“Non houbo un só xesto da CRTVG por achegar posturas; igual alguén debería pensar en botarse a un lado”

Carlos Jiménez e Beatriz Moyano, xunto a Xulia Díaz e Xoán Rubia (Club de Prensa de Ferrol) e Paco Sarria (Colexio de Xornalistas) © Defende A Galega

Neste 3 de maio, Día Mundial da Liberdade de Prensa, Defende A Galega recibiu o Premio José Couso en Ferrol. Os xornalistas Beatriz Moyano e Carlos Jiménez recollen un galardón que recoñece esta "loita de persoal, sen precedentes, nos medios públicos galegos" e que é organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol, cidade onde se levan a cabo os actos. Pouco antes do acto,  os dous profesionais atenderon a Praza.gal o día no que se cumpren 50 venres negros de protesta do persoal da CRTVG contra a manipulación e polo cumprimento da Lei de Medios. 

"Se se mobiliza a sociedade, mudamos as cousas. O Premio Couso dános azos para seguir", advertiu Defende A Galega nas redes sociais, onde denunciou que a dirección da Corporación "volveu censurar" calquera información sobre a entrega do galardón por unha "decisión corporativa", ao igual que na xornada onde se coñeceu o veredito

Que supón este premio para vós, para Defende A Galega?

Un impulso forte para seguir pelexando polo que cremos que é xusto. Levamos case un ano cun obxectivo que sabemos que é difícil, o de dignificar os medios públicos, a Radio e a Televisión que teñen que ser de todos os galegos e de todas as as galegas, pero cando chega algo así decátaste de que estás no bo camiño. Recibir este premio dános máis visibilidade para poder chegar a máis xente. Por outra banda, ten o valor engadido de ser un recoñecemento que non sae dun xurado senón das compañeiras e compañeiros de profesión. E por suposto, que poñan o noso nome ao lado do de José Couso, asasinado realizando o traballo de informar, e de todos os premiados que nos precederon, é un motivo de orgullo.

"En todo este tempo non houbo un só xesto da dirección da CRTVG por achegar posturas; igual alguén debería pensar en botarse a un lado se non é quen de buscar solucións"

Será desta vez noticia nos medios públicos a entrega do premio?

Despois do que ocorreu cando se anunciou o ditame do xurado, coa censura da información sobre o premio José Couso, que hai que dicir que se deu en todas as anteriores edicións, non temos moitas esperanzas de que se rectifique esa postura. Pero ogallá ocorrese. Para nós non sería unha derrota ou unha humillación de cara á dirección da CRTVG, senón un recoñecemento de que isto é unha noticia, guste ou non guste ao medio, e cando unha noticia ocorre hai que contala.

Credes que mudará algo na actitude da dirección tras o galardón?

As últimas declaracións do director xeral no Parlamento non parecen ir nese sentido. En todo este tempo non houbo un só xesto por tratar de achegar posturas. Non parece lóxico que non se queira solucionar tan alto nivel de conflitividade. Iso non beneficia a ninguén, pero igual alguén debería pensar en botarse a un lado se non é quen de buscar solucións.

Persoal da CRTVG agradece o Premio José Couso no 50º venres negro © Defende A Galega

Os dous pasastes por unha situación na que fostes expedientados, con forte polémica e co apoio de boa parte dos vosos compañeiros? Sentístesvos represaliados ou castigados?

Carlos Jiménez: A palabra clara é represaliados. Expresar en pleno século XXI que os medios públicos están a ser utilizados de xeito partidista custa moi caro. Retomando o seu segundo adxectivo, desgraciadamente, ser valente está castigado hoxe en día. Os dous recibimos as sinaturas persoais de centos de traballadores para a retirada dos nosos expedientes, outros moitos expresaron de xeito persoal e privado o seu apoio, precisamente por medo a ser represaliados. Moita xente se uniu a Defende A Galega no momento en que Tati Moyano foi expedientada. Pero que se arquivasen dous casos seguidos tan inxustos como desproporcinados (con ameaza de despedimento), era unha quimera. A min sanciónaseme cunha falta grave que a instructora establece en “6 días sen emprego e soldo”. Porén, a directora de Recursos Humanos sobe a 9 días, tamén sen emprego e soldo. Esta mesma semana presentouse unha demanda nos xulgados para probar se se trata dunha sanción xusta ou se é só un procedemento amedrentador ao que poden estar expostos todos os que denunciamos a situación na CRTVG.

"O único que conseguiron expedientándonos foi que estivésemos máis unidas, máis fortes e con menos 'medo a loitar'. Fun eu pero puido ser calquera"

Beatriz Moyano: Castigo? Represalia?. Foi un desvarío. Un desvarío de proporcións bíblicas que ningún medio de comunicación debería permitirse e polo que ningún traballador ou traballadora debería pasar. Con todo, quedo coa solidariedade e co apoio infinito dos máis dos compañeiros e compañeiras da CRTVG, dos compañeiros da profesión, da familia, dos mellores amigos do mundo e da cidadanía. O único que conseguiron foi que estivésemos máis unidas, máis fortes e con menos “medo a loitar”. Fun eu pero puido ser calquera. Ben sabemos que, lamentablemente, eu só fun a primeira.

"Fálase en moitos medios do que supostamente ocorre en TV3 como se fose de vital importancia para os galegos e silénciase que o persoal da CRTVG leva case  un ano de protestas"

Como vivides vós as críticas que en moitos medios se fan a outros medios públicos mentres apenas se fala das protestas do persoal da CRTVG?

Non parece lóxico. Fálase do que supostamente ocorre en TV3 como se fose de vital importancia para os galegos e en cambio silénciase que as traballadoras e os traballadores da CRTVG levan case un ano de protestas. Nós sabemos que iso se debe a unha cuestión editorial, xa que moitas compañeiras e compañeiros deses medios nos trasladan o seu apoio. A concesión deste premio a Defende A Galega é unha mostra diso.

Credes que a sociedade galega está dabondo informadas sobre as vosas reivindicacións?

Desde logo que non, pero cada día que pasa chegamos a máis xente. As redes sociais, algúns medios dixitais, e o boca orella axudan a espallar as nosas aspiracións. Tamén resultou importante que puidésemos achegarnos a algúns colectivos que manteñen protestas ou reivindicacións ás que non se lles presta a atención que merecen. Pero por suposto que aspiramos a que se nos coñeza máis e para iso traballamos.

"Mentres a manipulación non cese, mentres non  haxa consellos de informativos... Temos que resistir"

Ata cando credes que aguantarán as reivindicacións de non haber resposta nin solucións ás vosas demandas?

Mentres a manipulación non cese, mentres non haxa consellos de informativos e carreira profesional, mentres non se recupere a información de proximidade, mentres non se aposte pola información cultural, pola produción propia e mentres non se deteña o desmantelamento, temos que resistir. Un premio coma este serve para coller aínda máis folgos. Quizais a alguén habería que preguntarlle canto tempo van aguantar sen querer poñerlle solución.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.