Tui celebra cunha festa galego-portuguesa o 881 aniversario do tratado que fixou a fronteira entre os dous países

Panorámica do casco histórico de Tui © Lmbuga

O 4 de xullo de 1137 Alfonso VII de Castela e León e o seu curmán o infante Afonso Henriques de Portugal asinaron en Tui un tratado de amizade, que poñía fin ao enfrontamento entre ambos os dous. Este Pacto de Tui, do que esta semana se conmemora o seu 881 aniversario, supuxo a devolución á Coroa de Castela e León de amplas extensións da parte sur do actual territorio das provincias de Pontevedra e Ourense, que foran ocupadas por Afonso Henriques. Pero, ademais, significou un avance no recoñecemento da independencia portuguesa por parte do monarca castelán-leonés (que só se completaría en 1179). Así mesmo, implicou o establecemento da fronteira entre Galicia e Portugal, fixando o río Miño como límite, o que a converteu "na fronteira máis antiga de Europa", segundo destaca un informe do Concello de Tui.

"Será unha festa estival dedicada á cultura galego-portuguesa como metáfora dunha gran relación de veciñanza, e a intención é darlle continuidade"

Para conmemorar a efeméride, o Concello de Tui organizou unha serie de actos na fin de semana do 6 e do 7 de xullo, unha celebración que estará centrada na música e na irmandade entre Galicia e Portugal. A música funcionará así "como elemento de fusión entre dúas culturas que parten dunha mesma raíz”, comentou o concelleiro de cultura Eduardo Freiría, engadindo que tamén haberá actividades complementarias, como por exemplo, unha exposición por parte do Instituto Camões de Vigo, que recolle a historia do azulexo luso, e na Biblioteca Municipal haberá bibliografía portuguesa a disposición dos e das lectoras. "Será unha festa estival dedicada á cultura galego-portuguesa como metáfora dunha gran relación de veciñanza, e a intención é darlle continuidade", salienta o Concello.

A orquestra folk Sondeseu actuará o venres 6 de xullo para presentar o seu quinto traballo, Beiralúa, unha invitación á danza colectiva, á colaboración de artistas e compositores na elaboración dun repertorio variado que recolle diversos enfoques da creación musical.

A fin de semana do 6 e 7 de xullo actuarán Teresa Salgueiro e Sondeseu “coa música como elemento de fusión entre dúas culturas que parten dunha mesma raíz”

Ao día seguinte, a portuguesa Teresa Salgueiro presentará O horizonte, un segundo álbum en solitario que editou en 2016 e co que ademais celebrará os seus 30 anos no
mundo da música. A cantante e compositora confirma a través del as súas habilidades líricas, creando e interpretando un repertorio orixinal no que confirman por que é unha gran referencia na música do seu país e na universal. A voz de Salgueiro interpretará os seus novos temas, propón arranxos orixinais para outros clásicos lusos e como non, revisitará os seus éxitos con Madredeus​.

 

A historia do tratado

Entre 1131 e 1134, o infante Afonso Henriques, sabendo que Afonso VII de Castela e León se atopaba en mala posición no conflito co rei de Navarra, aproveitou a oportunidade favorable para entrar co seu exército en Galicia, facéndose co control de Tui, da Limia e doutras comarcas. En 1137, unha vez que Afonso VII chegou a un acordo co navarro García Ramírez e o aragonés Ramiro II, dirixiuse a Galicia para recuperar os territorios perdidos. Aínda que Afonso Henriques contaba co apoio de boa parte da nobreza tudense, aceptou asinar un acordo que en principio non lle era moi favorable. A través deste pacto aceptou devolver os territorios conquistados en Galicia, comezando pola propia Tui e aceptou unha "vasalaxe" ao emperador (que, na práctica, nunca exerceu). Con todo, barállase que o motivo da sinatura do tratado por parte do infante estivo na súa necesidade de concentrar as súas forzas contra a ameaza almorávide sobre Leiria e Coimbra.

Segundo destaca o informe do Concello de Tui, "o tratado de paz tivo como principal consecuencia o reforzo de Afonso Henriques no seu territorio e o primeiro paso como rei de Portugal"

Segundo destaca o informe do Concello de Tui, "o tratado de paz tivo como principal consecuencia o reforzo de Afonso Henriques no seu territorio e o primeiro paso como rei de Portugal non só como fillo de raíña, senón desde o punto de vista de afastarse da vasalaxe leonesa". Engade que o pacto "permite de xeito claro a titulación de Afonso Henriques como rei ao marxe do acontecemento da batalla de Ourique en 1139, data tradicional para emerxer a titulación real na chancillería afonsina". Así mesmo, o documento subliña que "o tratado de Tui establece con claridade a formación da fronteira política no río Miño entre Galicia e Portugal, sinalando así que o percorrido final do río Miño forme a fronteira máis antiga de Europa".

"O tratado de Tui establece con claridade a formación da fronteira política no río Miño entre Galicia e Portugal, sinalando así que o percorrido final do río Miño forme a fronteira máis antiga de Europa"

As reivindicacións territoriais de Afonso Henriques sobre Tui non rematarían coa Paz de 1137. En 1140 ocupou de novo a cidade aproveitando que Afonso VII estaba en campaña na conquista do castelo de Oreja (1139). A reunión de Zamora en 1143 non só estableceu unha nova paz entre os monarcas senón que sinala a primeira mención da chancelería leonesa a Afonso como rei de Portugal. O rei Afonso Henriques continuaría ao longo do seu longo reinado a ocupar o territorio tudense, xa contra o rei leonés Fernando II. Entre 1159 e 1169 regresou o dominio portugués sobre Tui, sendo a derrota de Afonso Henriques en Badaxoz en 1169 a ocasión para a retirada de Tui e control definitivo leonés sobre o territorio ao norte do Miño.

 

Catedral de Tui CC-BY-SA Grzegorz Polak
Privilexio concedido polo rei Afonso VII á igrexa de Tui en 1142 © Concello de Tui

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.