Especulación e baixada de prezos en orixe agravan a crise do coronavirus no sector agrogandeiro

Vacas nunha explotación gandeira © Xunta

Aos problemas económicos e sociais comúns provocados pola crise do coronavirus, o sector agrogandeiro galego afronta tamén dificultades extras pola baixada no prezo en orixe polos seus produtos, o agravamento da especulación e a lóxica redución da demanda nalgúns sectores. O último episodio, a entrada masiva de leite foráneo no país con prezos por baixo dos custos de produción, provocando graves "alteracións" no mercado. 

A Xunta alertou xa da entrada masiva de leite de Francia ou Alemaña a prezo por baixo dos custos de produción, provocando "alteracións" no mercado

Desde Francia, Alemaña e Portugal están a chegar a Galicia leite e outros derivados lácteos excedentes de produción a un importe menor á metade da media estatal. A Consellería de Medio Rural comunicoullo xa por carta ao Ministerio de Agricultura, a quen pide maior concienciación e controis e que se dirixa á Comisión Europa para que se lexisle a nivel europeo para evitar estas prácticas. 

Un gandeiro, coas súas vacas na explotación CC-BY-SA Sara Torreiro

"O efecto no mercado é demoledor", di Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias (UUAA), que advirte de que desde Alemaña e Francia "colócanse excedentes en España e Galicia, á vez que piden aos seus gandeiros que reduzan produción mediante indemnizacións". Desde o sindicato comparten a preocupación da Xunta pero pregúntanse "se non pode facer máis cos seus propios medios". "As autonomías teñen competencias para controlar as empresas que fan estas prácticas, controlar as entradas de camións e a procedencia do leite... Aquí hai industrias que están a comprar o produto aínda que sexa ilegal facelo", insiste. 

UUAA e SLG reclaman á Xunta que asuma as súas competencias para controlar e sancionar prácticas que provocan un efecto "demoledor" no mercado lácteo

Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), supón, con certa ironía, "que todo ese produto que se vende por baixo de custo estará inmobilizado". "Ademais de denuncialo, hai que sancionar porque alguén o está comprando", insiste. 

Este caso, tristemente habitual, faise máis grave en medio dunha pandemia que provoca "graves problemas" en boa parte do sector. Moitos dos produtos de labregos e gandeiros, lembra Vilalba, tiñan saída en restaurantes, feiras ou comedores, agora "interrompidos totalmente". "Non hai alternativa ningunha", di, agás a rede Mercaproximidade, impulsada pola Xunta, unha "canle alternativa de comercialización", tal e como aclara Medio Rural, "para os produtos agrogandeiros galegos que viron reducidas as súas vendas" e á que no SLG ven moitas eivas. 

Así, Isabel Vilalba destaca que boa parte das producións en Galicia non poden destinarse á gran distribución por ser "moi variada e de pequena cantidade". Ademais, ante a posibilidade de que sexan os consellos reguladores os que se sumen á iniciativa, os atrancos veñen polo requirimento desde as grandes áreas dun CIF, dunha empresa que xestione esas compras, un labor que non é o desas entidades. "Hai vías interesantes pero non hai solucións reais; precisamos fórmula novidosas para axilizar a chegada da produción ao pequeno comercio", explica. 

Os dous principais sindicatos labregos reclaman a reapertura dos mercados de proximidade, tal e como se fixo noutras comunidades autónomas

A prohibición de apertura dos mercados labregos, locais de proximidade e municipais urbanos, que a Xunta mantén vixente malia levantarse noutras comunidades, é outra das grandes preocupacións. "Non entendemos que sigan pechados cando poderían aplicarse neles as mesmas condicións de seguridade e prevención que en espazos pechados", di Vilalba. "Para outros casos, a Xunta actúa de maneira autónoma, pero neste caso decide escudarse no Goberno central, algo que non fai sempre", cuestiona García. 

É outra pedra máis no duro camiño do sector agrogandeiro, ao que se lle unen restricións de mobilidade ou sancións a gandeiros aos que se lles impide ir cada día coidar dos seus animais. "Hai decisións que son un despropósito", di a secretaria xeral do SLG. "Aquí non é necesaria nin unha reflexión para decidir se o labor continúa ou non porque, especialmente no caso da gandería, non hai análise posible: hai que seguir atendendo os animais e punto", engade o líder de UUAA. 

Unha muller traballando nunha horta © Xunta

Con todo, é a caída de prezos en orixe mentres o importe dalgúns produtos se incrementa nos supermercados o que máis golpea o sector. Malia que a demanda nas grandes superficies mantense alta, moi especialmente nas primeiras semanas de confinamento, a caída foi espectacular, especialmente na carne de vacún, nos derivados da agricultura de invernadoiro, no viñedo, nas patacas ou en derivados lácteos como o queixo. A suba para o consumidor, no entanto, é habitual. "En practicamente todo o produto que non é utilizado como reclamo polos hipermercados", destacan desde UUAA, q,ue pide "un plan de contención para frear as perdas". 

"Vixiar os prezos"

"Nun contexto no que a cidadanía o está a pasar mal, a Administración debe vixiar e actuar para garantir que os prezos en orixe sexan os axeitados e que non se especule, tendo como obxectivo fundamental a accesibilidade dos consumidores a un ben esencial como son os alimentos", engade Vilalba, que lembra que hai produtos que se encareceron ata un 40% nas últimas semanas. 

Segundo un estudo de COAG (Coordinadora de Organizacións de Agricultores) a nivel estatal, xa no mes de marzo os maiores incrementos de prezo nos supermercados rexistráronos froitas, verduras e hortalizas, con subas dun 14% nos pementos, do 22% nas cenouras ou do 28,2% no repolo. Todo nun contexto, lembran os sindicatos, no que a restauración segue pechada pero a gran distribución aumentou as súas vendas. 

"No noso sector non fixo falta regular prezo mínimo ningún porque seguimos vendendo igual que antes malia o importante incremento da demanda dalgúns produtos", explica Roberto García, que insiste en sinalar "a distribución que, en colaboración coa industria, é quen decide". E pon un exemplo: "No caso do vacún, hai unha baixada importante do prezo en orixe coa desculpa de que non se venden as partes máis nobres ao estar parada a restauración... Pero se vas ao super comprobas que o importe para o consumidor non baixou", explica. 

Mentres o prezo en orixe descende, os mesmos produtos manteñen o prezo ou mesmo incrementan o seu importe nas grandes superficies

No fondo, García e Vilalba reparan no feito de que, malia ser o sector "imprescindible", máis aínda nestes tempos de pandemia, segue a ser "o gran esquecido". "Agradécese, como é normal, ás cadeas de distribución, aos transportistas, aos traballadores dos supermercados... Pero parece que os cordeiros, as legumes ou os cartóns de leite nacesen nos estantes das grandes superficies", explica o secretario xeral de UUAA. 

"Moita campaña voluntarista para pedir que consumamos carne de aquí, pero se non arranxamos o prezo que se paga nos matadoiros, as consecuencias poden ser nefastas para un sector xa maltratado", insiste con outro exemplo, facendo un chamado tamén aos consumidores, que teñen "potestado para apostar por produtos de proximidade e reclamar que non se pague por baixo dos custos de produción". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.