Tras unha negociación in extremis que deu lugar a un xogo de maiorías inédito, o Goberno do PSOE e Unidas Podemos chegou este mércores ao pleno do Congreso dos Deputados con votos dabondo para sacar adiante a cuarta prórroga do estado de alarma decretado inicialmente a mediados de marzo para afrontar a crise do coronavirus. O Executivo central comezou a sesión tras amarrar os votos de Ciudadanos e do PNV, combinación impensable no inicio da lexislatura tras unhas negociacións que apenas existiran dende o comezo da crise sanitaria e que acabou logrando un aval superior á maioría absoluta: 178 votos a prol fronte a 75 en contra e 97 abstencións.
O Goberno do PSOE e UP amarrou os votos para sacar adiante a prórroga tras unha negociación 'in extremis' que deu lugar a un xogo de maiorías inédito, co apoio simultáneo do PNV e Ciudadanos ás medidas do Executivo para conter o coronavirus
Ao contrario que nas anteriores ocasións, o Executivo que preside Pedro Sánchez non contou cos votos do PP. Os de Pablo Casado ficaron finalmente na abstención despois de que o seu líder caricaturizase as intencións do gabinete do PSOE e UP en termos de "ditadura constitucional". Ese desmarque do primeiro partido da oposición obrigou o equipo do socialista a un traballo parlamentario intenso e a Sánchez, a asegurar que está disposto a facer autocrítica, pero tamén a abrir a man nun dos aspectos máis criticados no pleno por varios dos grupos que avalaron a súa investidura: a escasa marxe de manobra que ata agora tiveron as autonomías nas principais decisións da crise sanitaria.
Como informan Irene Castro e Aitor Riveiro, Sánchez asegurou dende a tribuna que nesta nova fase do estado de alarma, a do inicio do desconfinamento e que chegará ata o 25 de maio, os gobernos das comunidades terán máis peso e o Goberno de España procurará que as medidas sexan "preferentemente consensuadas". Así, asegura, poderán "engadir as que consideren oportunas" que non estean contempladas no plan de desconfinamento, "sempre coa debida xustificación". "Terán capacidade interpretativa das ordes ministeriais" que regularán o proceso, asegurou, ao tempo que lembrou o fondo "non reembolsable" de 16.000 millóns de euros, dez mil deles para sanidade, que o Estado se dispón a transferir ás autonomías.
Pedro Sánchez: "Levantar o estado de alarma de maneira tan precipitada sería un erro absoluto total, é o escudo fronte á propagación da epidemia"
Mostra disto, esgrimen socialistas e UP, é o voto a prol da proposta de resolución do PNV que fixa a aposta por "acordar conxuntamente, con cada comunidade autónoma", a "modificación, ampliación ou restrición" de aspectos como a liberdade de movementos e o seu territorio de referencia. E isto non impide, asegurou Sánchez, que o estado de alarma siga sendo o "único" instrumento xurídico que permite restrinxir a mobilidade en todo o Estado.
"Levantar o estado de alarma de maneira tan precipitada -defendeu- sería un erro absoluto, total, que o Goberno non vai cometer e que exhorto ás súas señorías a que non o fagan". Esta figura, ilustra, serviu como "escudo fronte á propagación da epidemia" e esa é a intención do Goberno, non "limitar as liberdades".
Pablo Casado acusa a Sánchez de "mentir", de exercer o "absolutismo" e de empregar a pandemia para impoñer unha "ditadura constitucional"
O achegamento de Ciudadanos ou o anuncio de medidas simbólicas que o PP viña reclamando dende hai semanas, como a declaración de loito oficial polas persoas falecidas na pandemia -será na fase 1 e previo a un acto de homenaxe tras o confinamento, anunciou-, Casado despregou un duro discurso. Segundo o líder do PP, o Goberno de España está a impoñer unha "ditadura constitucional" -dixo, citando "o que di" o ex-maxistrado do Constitucional Manuel Aragón, esgrimiu- pero opta pola abstención e non polo voto en contra por algunhas das medidas ás que accede o Executivo. As pactadas co PNV e Ciudadanos.
Polo demais, Casado acusa a Sánchez de "mentir" durante a pandemia mentres se instala no "absolutismo" e nas actuacións "neglixentes" e "incompetentes". Xusto despois, o líder de Vox, Santiago Abascal, defendeu a postura do partido de extrema dereita asegurando que hai máis mortos dos que indican as comunidades autónomas -fonte da estatística do Goberno de España- e asegurando que a súa formación vai promover mobilizacións en coche para clamar pola dimisión do Executivo. Tamén din ser partidarios dunha moción de censura.
"En cogobernanza podemos ir da man", sinala o PNV
Aitor Esteban: "A nosa emenda ía dirixida a desatascar a situación para todos"
Pola banda do PNV, tras pechar o acordo, o seu voceiro celebrou o que interpreta como un cambio de actitude. "As nosas emendas van dirixidas a desatascar unha situación para todos", resaltou Aitor Esteban, que advirte a Sánchez de que "en cogobernanza e codecisión imos ir da man". O "bo entendemento coas comunidades autónomas" é tamén a base para "preparar o futuro" tras a crise sanitaria, di Esteban, quen non obstante tamén pide ao socialista valorar que "se cadra, non todas as fases do desconfinamento necesiten do estado de alarma".
O xeito en que o Goberno central se relacionou ata agora coas autonomías foi un dos aspectos centrais do discurso do deputado do BNG, Néstor Rego, que expuxo na tribuna as razóns da formación para optar pola abstención. "Estamos de acordo" en que o estado de alarma "debe continuar para acabar de controlar a pandemia", defendeu Rego, porque "sempre tivemos claro que o obxectivo principal é salvar vidas e iso está por diante de calquera obxectivo político".
"Sempre tivemos claro que o obxectivo principal é salvar vidas", defendeu Rego (BNG), que reprochou a Sánchez o "descoñecemento da realidade de Galiza" que, ao seu xuízo, amosaron varias decisións durante o estado de alarma
Pero o Goberno do PSOE e UP, lamentou, evidenciou cos seus criterios nas últimas semanas o "descoñecemento da realidade de Galiza" en ámbitos como a distribución territorial das medidas para o desconfinamento. "O ámbito de decisión na fase de desconfinamento progresivo debe ser Galiza a partir dos criterios xerais que poida marcar o Goberno español ou do seu papel de coordinación", resaltou.
Na súa resposta ao voceiro do Bloque, Pedro Sánchez sinalou, no que atinxe á cuestións territoriais como os límites de movementos no desconfinamento, que "sobre as parroquias e os concellos", a petición de poder dispoñer de paseos sen franxas horarias en núcleos de menos de 5.000 habitantes que pertenzan a municipios por riba dese limiar, esa "é unha cuestión que se suscitou por parte do presidente Feijóo" e tamén polo Principado de Asturias e entra dentro das "marxes" que as comunidades autónomas poidan regulalo. Así, sinalou, Asturias xa o pediu formalmente e no que atinxe a Galicia "temos en conta a súa petición" para poder aplicala se ben nos primeiros días do desconfinamento a Xunta non a tramitou formalmente, defendeu.