Mobilidade e competencias: as peticións do BNG ao PSOE para volver votar "si" ao estado de alarma

Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, durante un pleno CC-BY-NC-SA BNG

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, negociou durante a xornada do martes con representantes do PSOE na Cámara Baixa o sentido do seu voto sobre a quinta prórroga do estado de alarma polo coronavirus. O representante do Bloque, que na cuarta prórroga pasou do "si" á abstención por considerar que o Goberno de España retiña de maneira innecesaria a "centralización" de competencias, entre outros aspectos, abriuse a volve ao voto afirmativo se o Executivo dos socialistas e Unidas Podemos accede a tres peticións, ligadas ao ámbito competencial e, sobre todo, á mobilidade.

Fronte á petición de mobilidade total entre provincias, os socialistas terían disposición a un acordo semellante ao acadado co PNV, permitindo desprazamentos entre concellos lindeiros aínda que se atopen en provincias diferentes

Contra o serán do martes, Rego explicaba á prensa que polo momento o seu voto segue na abstención malia chegar a acadar un "principio de acordo" co PSOE no relativo á mobilidade entre provincias cando Galicia pase á fase 2 do desconfinamento. Non obstante, asegura, a formación que encabeza Pedro Sánchez amosouse despois disposta a abrir a man só no que atinxe a desprazamentos entre concellos lindeiros aínda que se atopen nunha provincia diferente, ao xeito do acordado co PNV para Euskadi, pero non á mobilidade total no interior de Galicia.

Con esta incógnita sobre a mesa comezou este mércores o pleno do Congreso, no que Pedro Sánchez conta con votos dabondo para sacar adiante a quinta prórroga tras renunciar a que sexa dun mes de extensión e deixala en dúas semanas, para así atar os votos de Ciudadanos. Na sesión, Rego sintetiza as súas peticións de competencias e mobilidade en tres emendas.

Pedro Sánchez defende a quinta prórroga do estado de alarma polo coronavirus na tribuna do Congreso © Congreso dos Deputados

A primeira delas, como avanzara Rego, refírese a que a cogobernanza anunciada por Sánchez se concrete tornando os goberno das autonomías en autoridades competentes durante o estado de alarma ao mesmo nivel que o Goberno central. Concretamente, reclama que a quinta prórroga recolla que "baixo a superior dirección do presidente do Goberno", Pedro Sánchez, sexa "autoridade competente delegada" o ministro de Sanidade, Salvador Illa, e ao mesmo nivel -pide engadir- "o presidente ou presidenta das comunidades autónomas no seu respectivo ámbito territorial e competencial".

En materia de competencias, a emenda do BNG reclama que as autoridades competentes delegadas da nova fase do estado de alarma sexan o ministro de Sanidade e "o presidente ou presidenta das comunidades autónomas"

As outras dúas emendas refírense á extensión da mobilidade. Nelas, o BNG reclama que "cando nunha comunidade autónoma, varias das súas provincias se atopen na mesma fase do desconfinamento", dende a fase 2 -na que previsiblemente Galicia entrará a vindeira semana " se "entenda que a libre mobilidade das persoas pode producirse" entre todas esas provincias na mesma fase, "sen aterse aos marcos territoriais provinciais dentro da comunidade autónoma". Esta petición véna formulando tamén a Xunta nas últimas semanas, se ben o PP non a indicou no Congreso como condición para volver votar a prol do estado de alarma.

Por último, Rego agrega unha emenda máis recollendo as peticións dos municipios fronteirizos con Portugal. Concretamente, para as eurocidades como Chaves-Verín, Tui-Valença, Salvaterra-Monçao ou Tomiño-Vila Nova de Cerveira. "No caso das Eurocidades -di a emenda-, que comparten servizos básicos que se atopan situados a unha e outra beira da fronteira do Estado, permitirase a libre mobilidade entre os concellos que as conforman. [A raia reclama a Madrid e Lisboa que abran máis pasos fronteirizos para o persoal que debe cruzar cada día]

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.