O documento debe identificar parcela e tipo de cultivo, que só se é ecolóxico exime de ter que levar o carné de fitosanitarios
“As persoas que teñan cultivos ou viñas de autoconsumo deberán levar consigo unha declaración responsable que comprenda os predios nos cales levan a cabo eses cultivos, incluíndo a identificación da parcela, o tipo de cultivos que realiza e, no caso de tratarse de cultivos ecolóxicos, a declaración incluirá tamén que non se empregan tratamentos fitosanitarios e que, polo tanto, carece do carné de aplicador/manipulador destes produtos”. Con esa condición vén de levantar este martes a Consellería de Medio Rural a restrición que establecera o 24 de marzo, de desprazamentos a cultivos de autoconsumo a un máximo de 500 metros da vivenda, que agora se permitirán en todo o termo municipal de residencia ou ata 5 quilómetros noutro concello.
A restrición establecida hai máis dun mes non só fixaba un límite de distancia das hortas senón que tamén establecía a obriga de posuír o carné de aplicador ou manipulador de produtos fitosanitarios para xustificar os desprazamentos. Na nova orde que Medio Rural publica no DOG e fai así oficial aínda este martes, tres días despois de anunciala a Xunta o pasado sábado, modifícase esa obriga e tamén poderán desprazarse as persoas que non teñan carné de fitosanitarios se na súa declaración responsable deixan constancia de que os seus cultivos son ecolóxicos e polo tanto non precisan ese tipo de produtos.
Esa declaración responsable tamén deberá sinalar que a persoa “leva desprazándose de xeito habitual ao predio en cuestión para a realización de actividades agrarias de autoconsumo polo menos durante o último ano”. A redación da nova orde establece que "sen prexuízo" de contar con carné de fitosanitarios, ou no caso dos viñedos a tarxeta de rexistro emitida pola Denominación de Orixe, as persoas que teñan cultivos de autoconsumo "deberán levar consigo" a declaración responsable.
"En ningún caso poderá haber máis de dúas persoas no predio", establece a Xunta, e os desprazamentos limítanse ao mesmo termo municipal de residencia ou ata 5 quilómetros noutro concello
Sexa con carné de fitosanitarios, tarxeta de rexistro vitivinícola ou declaración responsable de cultivo ecolóxico, os desprazamentos deberán ser os “mínimos e imprescindibles para o mantemento e atención dos devanditos cultivos e viñas”. Eses movementos estarán limitados ao “mesmo termo municipal ou, de realizarse a outro termo municipal, que non supoña unha distancia superior a 5 km da súa vivenda habitual”. “En ningún caso poderá haber máis de dúas persoas no predio, as cales deberán respectar en todo momento as distancias de seguridade e demais protocolos de prevención establecidos pola autoridade sanitaria”, engade a orde de Medio Rural.