SLG e Fruga reclaman ante a Xunta a reapertura dos mercados labregos e accións para favorecer as producións galegas

Mercado do Alimento Labrego de Teo © Mercado do Alimento Labrego de Teo

Os mercados alimentario de proximidade levan un mes pechados en boa parte do Estado debido á interpretación excesivamente restritiva que moitos gobernos locais e autonómicos están a facer que as prohibicións decretadas polo estado de alarma. Organizacións labregas e ecoloxistas esixiron en varias ocasións do Goberno central que se “diten as instrucións pertinentes ás comunidades autónomas e concellos para que se busquen solucións para os mercados non sedentarios de proximidade”, unha petición que non foi respondida polo Ministerio de Agricultura e que foi realizada hai uns días ante o de Sanidade e o de Consumo.

"Seguimos sen comprender a súa teima en prohibilos cando estamos vendo como outras comunidades autónomas como Cataluña ou Euskadi xa os reabriron ou outras como Baleares non os chegaron a pechar"

Esta é a situación tamén en Galicia e organizacións como o Sindicato Labrego Galego (SLG) ou a Federación Rural Galega (FRUGA) veñen reiterando dende hai semanas a demandas de que estes mercados poidan abrir, lembrando "que é a Xunta de Galicia a que ten competencias para regular e autorizar estes mercados". "Seguimos sen comprender a súa teima en prohibilos cando estamos vendo como outras comunidades autónomas como Cataluña ou Euskadi xa os reabriron ou outras como Baleares non os chegaron a pechar e reguláronos dende o inicio das restricións", sinalan as dúas organizacións.

Porén, o Goberno galego segue a escudarse en que apertura depende das indicacións do Goberno central, sinalando que "en resposta á consulta remitida polo executivo galego, a Delegación do Goberno en Galicia explica que a venda de alimentación queda restrinxida aos establecementos comerciais".

Mercado labrego celebrado en Lugo © SLG

Para facilitar a súa reapertura, SLG e FRUGA veñen de rexistrar na Consellaría de Medio Rural unha proposta de protocolo para regular a celebración de mercados alimentarios de proximidade en Galicia mentres dure o estado de alarma. Este protocolo "corrixe" numerosos aspectos do xa redactado pola Administración para garantir a seguridade tanto de consumidores e consumidoras como de produtores e produtoras. 

Demandan igualmente que as hortas de autoconsumo deben ser consideradas "como unha actividade esencial, sen atrancos en forma de distancias mínimas con respecto ao domicilio"

Aplicándoo "non só se garantirán esas condicións de seguridade devanditas, senón que serán superiores ás de calquera supermercado, xa que é moito máis restritivo e estrito en cuestións como as distancias, o uso de cartos en metálico ou a manipulación dos alimentos", din SLG e FRUGA, que subliñan que isto "reforzará avantaxes comparativas dos mercados de proximidade como o feito de celebrárense ao aire libre ou en grandes espazos como prazas de abastos, ou non existir intermediarios entre a produción e o consumo final".

As dúas organizacións lembran que "hai miles de familias labregas cuxos ingresos, na maior parte, dependen destes mercados de proximidade" e demandan igualmente que as hortas de autoconsumo deben ser consideradas "como unha actividade esencial, sen atrancos en forma de distancias mínimas con respecto ao domicilio".

Apoio ás producións galegas

SLG e FRUGA reclaman tamén da Consellería de Medio Rural que o Goberno galego poña en marcha accións para favorecer a distribución das producións galegas e instan á Xunta a exercer un papel activo na compra pública de alimentos. 

Instan á Xunta a exercer un papel activo na compra pública de alimentos

Este martes a Xunta anunciou o lanzamento de “Mercaproximidade”, que define como "unha canle alternativa de comercialización concibida para os produtos agrogandeiros galegos" que viron reducidas as súas vendas por mor do confinamento. Poderán colaborar mercando estes produtos as grandes cadeas de distribución, as empresas dedicadas á subministración de colectividades ou as plataformas de venda online. E á iniciativa poderán adherirse organizacións profesionais agrarias, das asociacións de produtores e dos consellos reguladores das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas.

Produtos con certificación ecolóxica nunha feira galega © CRAEGA

SLG e FRUGA critican como "insuficiente" a comercialización de producións galegas a través de grandes distribuidoras proposta pola Xunta

Paralelamente, a Consellería lanzará unha campaña dirixida aos consumidores finais, non só para conciencialos da calidade destes produtos, senón tamén para facerlles ver que coa súa compra poden contribuír á viabilidade do sector agrogandeiro galego.

Porén, SLG e FRUGA critican como "insuficiente" a comercialización de producións galegas a través de grandes distribuidoras. E sinalan que "o que en principio podería ser unha medida positiva", podería servir "para afianzar o papel da grande distribución como fornecedor único de alimentos primarios, ademais de abastecerse a baixo prezo aproveitando a situación de extrema debilidade da parte produtora na cadea de valor nesta crise e a inexistencia de normas que obriguen a pagar prezos mínimos". 

Ademais, denuncian que se exclúe o pequeno comercio e non contempla a compra pública de alimentos para fornecer hospitais ou residencias de maiores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.