Reino Unido endurece as medidas contra o coronavirus ante o risco dun colapso dos hospitais

Boris Johnson, no centro, nunha conferencia de prensa sobre o Coronavirus esta semana. Dominio Público British Government

O Reino Unido intentou lidar co coronavirus aplicando unhas medidas distintas ao resto do mundo. Nun inicio, o goberno de Boris Johnson tratou de evitar restricións tan severas como noutros países, e permitir que boa parte da poboación se infectase para desenvolver "inmunidade colectiva".

Un informe do Imperial College alertou de que, coa estratexia inicial de Johnson, o sistema sanitario colapsaría en poucas semanas

A finais da semana pasada, a estratexia cambiou substancialmente. O motivo? Un informe da prestixiosa universidade Imperial College que, baseándose nos últimos datos de infectados doutros países, concluía que o sistema de saúde británico colapsaría en poucas semanas, provocando en torno a 260.000 mortes.

Baixo as novas indicacións, o Goberno recomenda traballar desde a casa, evitar contactos innecesarios e non ir a espazos públicos como pubs ou restaurante. Pero, a diferenza do que acontece en España, non hai medida punitivas para evitar que a xente saia á rúa ou para que os establecementos pechen.

Os únicos que estarán obrigados a pechar serán as escolas, a partir deste venres. Baixo este escenario, Downing Street confía en poder reducir o número de mortes a 20.000, unha cifra que consideran "boa" e, ao mesmo tempo, "terrible".

Persoal do servizo de saúde británico encargado de realizar test do coronavirus a domicilio © NHS

Unha das medidas que se dá por feita na prensa do país é o illamento de todas as persoas maiores de 70 anos durante un mínimo de catro meses

Boris Johnson anunciou que novas medidas se porán en marcha nos próximos días. Algunhas das que se dan por feito na prensa do país son o illamento de todas as persoas maiores de 70 anos durante un mínimo de catro meses e o posible peche da cidade de Londres, algo que os medios do país consideran inminente.

Natalia Cabana, enfermeira galega no hospital londinense de St George's, asegura que o persoal da sanidade británico comeza a vivir "con preocupación" a chegada do Coronavirus. "De momento, non comezaron a chegar moreas de casos pero si que hai un goteo de persoas aceptadas", asegura.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.