O desconfinamento bota a andar. Tras os primeiros paseos autorizados dende esta fin de semana, este domingo o Goberno de España publicou no BOE as ordes que concretan as medidas que entran en vigor este 4 de maio co comezo da fase cero do desconfinamento en todo o Estado agás nas illas de Formentera (nas Balears) e La Gomera, El Hierro e La Graciosa (nas Canarias), que entran directamente á fase 1. No que atinxe a Galicia, este luns entra en vigor a fase cero e con ela, obrigas como portar máscara sanitaria en calquera transporte púbico, pero tamén relaxacións de restricións nalgúns negocios e movementos.
Uso de máscaras
A orde que regula o uso de máscaras deixa claro que pasan a ser obrigatorias as que "cobren nariz e boca" para "todos os usuarios do transporte en autobús, ferrocarril, aéreo e marítimo" agás nos barcos que conten con camarotes. A norma xeral para todos estes transportes é que non poidan ocuparse máis da metade dos asentos. En transportes con espazo para viaxar de pé, como os buses urbanos, a orde fixa a referencia de "dous viaxeiros por metro cadrado" [consulta aquí a orde íntegra].
O uso da máscara pasa a ser obrigatorio en todo o transporte público e o Estado prevé a distribución de 835.500 entre este luns e martes en Galicia
No caso dos "transportes privados particulares e privados complementarios" de ata nove prazas, incluíndo a persoa que conduza, pasa a estar a autorizado viaxar con "dúas persoas por cada fila de asentos", pero con máscara. Nos vehículos de transporte público de ata nove prazas, tamén será posible que senten dúas persoas por fileira, sempre "gardando a máxima distancia posible".
Para promover o cumprimento desta nova obriga, o Goberno central prevé repartir 835.500 máscaras en Galicia entre o luns e o martes. Concretamente, segundo a delegación do Executivo en Galicia, 344.000 unidades saíron xa cara á provincia da Coruña, 104.000 serán para a de Lugo, 98.000 para a de Ourense e as restantes 289.500, para a de Pontevedra.
Establecementos comerciais con cita previa
No que atinxe a actividade comercial, os preceptos publicados este domingo no BOE autorizan á apertura dos locais que permanecían pechados dende o comezo do estado de alarma, agás "aqueles que teñan unha superficie de máis de 400 metros cadrados" e os que "teñan carácter de centro comercial ou de parque comercial". Os que poden abrir terán que facelo seguindo normas coma estas [podes consultar aquí a orde íntegra]
- Cita previa que "garanta a permanencia no interior do local" dun "único cliente por traballador", sen "zonas de espera" no interior.
- "Separación física" para garantir a distancia de seguridade de cando menos un metro coa clientela ou, se non é posible, "mediante a instalación de mostradores ou mamparas".
- "Horario de atención preferente para maiores de 65 anos" cadrando coas súas franxas de paseo nos concellos onde están limitados -de 10 a 12 da mañá e de 7 a 8 da tarde-.
- Desinfección un mínimo de dúas veces ao día
- Lavado e desinfección diaria dos uniformes ou roupa de traballo entre 60 e 90 graos.
- Equipos de protección individual en servizos nos que sexa imposible manter a distancia de seguridade, como os salóns de peiteado ou a fisioterapia.
"Todos" os establecementos que poden volver abrir teñen tamén a posibilidade de "establecer sistemas de recollida" de produtos mercados por internet, "sempre que garantan unha recollida (...) que evite aglomeracións". A clientela debe elixir establecementos comerciais que estean no seu concello, "agás que o servizo ou produto non se atope dispoñible no mesmo".
Restaurantes a domicilio e con recollida no local
Na fase cero, bares e restaurantes deben permanecer pechados -agás as excepcións xa vixentes, como a rede de instalación á disposición de profesionais do transporte- na súa actividade cotiá, pero poderán ofrecer "servizos de entrega a domicilio e tamén de "recollida de pedidos" por parte da clientela, que en ningún caso poderá consumir os produtos no seu interior.
A orde permite que as encargas se realicen por teléfono ou internet e a fixación dun "horario de recollida" que, como no caso dos comercios, "evite aglomeracións na contorna do establecemento". Se fose o caso, tamén é posible a recollida dende o coche nos establecementos que teñan instalacións nesta modalidade. Tanto nos establecementos hostaleiros como nos comercios, a orde evidencia que o persoal con síntomas da covid-19 non pode acudir ao seu posto de traballo.