O Consello de Ministros do pasado martes aprobou o plan para a comentadísima "desescalada", isto é, o roteiro para ir erguendo parcialmente as restricións de movementos e actividades cotiás impostas ao abeiro do estado de alarma decretado a mediados de marzo para tentar frear os contaxios do coronavirus. O Goberno central sintetizou en case 40 páxinas as medidas bosquexadas por Pedro Sánchez na súa intervención ante os medios, un plan aínda pendente da súa concreción en ordes ministeriais para cada ámbito e fase, así como suxeito á coordinación coas autonomías para, por exemplo, definir se o ámbito territorial de cada fase é a provincia ou outro diferente. No caso galego, por exemplo, a Xunta prefire que a referencia sexan as sete áreas nas que se organiza o Sergas.
Cada fase dura un mínimo de 15 días e superala ou mantela depende dos indicadores sanitarios, como a capacidade hospitalaria ou a circulación do virus. O proceso só ten dúas datas fixadas dende o inicio, o 4 e o 11 de maio
O cronograma ten unha previsión que chega ata finais de xuño e está condicionado polo avance dos indicadores sanitarios: o espallamento da enfermidade e a capacidade de cada sistema de saúde para tratar as persoas contaxiadas pola covid-19. O feito de que o mantemento ou levantamento das restricións dependa desa evolución converte todas as datas en "orientativas" para todo o Estado e con dúas única referencias temporais comúns e concretas: o 4 e o 11 de maio. [Estes son os criterios sanitarios que determinarán o regreso de cada territorio á 'nova normalidade']
Será o vindeiro día 4 cando se active a "fase 0". As actividades cotiás aínda estarán moi lonxe da normalidade, pero existirá un relativo alivio moi controlado para, por exemplo, poder pasear. Neste sentido, o Goberno central e a Xunta non desbotan definir horarios concretos para as saídas, priorizando a infancia e as persoas maiores de 65 anos e outros grupos de risco.
A fase 0 é definida tamén como de "preparación" para unha "desescalada" que ten normas xerais, aplicables a todas a fases. Entre elas, o Ministerio de Sanidade destaca o "uso de máscaras" como "altamente recomendable cando non poida garantirse o distanciamento social" e a hixiene de mans "frecuente", así como a recorrente desinfección dos locais que poidan ir abrindo.
Fase 1: as primeiras aperturas
Nesta primeira fase aínda non será posible desprazarse a outras provincias -ou áreas sanitarias, se finalmente ese é o ámbito territorial permitido en Galicia- e as viaxes, "calquera que sexa o medio de transporte", só poderán facerse "para a realización de actividades permitidas". Entre elas están os primeiros contactos sociais e as primeiras aperturas de comercios e locais de hostalaría e algunhas actividades culturais, pero con fortes limitacións.
Como en todas as fases, o Ministerio de Sanidade advirte de que todas as medidas son reversibles se se producen novos brotes da covid-19 nun territorio determinado. "Todas as medidas poderán ser adaptadas en función da evolución da pandemia ou outras circunstancias xustificadas", sinala.
Fase 2: viaxes máis amplas e feiras con restricións
Esta fase comezará cando se cumpran os indicadores sanitarios marcados, pero nunca antes de que transcorran 15 días dende o comezo da fase 1. Isto é, como moi cedo, a finais de maio. As principais novidades serán a posibilidade de viaxar dentro da mesma provincia ou territorio de referencia para, por exemplo, dirixirse a unha "segunda residencia". Este é o punto no que o Goberno central prevé a posibilidade de reactivar algunhas actividades en centros educativos, entre eles a posibilidade de celebrar os exames de selectividade, os cales no caso de Galicia non se desenvolven ata xullo.
Nesta fase, os locais comerciais poden ampliar o seu aforamento e os restaurantes xa poden atender a clientela nas súas propias instalacións, pero con aforamento limitado e moita máis distancia entre mesas.
Como na anterior fase, a duración non será inferior a 15 días e prolongarase ou non en función dos indicadores sanitarios. "A desescalada non é un proceso matemático nin automático e non hai certeza de cando un territorio poderá pasar dunha fase a outra", indica o documento do Goberno central. "Canto mellor evolucionen os datos, máis rápido será o avance; pero non se pode ignorar a posibilidade de que empeoren e haxa que dar pasos cara a atrás", agrega.
Fase 3: Máis voltas ao traballo presencial e máis eventos de lecer
Esta fase chegaría, no mellor dos casos, entre mediados e finais de xuño e sería o pórtico do que o Goberno central e tamén a Xunta deron en alcumar como "nova normalidade", no sentido de que nela xa se "prevé a apertura de todas as actividades", pero con medidas de hixiene e distancia inéditas ata antes da pandemia.
Así, xunto ás reincorporacións de persoas que aínda estivesen teletraballando, esta fase contempla a apertura de máis comercios retallistas e tamén abrir a man para actividades de lecer. Bares e discotecas xa poderán abrir e ter clientela no seu interior, pero con "aforo moi limitado" e tamén se permitirá ir á praia, pero "en condicións de seguridade e distanciamento". Algúns concellos costeiros, como o de Vigo, xa traballan en plans ao respecto, manexando posibilidades como fixar pequenas parcelas na area para garantir a separación.
Unha vez superada esta fase 3 chegará a posibilidade de viaxar a outros territorios -as provincias como normal xeral e áreas sanitarias, se finalmente en Galicia esa é a referencia- que tamén a superasen. O Goberno central advirte, ademais, de que "todas as actividades e as súas limitacións" continúan "nas fases sucesivas", a non ser que se levanten de maneira explícita.