100 venres negros "contra a manipulación" na CRTVG, que acumula meses sen control do Parlamento

Mobilización do persoal da CRTVG nun dos venres negros © DefendeAGalega

100 semanas. É o que leva boa parte do persoal dos medios públicos galegos protestando "contra a manipulación" e polo cumprimento da lei de Medios. Case dous anos tinguidos de loito, reclamando a mellora na calidade e nos recursos da Radio Galega e da TVG e, sobre todo, a fin do "control político" que din sufrir cada vez de maneira máis evidente. Defende A Galega, colectivo que impulsa a mobilización, advertiu do previsible aumento da "presión" sobre os traballadores e do manexo informativo de cara ás eleccións do 5 de abril. Adiados os comicios, o control parlamentario á CRTVG está tamén paralizado pola suspensión da actividade parlamentaria derivada da convocatoria electoral.

A comisión de control da CRTVG non se reúne desde finais de xaneiro e non volverá facelo ata que se constitúa o novo Parlamento

Disolto o Parlamento, quedaron disoltos tamén todos os seus órganas agás a Deputación Pemanente. Tamén a comisión de control da CRTVG, que non se reúne dende finais de xaneiro e non volverá facelo ata que se constitúa o novo Parlamento. Na previsión máis optimista, os medios públicos non serían controlados pola Cámara ata agosto. Na máis previsible, ata final de ano. Mentres, toda a oposición, nun feito histórico, uniuse para asinar un comunicado conxunto no que denuncia a "manipulación" dunha TVG "ao servizo de Feijóo" durante a crise sanitaria polo coronavirus

Mobilizacion de persoal da CRTVG durante a crise polo coronavirus © Defende A Galega

PSdeG, BNG, Grupo Común da Esquerda e En Marea lamentaron que "siga habendo unha utilización partidista dos medios públicos como canle de publicidade e propaganda ao servizo do Executivo de Feijóo e do PP", logo de denunciar que os escasos debates parlamentarios en plena pandemia non fosen emitidos pola TVG, pero si as comparecencias íntegras de Feijóo: 16 en prime time durante a pandemia, denuncian os partidos. 

Toda a oposición asinou un comunicado contra "a utilización partidista dos medios públicos ao servizo da Xunta e do PP"

Nos telexornais, tal e como advirte persoal dos medios públicos e a oposición, unha abafante maioría de informacións escoradas á dereita e ao PP, con preponderancia de críticas ao Goberno central e a apertura de espazos para veteranos --e críticos-- ex-líderes socialistas como Felipe González ou Francisco Vázquez. Nas redes sociais, o mesmo. 

"O Consello de Informativos é máis necesario que nunca"

"Neste momento é máis necesario que nunca un Consello de Informativos que vele pola independencia da CRTVG", reclama Defende A Galega no 100º venres negro, no que din ter "un cento de razóns" para defender os medios públicos. 

Entre as reivindicacións do persoal mobilizado, "unha radio e unha televisión públicas que sexan plurais e independentes, de calidade, que promovan a lingua e cultura do país e que fiscalicen o traballo das administracións públicas, sexan da cor que sexan". Tamén a aposta por "unha programación infantil de calidade, que conecte co público miúdo e que respecte o legado do Xabarín" e a demanda da "reapertura das delegacións da radio e a televisión pechadas en 2008 en Pontevedra, Ferrol e Burela". 

Mobilización de persoal da CRTVG en Compostela CC-BY-SA Praza Pública

Insiste o persoal mobilizado no decálogo que difundiu de cara ás eleccións agora suspendidas e no que pedían a "destitución inmediata do actual director xeral", Alfonso Sánchez Izquierdo, e a súa sucesión mediante "maioría de dous terzos" do Parlamento. Tamén a posta en marcha, "no prazo máximo dun mes desde a formación do novo goberno, do Consello de Informativos regulado na mesma Lei de Medios, dándolle a este órgano as máximas atribucións posibles para evitar as presións partidistas sobre os e as traballadoras que elaboran os contidos nos medios públicos e garantir que estes se fagan seguindo criterios profesionais". 

Aprobada no Parlamento en novembro de 2011, hai máis de oito anos, a lei mantén artigos claves sen cumprir. Si se aprobou unha modificación puntual nunha das disposicións transitorias da norma. Como informou Praza.gal, aquela reforma permitiu que o director xeral continuase indefinidamente no seu posto, no que xa acumula máis dunha década. Polo camiño, o PP rexeitou no Parlamento en varias ocasións propostas da oposición que reclamaban cumprir xa integramente a lei. A CRTVG xustifica agora o seu atraso na necesidade de adoptar o texto ao uso das redes sociais

Defende A Galega pide a marcha do director xeral, que segue no cargo de maneira indefinida grazas a unha reforma 'ad hoc' da lei de Medios

As demandas, polo momento, non teñen boa traza. O director xeral da CRTVG insiste cada vez que ten ocasión en destacar o exemplar comportamento profesional dos medios públicos, dos que gaba os seus niveis de audiencia, ao igual que o PP. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dixo hai un mes que descoñecía se seguía en pé unha mobilización do persoal que está a piques de cumprir dous anos. 

Coincidindo co 100 venres negro, o BNG uniuse á protesta para "denunciar o control e manipulación do PP dos medios públicos para convertelos na súa particular canle de propaganda", ademais de reclamar "unha CRTVG ao servizo da sociedade galega". 

A deputada do BNG Olalla Rodil trasladou o apoio aos profesionais que loitan por uns medios públicos "libres de inxerencia política baixo o lema Defenda A Galega". “É indecente que nun momento excepcional se use a TVG como elemento de propaganda a maior gloria de Feijóo mentres se silencia a Cámara”, denuncia sobre o agravamento da manipulación durante a crise sanitaria e unha cobertura informativa da pandemia que considera "propaganda para culto dun líder"

PSdeG, BNG, Galicia en Común e En Marea denuncian que os medios públicos serven de "propaganda ao servizo de Feijóo" 

O PSdeG, a través das súas redes sociais, advertiu que Galicia "precisa uns medios públicos independentes, plurais e obxectivos, non ao servizo do poder político" e reivindicou a loita dos profesionais da CRTVG que "levan cen semanas denunciando presións, manipulacións, coaccións...". 

Desde Galicia en Común, o seu líder, Antón Gómez-Reino, reivindicou a CRTVG como servizo público para que deixe de ser unha “máquina de propaganda ao servizo de Feijóo". “A liberdade de expresión non pertence a ningún Goberno, a ningún partido, a ningún editor nin a ningún grupo de comunicación. Pertence ao conxunto da cidadanía”, di. 

Gómez Reino subliñou que a crise sanitaria e a emerxencia social derivada da epidemia de Covid-19 "teñen posto de relevancia, máis que nunca", a necesidade de contar “con medios de comunicación autónomos, veraces e independentes”.

En Marea, pola súa banda, apoiou a demanda do persoal da CRTVG e apostou por "uns medios de comunicación en galego, dignos e de calidade".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.