A lei da CRTVG fai oito anos con artigos clave sen cumprir oitenta venres negros despois

Helicóptero empregado pola TVG para captar imaxes da visita do Papa a Santiago en novembro de 2011, mes da aprobación da lei © CRTVG

Hai agora oito anos, en novembro de 2011, o Parlamento viña de aprobar a nova lei dos medios públicos de comunicación. Culminaba así -non sen controversia entre os grupos- un proceso que comezara nos primeiros meses de 2010, cando un PP acabado de retornar á Xunta accedera a aprobar unha moción do PSdeG a prol da reforma da vella lei de creación da CRTVG, a mesma que o Goberno de coalición dos socialistas e o BNG prometera pero non chegara a impulsar.

Os prazos fixados pola lei para renovar a dirección da CRTVG comezaron a incumprirse seis meses despois da súa aprobación e aspectos clave da norma que si foron aplicados fixérono con anos de atraso

O despregamento da nova lei, que nacera entre promesas da fin do control gobernamental na Televisión de Galicia, logo atopou atrancos e seis meses despois da súa entrada en vigor xa estaban incumpridos os prazos fixados para aplicar algúns dos seus aspectos esenciais: a elección dun novo consello de administración e dirección xeral por maioría reforzada do Parlamento -dous terzos, 50 escanos-, así como a aprobación do mandato marco da nova Corporación, o documento que, segundo a lei, define os "os obxectivos xerais da función de servizo público que debe cumprir a corporación".

Algúns deses aspectos fóronse cumprindo nestes anos, pero con notabilísimos atrasos. O Consello da Xunta non deu luz verde ata outubro de 2013 á fusión da TVG e a Radio Galega nunha única compañía, paso imprescindible para o nacemento da nova Corporación RTVG, que non comezaría a operar a todos os efectos ata o 1 de xaneiro de 2016, xusto despois de que, con máis de tres anos de atraso sobre o fixado na lei, a finais de 2015 saíse adiante o devandito mandato marco.

Persoal da TVG mobilizado no 78º venres negro, este 15 de novembro CC-BY-SA Defende a Galega

Tras a elección do novo Consello de Administración, tres anos despois do previsto, a Xunta reformou a lei pola vía rápida para deixar o director xeral elixido en 2009 indefinidamente no posto

Foi tamén en 2015 cando, tras un pacto entre PP e PSdeG do que se desmarcara o resto da oposición, o Parlamento deu elixido coa maioría reforzada que marca a lei os membros do novo Consello de Administración da CRTVG -catro a proposta dos populares e dous, dos socialistas-. Eses nomeamentos activaban o mecanismo legal para, case catro anos despois do prazo legal, remudar a dirección xeral dos medios públicos, exercida dende 2009, cando volveu o PP á Xunta, por Alfonso Sánchez Izquierdo.

Pero cando todo apuntaba á fin do mandato de Sánchez Izquierdo, o Goberno galego mudou as regras. En outubro daquel mesmo 2015, aproveitando a tramitación da lei de acompañamento dos orzamentos de 2016, a Xunta introduciu unha modificación puntual nunha das disposicións transitorias da lei dos medios públicos. Como informou Praza.gal, aquela reforma permitiu, na práctica, que Sánchez Izquierdo continuase indefinidamente no seu posto, no que xa acumula máis dunha década. Polo camiño, o PP rexeitou no Parlamento en varias ocasións propostas da oposición que reclamaban cumprir xa integramente a lei.

Case oitenta 'venres negros'

O oitavo aniversario da entrada en vigor da lei cadrará co octoxésimo 'venres negro' de Defende a Galega

O oitavo aniversario da entrada en vigor da lei dos medios públicos, o vindeiro decembro, cadrará de xeito case exacto co octoxésimo venres negro -este venres desenvólvese o 78º-entre o persoal da CRTVG que, dende hai ano e medio, canaliza a través do colectivo Defende a Galega as súas denuncias de "manipulación informativa" e "desmantelamento" da TVG e da Radio Galega. O cumprimento íntegro da lei do ano 2011 é, precisamente, unha das reivindicacións centrais desta plataforma e do propio comité interempresas dos medios públicos. Por este motivo, cadrando co oitavo aniversario da lei, Defende a Galega vén de lanzar unha campaña de recollida de sinaturas para reclamar a aplicación íntegra do texto legal.

Imaxe divulgada por 'Defende a Galega' para a campaña de recollida de sinaturas CC-BY-SA Defende a Galega

Tras participaren en mobilizacións inéditas no seo dos medios públicos de comunicación galegos -dende a folga de finais de 2018 á histórica manifestación do outono do mesmo ano-, dende Defende a Galega volven apelar á colaboración cidadá para dar máis forza ás súas reivindicacións. Fano, din, porque "só é necesario prender a tele ou a radio calquera día" para "comprobar" que "non se cumpren" os "principios" fixados na propia lei, tal é o caso da "obxectividade, imparcialidade, veracidade e neutralidade informativa".

Defende a Galega vén de iniciar unha recollida de sinaturas para reclamar o cumprimento íntegro da lei, a comezar pola remuda na dirección xeral e a constitución do Consello de Informativos

Alén disto, dende Defende a Galega poñen o foco nalgúns dos incumprimentos máis evidentes da letra da lei. Por iso, explican, con esta recolleita de sinaturas procuran acrecentar a esixencia da "remuda  inmediata do actual director xeral" e a súa sucesión mediante "maioría de dous terzos" do Parlamento, así como "a urxente posta en marcha dun Consello de Informativos", órgano contemplado na lei, que "ampare" o persoal "ante as prácticas de manipulación que se dan no presente e se poidan dar no futuro".

A súa pretensión é, ao cabo, din, "esixir ao Goberno da Xunta e ao Consello de Administración da CRTVG o cumprimento da lei". Fano, conclúen, porque desexan "uns medios públicos ao servizo da cidadanía, que sexan espello da pluralidade do país, que exerzan de dinamizadores culturais e sociais" e que "informen, formen e entreteñan".

Persoal da CRTVG mobilizado nun venres negro © CUT-CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.