As feiras semanais están suspendidas en Valença e Cerveira e a atención presencial substituíuse pola telefónica ou electrónica
En Portugal, ademais das medidas a nivel estatal para intentar controlar o coronavirus, as cámaras municipais están a pechar ou restrinxir o uso de todo tipo de instalacións públicas, moitas delas con servizos que tamén veñen sendo empregados por cidadanía dos concellos galegos fronteirizos. Pavillóns deportivos, piscinas, bibliotecas ou albergues son algunhas delas, ademais de, como norma xeral, suspender a atención presencial na maioría dos servizos municipais “privilegiando os contactos telefónicos e via e-mail”.
En Valença, que conforma con Tui unha eurocidade que comparte servizos, suspendeuse a feira semanal dos mércores ademais de decretarse o “encerramento da biblioteca, piscina, posto de turismo, museus, pavilhão e albergue”, varias desas instalacións empregadas acotío por cidadanía das dúas beiras do Miño.
Na veciña Vila Nova de Cerveira, fronte a Tomiño, tamén se pecharon, entre outras, a piscina e o mercado municipal, e igualmente suspendeuse a feira dos sábados. Tamén en Monção, que comparte eurocidade con Salvaterra do Miño, pechouse a piscina e as cámaras municipais de Melgaço e Caminha fixeron públicos respectivos Planos de Contingência a aplicar en distintas fases que inclúen, no caso da segunda vila, o posible peche do ferry que a une con A Guarda.