Pacto para retomar o control parcial á Xunta no Parlamento durante o estado de alarma e a emerxencia sanitaria

As sesións da Deputación Permanente están a celebrarse no salón de plenos do Parlamento para gardar as distancias e evitar contaxios (na imaxe, un operario desinfecta a tribuna) © Parlamento

No disolto Parlamento de Galicia volverá haber control regular ao Goberno, aínda que con limitacións, mentres duren o estado de alarma e a emerxencia sanitaria polo coronavirus. Isto é, mentres o presidente da Xunta siga imposibilitado para volver convocar as eleccións.

O acordo contempla comparecencias de Feijóo cada dúas semanas, a mesma regularidade das sesións de control ordinarias, ata que teña vía libre para volver convocar as eleccións

Todos os grupos da Cámara galega rexistraron no serán do 4 de maio un pacto de tres puntos que recolle parte das demandas formuladas conxuntamente por toda a oposición (PSdeG, Común da Esquerda, BNG e Grupo Mixto -En Marea-). Fixérono despois de que o servizo xurídico da Cámara avalase o encaixe legal do control á Xunta e ao seu presidente ampliando as funcións ordinarias da Deputación Permanente, dado que por tras o adiamento das eleccións previstas para o 5 de abril, o lexislativo está disolto pero o Executivo, en plenas funcións.

O pacto pechado por unanimidade dos grupos implica que a Deputación Permanente se reúna unha vez á semana recolle unha das principais peticións da formacións da esquerda: comparecencias regulares do presidente da Xunta ante a Cámara. Concretamente, Alberto Núñez Feijóo "comparecerá dúas veces ao mes, en semanas alternas" para "informar sobre a situación derivada da pandemia". Esa periodicidade é a mesma que, en períodos ordinarios, teñen as sesións de control ao presidente.

Nas semanas en que non toque comparecencia do presidente, comparecerá "como mínimo" outro membro do Goberno e os grupos poderán formular "ata nove preguntas orais" a conselleiros e conselleiras respectando a proporción habitual. Deste xeito, queda aberta a posibilidade de que os grupos da oposición poidan cuestionar ao membro do Goberno que consideren oportuno sobre o tema que elixan.

Dende o inicio da crise da covid-19, todos os conselleiros e conselleiras que compareceron fixérono a petición propia e non atendendo ás chamadas da oposición, polo que abordaban o tema que o propio Goberno considerase oportuno en cada caso. Fontes da oposición subliñan ademais que, cando menos de momento, continúan as demoras na tramitación de iniciativas dos grupos da esquerda e algunhas mesmo non están a ser validadas pola Mesa -con maioría do PP- sen reformulación previa.

O levantamento do estado de alarma e da emerxencia sanitaria son tamén as condicións fixadas para que Feijóo poida volver chamar ás urnas

O PP non contemplou incluír no acordo, non obstante, as iniciativas de impulso ao Goberno -como as proposicións non de lei, que supoñen abordar unha petición determinada á Xunta a proposta dun grupo parlamentario- e seguirán inactivos todos os demais órganos parlamentarios, o que implican que sigan paradas comisións como a que controla a Corporación Radio Televisión de Galicia. Estas normas son "excepcionais" e só rexerán "mentres permanezan as situacións de estado de alarma", dependente do Goberno central e do Congreso, e mais "de emerxencia sanitaria", dependente da Xunta. 

O levantamento e ambas figuras excepcionais, o estado de alarma e a emerxencia sanitaria, é a condición clave para que Feijóo poida volver ter a facultade de chamar ás urnas. Así ficou estipulado no decreto de desconvocatoria, que incluíu tamén un trámite de audiencia dos partidos políticos, pero coa competencia intacta nas mans do actual presidente.

Pedro Sánchez responde unha pregunta durante a sesión de control do Senado deste 5 de maio, coa maioría dos seus membros a participar a través de internet © Senado

O Consello de Ministros aproba pedir a nova prórroga e mentres PSOE e UP tentan xuntar os votos

A continuidade do estado de alarma e as condicións en caso de que o Goberno de España logre xuntar votos dabondo no Congreso está nos últimos días no centro do debate político no Estado. Sobre todo despois de que o PP amagase con pasar do "si" ao "non" e rexeitar a cuarta prórroga, cuxa solicitude foi aprobada este martes polo Consello de Ministros.

Pedro Sánchez: "O único instrumento para salvar vidas é o estado de alarma"

Entre os máis críticos coa continuidade do estado de alarma estivo nos últimos días o propio Feijóo, quen asegura rexeitar que continúe esta figura porque restrinxe "os dereitos e liberdades" da cidadanía. A xuízo da oposición galega, a clave do rexeitamento de Feijóo está en que erguer o estado de alarma é imprescindible para poder convocar as eleccións no mes de xullo. Este martes, a través das redes sociais, Feijóo introducía un matiz: di entender que o Goberno central precise "tempo para organizarse" antes da fin do estado de alarma, dixo tras unha chamada telefónica da vicepresidenta Carmen Calvo.

"O único instrumento para salvar vidas é o estado de alarma", repetía na tarde deste martes Pedro Sánchez na sesión de control do Senado mentres o Executivo central mantén negociacións co PNV, socio clave, así como con Ciudadanos e mesmo sen desbotar ao cento por cento a ERC, que o pasado luns anunciaba o seu paso da abstención ao "non". O deputado que xa ratificou que se absterá é o do BNG, Néstor Rego.

O BNG ratifica a súa abstención: "Non nos oporemos a unha prórroga das medidas para o control da pandemia, pero non podemos avalar unha liña de acción equivocada"

Este martes, Rego sinalaba que o Bloque "vai manter a actitude construtiva que veu mostrando dende o inicio da crise sanitaria" e "non se oporá a unha nova prórroga das medidas necesarias para o control da pandemia". "No entanto -matiza- non podemos avalar unha liña de acción na que o Goberno español persiste a pesar de evidenciarse como profundamente equivocada", di en referencia ao que supuxo "decidir todo desde Madrid, con criterios uniformes sen tomar en consideración as características e condicións" de Galicia e outros territorios do Estado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.