O Eixo Atlántico celebra o seu 25º aniversario preguntándose cal debe ser o futuro das súas cidades

Intervención de Mário Soares na asemblea fundacional do Eixo, en Viana do Castelo en 1992 © Eixo Atlántico

O grupo de cidades de Galicia e o Norte de Portugal celebra en xuño en Braga un congreso sobre desenvolvemento urbano que será clausurado polo primeiro ministro portugués, Antonio Costa, e no que se entregará un recoñecemento a Jacques Delors

“Comezamos desde hoxe a traballar para que Galicia e o Norte de Portugal sexan partícipes das novas centralidades europeas, para que as nosas cidades sexan centros da periferia e deixemos de ser a periferia do centro”. Con ese espírito lanzaban o 1 de abril de 1992, hai agora 25 anos, a denominada Declaración do Porto unha ducia de cidades de Galicia e o Norte de Portugal, lideradas polos daquela alcaldes socialistas do Porto, Fernando Gomes, e Vigo, Carlos Príncipe. Aquela iniciativa daría lugar ao Eixo Atlántico, o lobby de cidades que 25 anos despois xa suma 38 socios e ultima a celebración do seu aniversario.

O acto central do aniversario do Eixo terá tanto de traballo como de simbolismo. Os días 8 e 9 de xuño Braga acollerá un congreso no que se presentará e debaterá a axenda urbana para a eurorrexión, “un conxunto de estratexias que teñen como obxectivo situar no horizonte de 2020 as cidades asociadas nunha mellor situación competitiva”. Expertos en urbanismo, ecoloxía, emprego, participación social, infraestruturas de transporte ou desenvolvemento rexional achegarán as súas propostas nun congreso que o Eixo Atlántico abre á participación da cidadanía. “Pretende ser o foro no que os axentes políticos, sociais, económicos e culturais da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal coñezan de primeira man o documento estratéxico e poidan achegar todos os comentarios e ideas que melloren a axenda urbana”, sinalan desde a organización.

O congreso será inaugurado polo ministro de Infraestruturas de Portugal, Pedro Marques, e clausurado polo primeiro ministro, António Costa, nun acto no que tamén se entregarán as medallas que o Eixo outorga cada dous anos en recoñecemento de esforzos para a construción europea e a integración da eurorrexión. Neste 25 aniversario, os premiados son o ex-presidente da Comisión Europea Jacques Delors, o alcalde do Porto fundador do Eixo Fernando Gomes e o ex-director xeral de Relacións Exteriores da UE Eneko Landaburu.

Lugo, Sarria e Monforte acollerán en xullo os XII Xogos do Eixo Atlántico e Vila Real, en xuño, unha feira de turismo de proximidade

Ademais do congreso, o Eixo Atlántico está organizando diversas actividades conmemorativas do seu aniversario. As celebracións comezaron de xeito paralelo á asemblea anual que o Eixo Atlántico celebrou en Lugo o pasado 15 de febreiro, onde ademais de fixarse as prioridades políticas para este ano se instalou unha exposición sobre os grandes fitos de cooperación transfronteiriza e vertebración do sistema urbano acadados pola organización. En xullo tamén Lugo, xunto con Sarria e Monforte, acollerá os XII Xogos do Eixo Atlántico, evento deportivo que desde 1995 contribúe á integración e convivencia de mozos das dúas beiras do Miño. Un mes antes, en Vila Real celebrarase en xuño Expocidades, unha feira de turismo de proximidade que pretende contribuír tamén a un maior coñecemento mutuo da cidadanía da eurorrexión.

Os daquela alcaldes de Vigo, Manuel Pérez, e Porto, Fernando Gomes, co presidente do Parlamento Europeo, Gil Robles, en 1998 Dominio Público Eixo Atlántico

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.