Cada día son máis as voces que reclaman a apertura de máis pasos fronteirizos na raia que separa Galicia e Portugal. Na actualidade, mantéñense as restricións aplicadas dende hai dous meses e medio, no comezo do estado de alarma aprobado para facer fronte á pandemia de coronavirus. Tan só se pode cruzar -por razóns de traballo ou transporte de mercadorías- a través da ponte da autoestrada entre Tui e Valença e no paso que une Chaves e Verín.
O Goberno portugués anunciou que a partir do vindeiro luns se permitirá tamén o paso a través do paso que une Tourém e Calvos de Randín, pero só durante unhas poucas horas os luns e os xoves
O resto do pasos están pechados, o que obriga a moitos traballadores e transportistas a percorren moitos quilómetros extra para poder cruzar a fronteira que, ademais, rexistra importantes retencións debido aos controis establecidos. O Goberno portugués anunciou este xoves que a partir do vindeiro luns se permitirá tamén o paso a través do paso que une Tourém e Calvos de Randín. Iso si, será nunhas quedas horarias moi determinadas: unicamente os luns e os xoves, entre as 6 e as 8 horas e das 17 ás 19 horas.
A pasada semana a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) do Rio Miño e as Eurocidades do Miño acordaron adoptar "medidas contundentes e visibles de protesta" para reclamar a "apertura urxente de pasos na fronteira con Portugal". De igual xeito, a Xunta e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N) acordaron realizar unha petición conxunta aos Executivos de España e Portugal para habilitar máis pasos que permitan o tránsito dos traballadores transfronteirizos e de mercadorías. As dúas institución apostan por "flexibilizar de forma gradual os controis fronteirizos debido á particular permeabilidade da Raia” e lembran "a relevancia das eurocidades na recuperación económica".
Tui e Valença, "unha única realidade social e económica”
“Todos temos asumido dende hai moitos anos que isto non é un paso fronteirizo, é unha ponte que une unha única realidade social e económica”
Mentres, os alcaldes de Valença do Minho e Tui, Manuel Lopes e Enrique Cabaleiro, compareceron este venres nunha rolda de prensa conxunta, celebrada a carón da vella ponte internacional que une as dúas localidades, para esixir a apertura deste paso na fronteira "cando menos ao tráfico local e coas medidas oportunas”.
Os dous rexedores, apoiados por concelleiros de distintos grupos políticos, reclámanlles aos respectivo Gobernos de Portugal e España que permitan os desprazamentos entre as dúas vilas, que conforman unha Eurocidade, de xeito que se restableza a importante actividade económica e comercial que se desenvolve entre elas.
“Portugal não é só Lisboa e Espanha não é só Madrid!”, subliñou o alcalde de Valença
Enrique Cabaleiro afirmou que “todos temos asumido dende hai moitos anos que isto non é un paso fronteirizo, é unha ponte que une unha única realidade social e económica”. O alcalde de Tui pediu aos Gobernos español e portugués “axilizar as medidas de reapertura das fronteiras”, porque a actual situación "está a causar un grave prexuízo á nosa economía e aos traballadores transfronteirizos”, engadindo que "a fácil mobilidade de persoas e de vehículos é un factor do que precisamos para a recuperación económica” e que "a nosa viabilidade económica depende en gran medida dos clientes dun e do outro lado da fronteira”.
“Portugal não é só Lisboa e Espanha não é só Madrid!”, afirmou o pola súa banda presidente da Câmara de Valença, que sinalou que “não estamos a solicitar trabalho aos nossos governantes! Estamos apenas a pedir que nos deixem trabalhar!”. Manuel Lopez destacou que o sur de Galicia e o Norte de Portugal contan nestes momentos cunha situación epidemiolóxica “muito semelhante” e criticou a "teima" en mater a fronteira pechada en case todos os seus pasos, o que provoca todos os días a formación de longas fileiras de coches e camións que agardan para pasar dun país a outro.
"O Norte de Portugal não vive sem a Galiza e a Galiza não vive sem o Norte de Portugal", concluíu Lopes
Lopes salientou finalmente que "Galicia e o Norte de Portugal son un único pobo", responsabilizando aos gobernos de Lisboa e Madrid das consecuencias que poderá ter nas economías deste territorio manter o único paso na nova Ponte Internacional. "O Norte de Portugal não vive sem a Galiza e a Galiza não vive sem o Norte de Portugal", concluíu.