Na nova fase do confinamento imposto ao abeiro do estado de alarma para frear os contaxios do coronavirus poderase saír ao exterior a pasear ou para facer deporte unha vez ao día, pero con limitacións horarias, espaciais e de compaña. Dende o vindeiro sábado, 2 de maio, a poboación que viva en municipios de máis de 5.000 habitantes poderá dar paseos en solitario ou cunha persoa coa que conviva, nun radio dun quilómetro do seu lugar de residencia. Unha orde ministerial aclara este venres todos os termos dos paseos, sen máis límite de tempo que o das propias franxas horarias. O límite dun quilómetro non rexerá para quen saia facer deporte, pero "sen contacto con terceiros". [Con esta ferramenta podes calcular o radio dun quilómetro dende calquera lugar]
Os horarios para os paseos rexen só para os concellos con máis de 5.000 habitantes; o límite do quilómetro non se aplica á práctica deportiva, que terá que ser individual
O ministro de Sanidade, Salvador Illa, detallou este xoves en rolda de prensa -informa Marcos Pinheiro- como se vai artellar unha das medidas máis agardadas da nova fase de confinamento. En todos os municipios maiores de 5.000 habitantes poderase saír pasear ou facer deporte coas devanditas regras de 6 a 10 da mañá ou de 8 do serán a 11 da noite, para a poboación xeral. As persoas maiores de 70 anos ou dependentes terán reservado o horario de 10 a 12 da mañá ou de 7 a 8 da tarde. Mentres, o novo horario de paseo para a infancia menor de 14 anos pasa das 12 da mañá ás 7 da tarde e si mantén o límite de 60 minutos.
O feito de que a nova regulamentación distinga entre municipios maiores e menores de 5.000 habitantes deixa un total de 200 concellos galegos sen límite horario por franxas para as novas actividades permitidas, sempre que sexan entre as 6 da mañá e as 11 da noite. Neste mapa interactivo podes consultar os límites que atinxen ou non a cada un dos municipios de Galicia.
O ministro especificou ademais na súa comparecencia que a orde que regula estas saídas deixa marxe aos concellos para regular aspectos concretos como os lugares nos que realizar actividade física. Por exemplo, certos parques ou rúas. Illa considera "recomendable" que o fagan, para así evitar aglomeracións.
O Ministerio de Sanidade avanza tamén que amplía o levantamento de restricións para ir á horta
Na xornada en que, tras a súa xuntanza co ministro de Agricultura, o conselleiro do Medio Rural, José González, anunciaba a reapertura dos mercados tradicionais e despois de que a Xunta erguese a prohibición para ir á horta, aínda que portando máis documentación da habitual, o ministro anunciou tamén que o Estado abre a man nestas actividades agrícolas. Unha das incógnitas que quedaba aberta en Galicia era a relativa ás hortas urbanas, que semella despexada co levantamento da prohibición estatal, tamén dende o día 2.
Neste sentido, como estipulou a Xunta, os desprazamentos á horta deben ser, como norma xeral, dentro do mesmo Concello. Mentres que en Galicia ata agora o límite para ir a outro municipio lindeiro é de 5 quilómetros, o ministro de Sanidade sinala que "se teñen que realizar os mínimos desprazamentos posibles" nese caso e "sempre de acordo ás normas ditadas polas autoridades competentes".