A epidemia de coronavirus ten en Portugal uns efectos máis reducidos que na maior parte do Estado Español, pero tamén alí o número de positivos, de persoas hospitalizadas e de falecementos non deixa de medrar. As últimas cifras oficiais facilitadas pola Direcção Geral de Saúde (DGS) elevan os casos confirmados a 7.443, con 160 mortes e máis de 800 persoas internadas nos hospitais, 188 na UCI. Os casos sospeitosos superan os 52 mil.
A cidade do Porto rexistra un total de 462 casos confirmados e a Região Norte acumula 4.500 dos preto de 7.500 casos totais no país.
A situación está a xerar, en todo caso, unha gran preocupación e tensión en todo o país, que nas últimas horas virou nun posible conflito político, ao fío da proposta de creación dun "cerco sanitario" ao redor da cidade do Porto, a zona do país con máis contaxios. A medida, apuntada pola directora xeral de Saúde, tivo que ser desmentida de inmediato polo secretario de Estado da Saúde.
En efecto, a cidade do Porto rexistra un total de 462 casos confirmados, case os mesmos que Lisboa (505), a pesar de que a capital lusa duplica á da meirande cidade do norte. As localidades que conforman a área metropolitana do Porto (Vila Nova de Gaia, Gondomar, Maia, Matosinhos, Valongo...) son as seguintes en número de casos, sumando o Grande Porto máis de dous mil positivos.
A Região Norte acumula 4.500 dos preto de 7.500 casos totais no país. A incidencia da enfermidade nesta zona (122 casos por cada 100.000 habitantes) é aínda inferior á que rexistra en Galicia (151 casos por cada 100.000 habitantes), pero moi superior a do resto de Portugal.
O luns a directora xeral da Saúde, Graça Freitas, apuntou que este martes o Goberno decidiría a aplicación dun "cordón sanitario" ao redor da cidade do Porto
O luns a directora xeral da Saúde, Graça Freitas, apuntou que este martes o Goberno decidiría a aplicación dun "cordón sanitario" ao redor da cidade do Porto. As súas palabras foron respondidas de inmediato polo alcalde Rui Moreira, que cualificou a medida como “inútil e extemporánea”. Os alcaldes de Vila Nova de Gaia e doutras localidades da área metropolitana tamén criticaron a Freitas, subliñando o carácter innecesario da proposta e tamén a dificultade de aplicala nunha conurbación con tantas conexións internas, con decenas de milleiros de persoas que viven nun concello e traballan noutro.
A polémica sobre o posible "cerco sanitario" veu precedido por un erro nos datos difundidos pola DGS, que contabilizou por duplicado os datos na cidade do Porto, que nun día pasara de forma errónea de 417 a 941 infectados.
O martes o Secretario de Estado da Saúde, António Sales, rexeitou publicamente que esa medida estea enriba da mesa
O martes o Secretario de Estado da Saúde, António Sales, rexeitou publicamente que esa medida estea enriba da mesa, desautorizando á directora xeral do seu departamento e indicando que Freitas se referira á situación "dunha forma xeneralista, non particularmente ao Porto". Sales destacou que “a fixación de cercos sanitarios é antecedida por declaracións de calamidade pública“, que neste caso non se produciron, indicando que “no caso do Porto non houbo ningunha indicación da autoridade de saúde nese sentido” e que polo tanto a medida non sería a indicada.
Marcelo Rebelo de Sousa felicitou á cidadanía portuguesa polo cumprimento das normas de distancia social adoptadas, apostando por manter as accións de contención
As aclaracións non fixeron diminuír o anoxo na área metropolitana do Porto co Goberno portugués e, principalmente, con Graça Freitas. A Cámara Municipal do Porto afirmou que "deixaba de recoñecer autoridade á señora Diretora Geral da Saúde, entendendo as súas declaracións como un lapso seguramente provocado por cansazo". A pesar de que o cordón sanitario non se vai aplicar de momento no Porto, a medida si está en marcha nalgúns lugares de Portugal, como Ovar, dende o pasado 17 de marzo.
As autoridades portuguesas son optimistas con respecto á efectividade das medidas adoptadas ata o momento, un estado de emerxencia con medidas algo máis relaxadas que as impostas no Estado español. Este martes o presidente, Marcelo Rebelo de Sousa, felicitou á cidadanía portuguesa polo cumprimento das normas de distancia social adoptadas, apostando por manter as accións de contención. "As medidas de contenção estão a ser respeitadas pelos portugueses, que esvaziaram as cidades. Isso está a refletir-se nos números e é preciso continuar. Importa manter a pressão na mola para que a mola não suba", dixo.