Os concellos da raia preparan protestas para esixir a apertura de máis pasos na fronteira entre Galicia e Portugal

Tui dende Valença do Minho CC-BY-SA Fran Eirin

Dende o inicio da crise do coronavirus, a mediados de marzo, todos os pasos fronteirizos entre Galicia e Portugal permanecen pechados, agás o que comunica Tui e Valença do Minho. As dificultades que dende hai dous meses deben superar moitas persoas que teñen que atravesar a raia para traballar incrementáronse nas últimas semanas, coa reanudación de moitas actividades económica nunha e noutra beira da fronteira.

O xoves da pasada semana atravesaron o límite entre os dous países 5.000 persoas, unha situación que provoca longas ringleiras de coches e esperas

Nese único paso fronteirizo son cada vez máis habituais as extensas ringleiras de coches e camións e longas esperas. Por exemplo, o xoves da pasada semana atravesaron o límite entre os dous países 5.000 persoas, cun incremento do 25% con respecto á semana anterior. 

Porén, as fronteiras terrestres entre España e Portugal van permancer pechadas, cando menos, ata o vindeiro 15 de xuño, segundo determinou hai uns días o Goberno portugués. "Importa garantir a segurança interna através de medidas adequadas que contenham as possíveis linhas de contágio", sinala a orde aprobada polo Consello de Ministros luso, que engade a posibilidade de "reavaliar" a decisión cada dez días. De igual xeito, España prevé estender o peche de fronteiras ao longo de todo o mes de xuño.

Reunión virtual das eurocidades galego-portuguesas, este xoves © Deputación de Pontevedra

 O deputado provincial Uxío Benítez, director da agrupación transfronteiriza, advirte de que a situación se está volvendo “insostible”, xa que "o territorio do Miño está afogado" pola existencia dun único paso na fronteira

En resposta a esta situación, este xoves a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) do Rio Miño e as Eurocidades do Miño acordaron adoptar "medidas contundentes e visibles de protesta" para reclamar a "apertura urxente de pasos na fronteira con Portugal". 

O deputado provincial Uxío Benítez, director da agrupación transfronteiriza, advirte de que a situación se está volvendo “insostible”, xa que "o territorio do Miño está afogado" pola existencia dun único paso na fronteira, lembrando que esta situación "obriga a moitos traballadores e traballadoras transfronteirizos a dar rodeos de ata 200 quilómetros para acudir aos seus postos, coas perdas económicas e de tempo conseguintes". Nos concellos da ribeira do Miño viven case 150.000 persoas, unha cifra que se eleva ás 400.000 tendo en conta a súa área de influencia. 

Os concellos preparan protestas "que cumprindo os actos autorizados dentro da fase actual da desescalada poñan de manifesto de xeito simbólico e chamativo o malestar"

Na xuntanza virtual participaron representantes de Tui, Tomiño, Salvaterra, Vila Nova de Cerveira, Valença e Monçao. Todos eles e elas acordaron iniciar accións de protesta que complementarán as vías administrativas de reclamación xa iniciadas, "fórmulas que cumprindo os actos autorizados dentro da fase actual da desescalada poñan de manifesto de xeito simbólico e chamativo o malestar tanto das e dos dirixentes como da cidadanía afectada", sinalan. Nos vindeiros días convocarase ao resto das cidades da ‘raia’ para consensuar as medidas de presión. No encontro tamén se alertou dos problemas de "coordinación" entre os corpos policiais de ambos os dous países.

Na ultima semana de abril as entidades representadas na AECT realizaron a súa primeira reclamación de que se abrisen máis pasos fronteirizos na 'raia' entre Galicia e Portugal. A AECT reuniuse co delegado do Goberno en Galicia, que tramitou a solicitude de apertura de pasos aos Ministerios de Sanidade e Interior. E, así mesmo, mantívose un encontro co secretario xeral da Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE) Martín Guillermo Ramírez, que confirmou o traslado da protesta polo peche da fronteira á propia responsable da CE, Ursula Von der Leyen.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.