No transcurso do debate electoral televisivo do pasado luns, o presidente do Goberno de España en funcións e candidato do PSOE, Pedro Sánchez, incluíu nas súas propostas sobre Cataluña unha medida que, de aplicarse, afectaría ao conxunto do Estado. "Imos modificar a lei xeral audiovisual para que os consellos de administración de todos os entes públicos de comunicación, tamén os autonómicos, sexan aprobados cun apoio de dous terzos dos seus parlamentos", prometeu o líder socialista.
Sánchez asegura que promoverá que os consellos de todos os medios públicos sexan elixidos por "dous terzos" de cadanseus parlamentos; a proposta é lei en Galicia dende hai oito anos, pero segue incumprida nun aspecto clave
Segundo Sánchez, esta medida tería como finalidade evitar o control partidario dos medios de comunicación públicos. Alén de que, no caso de aplicarse, suporía un novo precepto estatal nun eido intimamente ligado ao autogoberno autonómico, o certo é que no caso galego non mudaría nada sobre o papel. Non en van, a proposta é lei en Galicia dende hai case oito anos, se ben é certo que aínda non se cumpre nun dos seus aspectos esenciais.
No outono de 2011 o pleno do Parlamento aprobou a nova lei dos medios públicos, que substituíu á lei de creación da Compañía de Radio Televisión de Galicia do ano 1984. Entre os preceptos daquela norma figura a elección por dous terzos dos membros do Parlamento -50 escanos- tanto do director ou directora xeral dos medios públicos de comunicación como do seu Consello de Administración.
Cando foi aprobada a lei, a dirección xeral levaba dous anos a exercela Alfonso Sánchez Izquierdo, designado tras o retorno do PP á Xunta en 2009 -Alberto Núñez Feijóo asegurara que pactara o nome co ex-socialista Pachi Vázquez, algo que este negara-. Atendendo á letra da nova norma, a remuda de Sánchez Izquierdo por maioría reforzada chegaría seis meses despois, a mediados de 2012, pero non se produciu.
Catro anos despois do previsto, en 2015, foi elixido o novo consello da CRTVG; só restaba a remuda na dirección xeral
Aínda que cun notable atraso sobre o previsto na propia lei, no verán de 2015 o Parlamento si elixiu os novos membros do Consello de Administración da agora Corporación Radio Televisión de Galicia mediante un pacto entre PP e PSdeG do que se desmarcara o resto da oposición. Só restaba, daquela, elixira tamén unha nova persoa para a dirección xeral.
Foi neste punto no que a Xunta deu en mudar as regras de xogo. En outubro daquel 2015, aproveitando a tramitación da lei de acompañamento dos orzamentos de 2016, a Xunta introduciu unha modificación puntual nunha das disposicións transitorias da lei dos medios públicos, a que indicaba que tanto o consello como o director xeral cesarían nas súas funcións cando fosen elixidos os "órganos de dirección da Corporación RTVG", o que viña de suceder.
Aproveitando a tramitación dos Orzamentos de 2016 a Xunta introduciu unha reforma legal que, na práctica, permitiu ao actual director xeral da CRTVG seguir indefinidamente no posto sen o apoio de dous terzos do Parlamento
Na nova redacción da lei, que o PP aprobou en solitario, indícase que se na posta en marcha da nova Corporación aínda "non estivese elixida a persoa titular da súa dirección xeral", o "exercicio das funcións" dese posto "corresponderá transitoriamente á persoa que fose titular da dirección xeral da Compañía". Os populares abrían así a porta a que Sánchez Izquierdo permanecese por tempo indefinido no seu posto, no que continúa catro anos despois. Fixérono, argumentaron, por falta de "consenso" para atopar remuda.
Deste xeito, no caso de que Pedro Sánchez volva gobernar en España e aplique a devandita reforma a lexislación audiovisual do Estado, faríao cando en Galicia está a piques de expirar o mandato de cinco anos do consello de administración da CRTVG, prazo que se cumprirá no verán de 2020. Para daquela, agás sorpresa, Sánchez Izquierdo acumulará case once anos como director xeral, nove deles en situación formalmente transitoria.