O groso da fin do desconfinamento será competencia da Xunta grazas aos pactos do Goberno central co PNV e ERC

Pedro Sánchez, durante unha das videoconferencias coas presidencias autonómicas © JM Cuadrado / Goberno de España

O presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, confirmou este domingo ás comunidades autónomas a súa previsión de que a sexta prórroga do estado de alarma polo coronavirus, ata o 21 de xuño, será tamén a derradeira. Ao contrario que en anteriores videoconferencias coas presidencias autonómicas, Sánchez chegou ao encontro deste domingo, o duodécimo, despois de que o seu Executivo atase os apoios para sacar adiante a seguinte prórroga mediante senllos pactos co Partido Nacionalista Vasco e Esquerra Republicana de Catalunya que terán repercusión directa tamén para Galicia. O remate do desconfinamento, a fase 3, será esencialmente competencia da Xunta.

Sánchez confirma que a sexta prórroga do estado de alarma será a derradeira e na nova redacción do decreto, as presidencias autonómicas terán a consideración de autoridade competente delegada ao mesmo nivel que o ministro de Sanidade

Tanto o PNV como ERC confirmaban o pasado sábado os trazos xerais dos acordos que pasan, como anteriores pactos, por introducir emendas ao real decreto do estado de alarma. Así, detalla a formación vasca, o novo texto indicará que neste novo período as "autoridades competentes delgadas" serán "o ministro de sanidade, baixo a superior dirección do presidente do Goberno", Pedro Sánchez, e "quen ostente a presidencia da comunidade autónoma". Esta parte do acordo é practicamente idéntica a unha das emendas formulada a pasada semana polo BNG no Congreso.

Pero o acordo co PNV vai máis alá. Segundo o difundido polos jeltzales, a clave do pacto é o traspaso de competencias ás comunidades autónomas para a práctica totalidade de medidas da fase 3 do desconfinamento, que a Xunta di pretender pedir a partir do 8 de xuño. Así, indica a nova redacción, "a autoridade competente delegada para a adopción, supresión, modulación e execución das medidas correspondentes á fase 3" do plan de desconfinamento "será, no exercicio das súas competencias, exclusivamente quen ostente a presidencia da comunidade autónoma". 

Aitor Esteban e Gabriel Rufián, voceiros de PNV e ERC no Congreso © Congreso dos Deputados

A única excepción a esa nova autoridade para as presidencias autonómicas serán "as medidas vinculadas á liberdade de circulación que excedan o ámbito da unidade territorial determinada para cada comunidade autónoma aos efectos do proceso de desconfinamento". Deste xeito, interpreta o PNV, a cambio do seu voto a prol da nova prórroga, no interior de Euskadi a restrición ou ampliación de movementos para a cidadanía será competencia do lehendakari porque todo o territorio vasco será considerado unha única unidade, adiantou El Confidencial.

A excepción serán "as medidas vinculadas á liberdade de circulación que excedan o ámbito da unidade territorial determinada" no desconfinamento, clave para a mobilidade entre provincias

No caso galego, daquela, segue sobre a mesa a cuestión do movemento alén das lindes provinciais. O groso das medidas do desconfinamento pasarán a ser competencia da Xunta a través do seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, que polemiza dende hai semanas co Goberno central sobre este e outros aspectos da aplicación do estado de alarma. Pero coa redacción pactada, cabe agardar que o Ministerio siga tendo a última palabra sobre esta cuestión.

Que esta sexa a última prórroga do estado de alarma, como confirmou Sánchez ás autonomías, figura no pactado con Esquerra, que deixará o "non" para retornar á abstención. Ese acordo contempla tamén o devandito retorno de competencias autonómicas "na toma de decisión do proceso final de desconfinamento a partir de que as rexións sanitarias [unidade do desconfinamento, no caso catalán] entren na fase 3" e ademais, a participación autonómica "na xestión dos fondos europeos para a reconstrución", que nestas semanas se negocian no seo da Unión Europea.

Control policial na Coruña para evitar desprazamentos non permitidos durante o confinamento © Policía Local A Coruña

Asegura ademais Esquerra que o Goberno central se "compromete a impulsar os cambios lexislativos" para "evitar a implantación do estado de alarma nos vindeiros meses" no caso de rebrotes puntuais da covid-19 e "desvincular as medidas sociais e económica" da pandemia "alén deste". "Analizaranse posibles cambios" na lei de 1981 que regula os estados de alarma, sitio e excepción e "das leis sanitarias como a lei de saúde pública". Nas últimas semanas, Feijóo esixira que eses potenciais cambios fosen aprobados xa, dentro do propio estado de alarma.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.