Defende a Galega volve esixir o cumprimento da lei de medios e tenta ampliar os marcos da reivindicación

Persoal da CRTVG na Coruña, no 56º venres negro CC-BY-SA Defende a Galega

Persoal da Televisión de Galicia e da Radio Galega agrupado en torno á plataforma Defende a Galega mobilizouse este 14 de xuño por quincuaxésimo sexta semana consecutiva. As reivindicacións contra a manipulación informativa e pola mellora da calidade dos contidos e das condicións laborais, coa mobilización dos 'venres negros' como acción máis visible, sinalan entre os seus primeiros obxectivos o cumprimento íntegro da lei de medios que o Parlamento aprobou no ano 2011 e que seis meses despois xa estaba a incumprirse.

Un ano despois do inicio das mobilizacións, a plataforma organizou un debate aberto sobre o futuro dos medios públicos e do xornalismo en Galicia

Ese cumprimento da lei segue a ser un ano despois a bandeira dun movemento que busca ampliar os marcos da súa reivindicación. Así ficou patente no encontro Para que? Para quen? Públicos, privados, concertados. O xornalismo a debate, un coloquio organizado o pasado xoves polo propio colectivo que sentou á mesma mesa á xornalista Sonia Vizoso, aos profesores Margarita Ledo e Luís Álvarez Pousa e ao tamén xornalista Virgilio Costas, máximo responsable da Radio Galega na etapa do Goberno bipartito. 

Moderados polo xornalista Luís Villamor, todos eles coincidiron no carácter estrutural de boa parte dos problemas dos medios públicos galegos e, no que atinxe ao control político, remitíronse á súa propia "xénese". A "cultura corporativa" baseada no control polo partido no goberno tornou nun "xogo" mesmo aceptado "pola oposición" durante anos, lamentou Costas nun contexto no que, resaltou Vizoso, boa parte das reivindicacións do persoal xa deixaron de ser "opinables" porque é doado "obxectivalas":

Un intre do debate sobre o futuro dos medios públicos organizado por Defende a Galega CC-BY-SA Defende a Galega

A xornalista, redactora de El País e moderadora do programa da TVG Hai debate!  na súa primeira etapa, sustentou a súa afirmación no que considerou un "momento crucial" da historia recente dos medios públicos. Refírese á xornada na que a desaparecida edición galega de El País sacou á luz os vencellos de Alberto Núñez Feijóo co contrabandista Marcial Dorado na etapa do actual presidente como secretario xeral do Sergas. "Ese día o Telexornal abriu coas procesións de Semana Santa" e a "normalidade na operación retorno", ilustrou.

Case "todo" está na lei

O xeito de emendar boa parte da problemática que sinala a plataforma Defende a Galega pasa, a xuízo dos participantes neste encontro, polo cumprimento da lei, "secuestrada polo presidente da Xunta", en verbas de Álvarez Pousa. Reivindicacións como a creación dunha autoridade audiovisual independente ou de órganos como o Consello de Informativos están recollidos na propia lei, resaltou Margarita Ledo, quen lamenta que a demora en despregar o texto normativo provoque que chegue incumprido ao momento en que vai haber que reformalo para adaptalo á recente nova directiva europea do audiovisual.

Trátase de que, de vez, a Galega deixe de ser a "ferramenta" ao servizo do "goberno de quenda", conclúen

Esa mesma directiva, resalta Ledo, sinala os medios públicos como "constituíntes da democracia" e garantes do dereito a información. Por iso, coida, o espazo internacional tamén pode ser adecuado para que o persoal mobilizado da CRTVG expoña unhas reivindicacións que, sinalou Vizoso, teñen unha escasa repercusión en boa parte dos medios privados do país. Nese sentido, agregou, a aplicación real da lei de medios debera traer tamén consigo a aprobación da prometidísima e nunca aprobada lei de publicidade institucional da Xunta. O persoal coincide en que un dos seus retos é, precisamente, difundir na sociedade a súa reivindicación.

A recente ocultación da concesión do premio José Couso a Defende a Galega ou a recente controversia polo xeito en que a TVG informou sobre os exames de selectividade pairaron tamén sobre un debate no que o persoal presente dixo temer pola propia supervivencia dos medios públicos se a actual situación se estende no tempo. Este, advertiron, non é unicamente un conflito "laboral". Trátase de que, de vez, a Galega deixe de ser a "ferramenta" ao servizo do "goberno de quenda".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.