitaria é imprescidible", advertiu o rexedor de Monçao, Antonio Barbosa.

"Un ritmo diferente de desescalada pode provocar friccións nun territorio no que a dependencia económica ente ambas marxes do río é moi forte”, advirte Uxío Benítez

Os responsables municipais tamén reclaman coordinación entre o goberno luso e o español durante as medidas de desescalada. Uxío Benítez lamentou que “un ritmo diferente de desescalada poida provocar friccións nun territorio no que a dependencia económica ente ambas marxes do río é moi forte”. Unha idea tamén defendida polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba, quen tamén apuntaba á necesidade de abrir vías, a medio prazo, para facilitar os desprazamentos ata o aeroporto Sá Carneiro do Porto, entre outros.

Esta dependencia é facilmente palpable nalgunhas vilas, como a de Valença, onde o 90% do comercio do municipio está dirixido á poboación galega, segundo achegou o presidente da Câmara de Valença, Manoel Lopes. Un caso similar é o de Cerveira, onde a economía local depende en grande parte das feiras e mercados, segundo apuntou o presidente da câmara e vicedirector do AECT Rio Minho, Fernando Nogueira, consciente de que a “loxística non é fácil”. Xunto coa saúde a economía debe ser o segundo que se atenda, advertiu o presidente de Paredes de Coura, Vitor Pereira, pensando no medio prazo e nunha estratexia conxunta.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.