Os mercados alimentarios de proximidade pecharon as súas portas a mediados de marzo, no marco das medidas de prevención aprobadas para limitar a expansión do coronavirus. Porén, a pesar de levar a cabo ao aire libre e das repetidas críticas dos sindicatos agrarios, mantivérase ata agora a prohibición da súa celebración.
O Goberno galego considera que a entrada, o vindeiro luns, na “fase 0” da desescalada posibilita a reapertura deste servizo
A Xunta anunciou este xoves que o vindeiro luns permitirá que os concellos celebren mercados locais, seguindo iso si "as estritas condicións" aprobadas pola Xunta a finais de marzo para garantir a seguridade das persoas, coas debidas medidas sanitarias e de distancia social. O Goberno galego considera que a entrada, o vindeiro luns, na “fase 0” da desescalada posibilita a reapertura deste servizo.
Nas últimas semanas SLG e Fruga redobraran as súas críticas á Xunta, acusando o Executivo galego de realizar unha interpretación excesivamente restritiva das prohibicións decretadas polo estado de alarma. Sinalaban que "outras comunidades autónomas como Cataluña ou Euskadi xa os reabriron ou outras como Baleares non os chegaron a pechar e reguláronos dende o inicio das restricións". Ademais, organizacións labregas e ecoloxistas esixiran en varias ocasións do Goberno central que se “diten as instrucións pertinentes ás comunidades autónomas e concellos para que se busquen solucións para os mercados non sedentarios de proximidade”.
Medio Rural sostén que "solicitou esta medida en varias ocasións" e afirma que "agora entende que se dan as circunstancias para adoptala"
Aínda este mércores, SLG e FRUGA presentaron unha queixa diante da Valedora do Pobo contra a "teima" da Xunta en prohibir os mercados alimentarios de proximidade. A maiores, esixían a retirada dunha campaña propagandística da Xunta "na que anuncia os supermercados como substitutos das feiras" por ser "unha burla e unha ofensa para miles de familias labregas ás que se lles prohibe comercializar as súas producións".
Pola contra, a Consellería de Medio Rural sostén que "solicitou esta medida en varias ocasións" e afirma que "agora entende que se dan as circunstancias para adoptala". Na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural, o Conselleiro de Medio Rural, José González, afirmou que "non se pode facer un plan de desescalada sen contar coas comunidades autónomas e en especial coas particularidades do medio rural galego”. Así mesmo, González reclamou tamén ao ministro Luis Planas a reapertura dos mercados de gando, tendo en conta o mesmo proceso de desescalada e sempre adoptando todas as medidas sanitarias precisas.
"Hai miles de familias labregas cuxos ingresos, na maior parte, dependen destes mercados de proximidade", dicían SLG e Fruga hai unhas semanas
A reapertura dos mercados de proximidade suporá un alivio para moitos labregos e labregas que levaban varias semanas sen unha das principais fórmulas de venda dos seus produtos. SLG e Fruga lembraban hai uns días que que "hai miles de familias labregas cuxos ingresos, na maior parte, dependen destes mercados de proximidade" e demandan igualmente que as hortas de autoconsumo deben ser consideradas "como unha actividade esencial, sen atrancos en forma de distancias mínimas con respecto ao domicilio".