O Goberno de Lisboa vén de dar luz verde a 16 cámaras municipais do norte do país para asociarse con outros 10 concellos galegos da beira do Miño na denominada Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Rio Minho, que sumará 375.000 habitantes. A entidade, que ten como obxectivo xestionar servizos e equipamentos comúns, será o quinto gran proxecto de cooperación entre administracións de Galicia e o Norte de Portugal, terceiro baixo a figura dunha AECT, con personalidade xurídica propia no marco da UE que lle permite aspirar de xeito directo a fondos comunitarios.
Será o quinto gran proxecto de cooperación entre administracións de Galicia e o Norte de Portugal, terceiro baixo a figura dunha Agrupacion Europea de Cooperación Territorial
A autorización de Lisboa súmase á de Madrid que xa fóra outorgada previamente e permitirá, segundo os impulsores da asociación, asinar os seus estatutos no primeiro trimestre deste ano. Estará formada polos concellos pontevedreses da Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño, Tui, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Ponteareas, As Neves, Mondariz, Mondariz-Balneario, Arbo, Crecente, A Cañiza e Covelo. Pola banda portuguesa os socios serán as cámaras municipais de Arcos de Valdevez, Caminha, Melgaço, Monção, Paredes de Coura, Ponte da Barca, Ponte de Lima, Valença, Viana do Castelo e Vila Nova de Cerveira, todos eles integrados xa na Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, constituida en 2008 e un dos dous socios principais do novo proxecto xunto coa Deputación de Pontevedra.
A Eurorrexión impulsada en 1991 e o Eixo Atlántico de cidades en 1992 foron as dúas primeiras asociacións a nivel rexional e municipal, respectivamente, impulsadas por administracións de Galicia e o Norte de Portugal
A figura das AECT foi creada pola UE en 2006 e unha das primeiras en ser recoñecida en toda Europa foi a denominada Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, formada pola Xunta e a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte, que xa crearan en 1991 a pioneira Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal. A seguinte AECT creada entre administracións de Galicia e o Norte de Portugal foi a Eurocidade Chaves-Verín, en 2013, á que agora se engadiría esta nova Rio Minho conformada por 26 municipios. Ademais, Tui e Valença xa veñen impulsando a súa propia Eurocidade compartindo servizos e dotacións, tamén co obxectivo de constituírse en AECT.
Xunto con estas entidades, ao tempo que botaba a andar a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal a nivel rexional, as principais cidades asociábanse en 1992 no Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, que hoxe integra xa a 38 municipios. Eixo Atlántico que á súa vez ocupa actualmente a secretaría da Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas (RIET), entidade de coordinación á que tamén pertence a Eurocidade Chaves-Verín e outra vintena de organizacións de toda a raia entre Portugal e España interesadas na cooperación transfronteiriza, tanto de base administrativa como empresarial ou universitaria, como a Universidade de Vigo, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) ou a de Ourense (CEO).