As excepcións á norma xeral dos paseos: por conciliación, para acompañar maiores ou en entidades locais menores

Nenas paseando nunha imaxe da Fundación Meniños e BOE deste venres CC-BY-SA Praza Pública

O BOE recolle unha serie de matices ás saídas por franxas horarias que as fan máis flexibles que as propostas pola Xunta, ao tempo que restrinxe a agricultura de autoconsumo a unha soa persoa que xa non terá que portar unha declaración responsable

O Boletín Oficial del Estado (BOE) publica este venres a orde do Ministerio de Sanidade pola que se regulan os paseos e o deporte ao aire libre a partir das cero horas deste sábado. O documento oficial introduce unha serie de matices e excepcións ás grandes liñas e franxas horarias anunciadas este venres polo propio ministro que as fan máis flexibles que as propostas pola Xunta, que quería aplicalas por igual a toda Galicia con independencia da poboación de cada concello. Pola contra, outra orde ministerial restrinxe as actividades agrícolas de autoconsumo a unha soa persoa por parcela con excepcións, fronte ás dúas contempladas pola Consellería de Medio Rural, ao tempo que elimina a obriga de portar unha declaración responsable.

A principal excepción contida no BOE é que as franxas horarias para os paseos e o deporte “poderán non ser de aplicación naqueles casos nos que por razóns médicas debidamente acreditadas se recomende a práctica da actividade física fóra das franxas establecidas”, pero tamén “por motivos de conciliación xustificados dos acompañantes das persoas maiores, menores ou con discapacidade”. Por outra banda, tamén se matiza que “as persoas maiores de 70 anos poderán saír acompañadas dunha persoa convivinte de entre 14 e 70 anos, o que evita que parellas en distintas franxas de idade tivesen que saír por separado. [Con esta aplicación podes comprobar o radio dun quilómetro dende o lugar no que te atopes, distancia de referencia para os paseos]

Bembrive, Chenlo, Morgadáns, Pazos de Reis, Camposancos e Arcos da Condesa son entidades locais menores con menos de 5.000 habitantes en concellos que teñen máis desa poboación

A orde ministerial, como anunciou este venres o ministro, establece que as franxas horarias non serán de aplicación nos concellos con menos de 5.000 habitantes, pero tamén nese punto introduce unha excepción. Tampouco serán de aplicación nos “entes de ámbito territorial inferior ao municipio que administren núcleos de poboación separados cunha poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes”, nos que as actividades están permitidas en calquera momento entre as 6 e as 23 horas.

En Galicia hai nove entidades locais menores, tipo de administración de ámbito territorial inferior ao concello, das que seis se atopan en concellos de máis de 5.000 habitantes e nas que non serían de aplicación as franxas horarias: Bembrive, no concello de Vigo, cuns 4.300 habitantes, é a maior desas entidades locais menores, pero tamén cumprirían con ese requisito as de Chenlo (no Porriño), Morgadáns (Gondomar), Pazos de Reis (Tui), Camposancos (A Guarda) e Arcos da Condesa (Caldas de Reis), todas elas en concellos de máis de 5.000 habitantes. As outras tres entidades locais menores galegas (Queimadelos e Vilasobroso en Mondariz e Berán en Leiro) xa se atopan en concellos con menos dese tope de poboación.

A orde ministerial tamén establece que os paseos están restrinxidos a un quilómetro de distancia do domicilio mentres que as actividades deportivas están permitidas dentro de todo o termo municipal, que as persoas só poderán pararse o tempo imprescindible e que non se poden empregar medios de transporte para desprazarse a facer esas actividades. Ademais, habilita ás comunidades autónomas para adecuar a orde ministerial ás persoas que viven en residencias.

A Xunta propuña aplicar as franxas horarias a todos os concellos con independencia da súa poboación e non prevía que parellas de maiores e menores de 70 anos puidesen saír xuntas

Todos estes matices agora incluídos na publicación oficial da orde no BOE fan as saídas máis flexibles do que propuxo hai uns días a Xunta ao ministerio. O Goberno galego, por exemplo, contemplaba que as franxas horarias fosen de aplicación a todos os concellos por igual con independencia da súa poboación e non prevía que as persoas de máis de 70 puidesen ir acompañadas de persoas de menos desa idade, entre outras cuestións que agora o Ministerio de Sanidade flexibiliza.

Fragmento da proposta de franxas horarias enviada pola Xunta ao ministerio que este finalmente fixo máis flexible CC-BY-SA Xunta de Galicia

O BOE permite desprazamentos a actividades agrícolas de autoconsumo máis alá do concello veciño "por causa de forza maior ou situación de necesidade"

Ademais da orde para regular os paseos e actividades deportivas, o BOE publica outra orde ministerial sobre as actividades agrícolas de autoconsumo. A Xunta estableceu o pasado martes a obriga de portar unha declaración responsable para desprazarse ás hortas de autoconsumo, nas que podería haber ata dúas persoas traballando. Agora o Ministerio non establece a necesidade de portar ningún documento xa que contempla o desprazamento ás hortas como parte dos desprazamentos xa permitidos ata agora aos supermercados para “adquisición de alimentos”.

A orde ministerial tamén limita os traballos de horta de autoconsumo a unha persoa, pero inclúe a excepción de “salvo que se acompañe a persoas con discapacidade, menores, maiores, ou por outra causa xustificada”. Ademais, se a Xunta contemplaba que ese tipo de desprazamentos se puidesen realizar en todo o termo municipal do domicilio ou nun veciño ata un máximo de 5 quilómetros, agora o ministerio elimina esa restrición e contempla tamén a posibilidade de que abarcar todo o termo municipal veciño, límite que non existirá se o desprazamento é “por causa de forza maior ou situación de necesidade” por coidado de animais ou pola “situación socioeconómica do interesado”.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.