Hai máis de oito anos, en novembro de 2011, o Parlamento aprobaba a nova lei dos medios de comunicación. O seu despregamento bateu desde sempre con numerosos atrasos que aínda se manteñen en diversos ámbitos. Malia que naceu entre as promesas de poñer fin ao control gobernamental na TVG e na Radio Galega, a aprobación do Estatuto profesional e a creación do Consello de Informativos previstos na devandita Lei 9/2011 seguen á espera. O eterno adiamento destas medidas é unha das protestas fundamentais do persoal mobilizado da CRTVG, que cumpre este venres 84 semanas de reivindicación e loita contra a "manipulación informativa".
Nesta mesma xornada, o director xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, advertiu de que a reclamada lei "non é unha lei incumprida senón moi cumprida", tal e como dixo hai ano e medio, e xustificou o atraso na aprobación do estatuto profesional e na creación do Consello de Informativos en que se está a facer "a medida do século XXI" e das "novas formas de traballar" e pola necesidade de adaptar ambas figuras á nova contorna das "redes sociais".
Sánchez Izquierdo asegura que a lei de medios é unha lei "moi cumprida" no mesmo día no que persoal mobilizado da CRTVG protesta no seu 84º venres negro
Así explicou Sánchez Izquierdo a tardanza na aplicación de varios artigos a preguntas da deputada do BNG, Olalla Rodil, que lembrou que o persoal mobilizado da CRTVG leva "máis de 500 días pedindo algo tan revolucionario como o cumprimento da lei". "Unha lei incumprida de maneira obscena e intencionada, de mala fe, durante oito anos pola Xunta e a dirección da CRTVG”, dixo a parlamentaria, que avisa dun incumprimento "especialmente no referido aos órganos de control externo".
"Non é casual e incide na negación dos dereitos das e dos profesionais", insistiu quen sinalou a Corporación galega como unha "rara avis" fronte a organismos como RTVE, EiTB ou TV3 que contan desde hai anos con estatutos profesionais aprobados e consellos informativos funcionando.
Así, Sánchez Izquierdo asegurou que os traballos para a creación deste estatuto profesional e do Consello de Informativos continúan e que espera que os textos sexan finalizados "nos próximos meses". Ademais, xustificou o atraso no intenso traballo por "elaborar un documento con vocación de permanencia e que naza do consenso". "O dilatado deste proceso revela a súa dificultade, facer corta e pega sería ben doado", insistiu.
O director xeral da CRTVG xustifica o atraso na aprobación dun estatuto profesional na necesidade de adaptalo ao uso das redes sociais
Pero ademais, o director xeral da CRTVG xustificou a tardanza na necesidade de tratar "un tema relevante non recollido en ningún estatuto profesional das televisións públicas, que é o das redes sociais". Para Sánchez Izquierdo, é preciso que o texto en elaboración "estableza con debida precisión as funcións cotiás dos actuais redactores para encher de contidos as canles dixitais e as redes sociais" e advertiu a Rodil que "o que se está a debater agora na BBC é sobre o uso do Twitter por parte dos xornalistas".
"Están considerando a restrición do uso desta canle de comunicación aos seus principais expoñentes, tanto para dar novas como para facer análises delas", engadiu quen quixo lembrar á comisión que "a BBC vén de despedir un locutor por facer mofa da casa real británica nun chío". "Ás veces, cando falamos de liberdades, dereitos e censura, como levo tempo escoitando aquí, creo que deberiamos ollar para o noso redor para darnos de conta de que non sucede nin moito menos iso na TVG cos seus xornalistas", presumiu.
Alén diso, e preguntado polos prazos para que o consello de administración da CRTVG achegue por fin ese estatuto, dixo que espera que sexa trasladado aos sinicatos "máis pronto que tarde", pero insistiu en que é un proceso complexo por ser "unha creación ex novo" ao "non haber regulación internacional nin precedente ningún".
Sánchez Izquierdo lembra que a BBC botou un locutor por "terse mofado da casa real en Twitter" e advirte de que "iso non acontece na TVG"
Por outra banda, e ante as acusacións da deputada socialista Noela Blanco da cobertura partidista por parte da TVG e a prol dos "intereses de Núñez Feijóo" no conflito pola supresión do peche do paridoiro no hospital de Verín, Sánchez Izquierdo defendeu as informacións, asegura que se escoitaron "todas as voces" e volveu presumir de audiencia.
Mentres, na sede da Corporación en San Marcos, o persoal mobilizado da CRTVG lembraba que é o "segundo Nadal de negro" e que o menú segue a ser "programación en conserva de aroma rancio e sobremesa de tertulianos que sempre concordan". "Outros medios públicos son posibles, un brinde por eles!", reivindica.